Anxo Lorenzo: "O interesante é que Culturgal tamén se dirixa aos profesionais"

Baixo a óptica do secretario xeral de Cultura, a Feira das Industrias Culturais é unha visita obrigada para os que queiran unha mostra completa do estado de saúde dos distintos eidos da produción cultural galega e da súa diversidade
Anxo Lorenzo
photo_camera Anxo Lorenzo

ANXO LORENZO, secretario xeral de Cultura, visitou onte a inauguración da Feira das Industrias Culturais de Galicia, un evento que conta coa promoción do gabinete autonómico e que el reivindica por recoller todas as vertentes da produción cultural galega. Lorenzo apunta que a capacidade de Culturgal para falarlle ao público xeral non impide que sexa ponte entre profesionais. Do emprazamento, aínda que lembra que non é o seu papel decidir sobre iso, sinala que non ve «un horizonte diferente».

Que destacaría da oitava edición da feira das industrias culturais?

Levamos bastantes edicións estando no Culturgal e vexo unha evolución tremendamente positiva. Agora é verdadeiramente a feira de todas as industrias culturais de Galicia. En edicións anteriores estaba máis representada unha parte, ou ben faltaba a presenza doutras. Agora é unha mostra bastante completa do que son as industrias culturais galegas na súa diversidade. Ámbitos como o editorial, o audiovisual, as artes escénicas, o asociacionismo cultural de base contribúen a que a industria cultural sexa parte importante da nosa produción industrial e da visibilidade da galega como unha cultura específica.

Cales son os sectores que atopan agora un maior oco na feira?

O éxito é que estean todas as industrias representadas. Nós, desde a Consellería de Cultura, non podemos entrar na programación nin queremos facelo. Pero sempre consideramos interesante que, a parte do público xeral, houbese unha parte de debate e reflexión dos profesionais das industrias culturais de Galicia. Nestas edicións estase coidando dunha maneira especial que sexa lugar de encontro dos profesionais de diferentes ámbitos. Por exemplo, hoxe celebrarase un encontro profesional de Escena Galega e Agadic arredor de cuestións que teñen que ver coas artes escénicas e a danza. Mañá haberá outro entre persoas do mundo audiovisual e do editorial para analizar proxectos literarios que poderían ser verquidos en formatos audiovisuais: serie, serie web e longametraxes. Iso vincula ao Culturgal ao mercado profesional.

Hai suficiente espazo na axenda para esa oferta para profesionais?

Para unha feira deste tipo hai públicos moi diferentes. Hai produtos que vai buscando o público xeral, e, no canto, os eventos do Culturgal para profesionais non son masivos, pero van centrados nas minorías significativas que permiten darlle maior diversidade e a dimensión de punto de encontro da Cultura de Galicia.

Cal é o futuro de Culturgal cando non queda un centímetro cadrado por ocupar no recinto?

A feira ten unha avaliación continuada do seu funcionamento a cargo da asociación que a organiza. Todos os anos, aló por febreiro, facemos unha posta en común e creo que aí ten que haber unha reflexión e unha toma en consideración do que estiman oportuno para que Culturgal siga sendo un referente.

Vinculada ao seu éxito está a idea de que pode deixar de celebrarse en Pontevedra...

Tampouco é ese o noso ámbito, pero paréceme que está moi ben asentada en Pontevedra e hai boa colaboración institucional. Non sei cal será a reflexión da organización, pero eu atópoa perfectamente asentada no lugar, no contexto e no espazo que agora ocupa. Non vexo un horizonte diferente.

Estaba prevista de Neira Vilas, mais a cita converteuse nunha homenaxe póstuma.

Nos últimos días deixáronnos tres persoas importantes da cultura galega: Carlos Oroza, que escribía en castelán, pero facía poesía plenamente galega; Neira Vilas, que era literato e tamén promotor de moitas iniciativas culturais, e Chao Rego, un teólogo cunha liturxia en galego. En Culturgal haberá ocasión de lembralos, pero a feira é da cultura viva, da produción editorial, escénica e plástico: hai unha exposición comisionada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral moi interesante...

Tamén é unha ocasión para reivindicar o gasto en Cultura.

A cultura crea riqueza e emprego e temos que pensar que só podemos conseguir que aos creadores lles chegue unha retribución xusta comprando. Ademais, a cultura non é cara en comparación con outros sectores e é diversa: temos produtos para todos os públicos.

Comentarios