Antonio Durán, 'Morris': "Cando eu empecei, ser actor era algo suicida"

O intérprete vigués recala este sábado ás oito da tarde nos cines Cristal lugueses coa celebración dos dez anos de A esmorga. Un filme que, ao igual que o protagonista, voou alto levando a humildade por bandeira
Antonio Durán, 'Morris'. XURXO LOBATO
photo_camera Antonio Durán, 'Morris'. XURXO LOBATO

Antonio Durán, 'Morris' (Vigo, 1959), forma parte desa raza de actores que se elevan coa idade. Os seus comezos, lonxe dos escenarios, remóntanse á marmolería dun familiar cincelando lápidas. Quizais por iso o de traballar arreo, non se lle esqueceu nunca. Coma tampouco deixou de recordar as súas orixes humildes nun barrio obreiro de Vigo, a pesar de ter alcanzado a maior das glorias como intérprete en Pratos combinados ou Fariña.

Remontémonos aos seus inicios. Teño entendido que tivo que facer un pouco de todo antes de poder adicarse á interpretación...
Traballei repartindo pan e tamén nunha marmolería! Pero esto último foi porque era propiedade duns familiares, non fun eu o que elixiu as lápidas (ri).

E como acabou sendo actor?
Eu estudei nun colexio privado e cando pasei a COU funme á pública, onde descubrín a liberdade, a comunicación. O certo é que había un profesorado cojonudo. Unha mestra invitoume entón a participar nunha versión de Os vellos non deben de namorarse e, para a miña sorpresa, vin que a xente desfrutaba conmigo.

No colexio foi onde comezaron a coñecelo polo apodo Morris pero tamén era o seu alcume como militante, non si?
Realmente o de Morris -que vén do meu segundo apelido, Moreiras- comezou no colexio, pero tamén era o nome co que me coñecían cando empecei a moverme nos círculos da Liga Comunista. Ata dei mítines! Diría que o meu primeiro papel interpretando foi cun megáfono na rúa do Príncipe de Vigo.

Era desos de pintadas e pedras contra os autobuses?
Si, si. En concreto, podo dicirche que apedreabamos o Vitrasa número 11 (ri). Era a época da reconversión, das grandes folgas en Vigo... Uniuse un pouco todo. Ata cheguei a ir aos mítines do Movemento Obreiro na igrexa dos Xesuítas! Era un pouco utópica a militancia que tiñamos daquela, nada que ver coa política de hoxe en día.

Pois vostede nas últimas autonómicas aproveitou para recordarlle a algúns que Galicia non é terra de eucaliptos...
Si, e costoume un bo feixe de contestacións en X (antes Twitter). Non me apetece falar moito de política, pero si que teño conciencia de país e de clase. Eu crieime en Teis, un barrio loitador de toda a vida. Tiña un pai electricista, a miña familia era moi humilde.

A diferenza de moitos actores decidiu quedar na súa terra. Condiciounou iso a súa carreira?
Si que a condiciounou. Pero non me podo arrepentir porque eu traballaba tanto que me acomodei totalmente. Nese sentido sempre fun perezoso, decidín tarde ir a conquistar España (ri).

Tivo o seu boom na comedia con Pratos combinados e logo virían papeis mais dramáticos. É difícil cambiar tanto de papel?
A comedia parece sinxela de facer pero, realmente, é do máis difícil. Normalmente, onde hai gran cómico detrás tamén hai un gran actor dramático. Ocorre con todos os grandes: Alfredo Landa, Sacristán, Fernando Fernán Gómez... Se tes a capacidade na comedia para comunicar, tamén a terás para mostrarte noutros rexistros.

Nesa liña, tocoulle interpretar a Manuel Charlín en Fariña e vostede viviu a época dourada do narcotráfico en plena Movida viguesa... Xogaba con vantaxe?
É certo que eu aí tiña moitos datos. Vivín todos os lados da lei, aínda que hoxe en día esté dun lado soamente. Vivín a festa, ese momento da Movida. E ese papel foi realmente un regalo da vida: eu acordábame de todas esas noticias da operación Nécora, que acontecería cando eu tiña uns vinte anos. E rematei interpretando a Charlín cando cheguei á idade que el tiña naquela época.

Tamén foi a infancia de moitos nenos ao facer a dobraxe do Mestre Mutenroi de Dragon Ball na TVG. Recoñecérono algunha vez pola súa voz?
Si! Os chavales que hoxe rondan os 30 ou 40 anos fanme case tantas entrevistas por ser Morris como por ser a voz de Mutenroi. E iso que foi algo que eu recoñecín co tempo, no momento no que o facía non lle daba importancia. Se che son sincero, parecíame un coñazo (ri). Pero porque eran secuencias moi longas e ata tiña que deixar de fumarme un cigarro para poder facer o famoso "Onda vital" (ri).

Ten moita relación con Lugo por medio da produtora meirega Gaitafilmes. Que o fai aceptar papeis algo máis pequenos ou con directores pouco coñecidos tras corenta anos de traxectoria?
Os actores estamos obrigados a combinar o que nos alimenta de comer co que nos alimenta o corazón. De feito, a min Andrés Goteira tardou en convencerme para facer Dhogs porque non a entendía. Pero estou orgullosísimo de coñecelo, é sangue nova. E temos unha nova película entre mans, Monstro, que será moi apetitosa.

Séntese lonxe dos que hoxe están comezando?
Si, pero non de sentimento. Eso segue a ser o mesmo: é un sentimento de aventura, de paixón, salir da túa personalidade para expresarte a través de personaxes... Cando eu comecei na interpretación era algo case suicida. E os que veñen agora téñeno incluso máis complicado por ese obxectivo do éxito inmediato.

Vostede sempre dixo que tiña físico de secundario pero fixo un protagónico en A esmorga hai dez anos. Que cambiou en vostede?
A verdade é que é algo que recordo coma se fose onte, para min non cambiou case nada. A ver, pasaron os anos, mudou o audiovisual... Foi unha aventura sentimental, unha viaxe interior da xente que participou naquel equipo. Algo case irrepetible.

Mirando en perspectiva: quedoulle a espiña cravada de chegar con ela ata os Goya como si que aconteceu recentemente con outras ficcións galegas como O que arde ou Matria?
Si, totalmente.