sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

O Ano Carballo Calero arranca en Lugo, a cidade que o acolleu con fraternidade

Acto de inauguración do Ano Carballo Calero. VICTORIA RODRÍGUEZ
Acto de inauguración do Ano Carballo Calero. VICTORIA RODRÍGUEZ
A súa filla maior, Margarita, destaca a importancia que a cidade supuxo na proxección do seu pai

Lugo foi este mércores o escenario do arranque do Ano Carballo Calero, o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. O acto, revistido de solemnidade, tivo lugar no colexio Fingoi, do que o intelectual galeguista foi o seu primeiro director.

Ricardo Carballo Calero consideraba co mesmo rigor o teatro que a vida. "Cando daba clase tiña un gran respecto polos alumnos, pero mantiña o distanciamento. O seu xeito de dar clase era: 'Vostedes son espectadores e eu son o autor da representación'", comentou o presidente da RAG, Víctor Freixanes. A escolla do colexio Fingoi puido ter numerosas motivacións, pero non o azar. Non foi casual que representantes da Academia,a Consellería de Cultura e o intelecto se reunisen este mércores alí.

O fundador do centro, o empresario Antonio Fernández (Antón de Marcos), necesitaba un director para poñer a funcionar todo un colexio, unha persoa que combinase a capacidade de organización, o impulso administrativo e a sabedoría pedagóxica.

Álvaro Gil faloulle dun filólogo de Ferrol que armara un posto de defensa bélica no Madrid republicano e que aproveitara os anos de cárcere para aprender alemán. Antonio Fernández deduciu que quen sabía unha lingua de estruturas tan fundamentadas ben podería asentar as bases do seu colexio.

O promotor pensara o centro como unha entidade para impartir ensino de vangarda e calidade, afastada do modelo memorialístico. Sería un illote peculiar no océano da educación envarada que impuxera a ditadura. Abriu en 1950 e aínda mantén esa concepción, que agora aprenden cativos como un bisneto seu. Os profesores non usaban libros, examinábanse seguindo os apuntamentos que debían tomar os estudantes.

María Dolores Fernández, ex alumna e compañeira de departamento de Galego, lembraba cando aprendían a Guerra dos 30 Anos. "Don Ricardo reparou en que me faltaba unha frase. Animoume a deducila. Tívome dous recreos mirando notas. Cando soubo que non o lograría, revelouma. Fáltabame 'sin ambages’. Nunca o esquecerei".

Margarita Carballo incidiu na dedicación do seu pai ao colexio. "Era o primeiro en entrar e o último en saír". Esa entrega non lle impediu quitar horas extraordinarias dos días para entender Fingoi como o teatro de operacións dende o que se proxectaría. A súa filla considera o colexio "como unha ponte que o levou dende a dura vida en Ferrol ata a universidade en Santiago". Durante os quince anos que botou na entidade "fixo a tese doutoral, cando pensar no galego na universidade era unha utopía". Nesa década e media rematou a tese doutoral.

Na produción de Lugo sobresae a súa historia da nosa literatura, "unha magna obra", na opinión de Valentín García. secretario xeral de Política Lingüística. Nin a súa obra nin o colexio serían posibles sen a disciplina e a seriedade de don Ricardo. Os seus exalumnos lembran escoitalo cantar Quen me dera lobeira e descubrir, fascinados, que choraba.

O colexio Fingoi será tamén a sede no mes de abril doutro acto e haberá un simposio sobre o autor na cidade en outono. Están previstas outras tres convencións na Coruña, Ferrol e Santiago, e máis a reedición da súa Historia da literatura galega contemporánea.

Ao concurrido acto deste mércores asistiron tamén a deputada de cultura, Maite Ferreiro; Xulio Xiz, presentador e promotor dunha exposición sobre Carballo, ou o profesor e exalumno do intelectual Ramón Reimunde. O evento foi animado pola voz de Pilocha e as actuacións de alumnos de Primaria dirixidos por Pepe Vaamonde e Paloma Suances.

Pioneiro na cátedra de Galego 
A importancia de Carballo Calero (Ferrol, 1910; Santiago, 1990) para o conxunto da cultura galega é que foi un pioneiro no acceso do idioma de Galicia á universidade ao ser o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da USC.

Seminario. Dentro da súa especialidade, moveuse con autoridade en varios ámbitos ao ser historiador da literatura, crítico, lingüísta e escritor. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e numerario da RAG.

Profesor. A Guerra Civil sorpredeuno en Madrid, onde opositaba a profesor de instituto, e situouse no bando republicano. Antes axudara a fundar o Partido Galeguista. Foi encarcerado. No 1950 empezou a dirixir o colexio Fingoi de Lugo, onde impartiu varias materias. Permaneceu ata 1965, cando marchou a Compostela paradar clase na universidade.

Reintegracionismo. Na súa última etapa mostrouse a prol das teses que defendían a coherencia histórica e lingüística do galego vencellándoo co portugués e que atoparon continuidade no movemento reintegracionista.

O Ano Carballo Calero arranca en Lugo, a cidade que o acolleu con...
Comentarios