Ángel Basanta: "Torrente Ballester dicía que os galegos non vemos o mundo, por iso temos que inventalo"

Nacido nunha casa sen libros, aínda se emociona ao contar que os seus pais o apoiaron para estudar. Chegou a catedrático de instituto e aínda preside a Asociación Española de Críticos Literarios

Ángel Basanta, nun hotel de lugo hai uns días. XESÚS PONTE
photo_camera Ángel Basanta, nun hotel de lugo hai uns días. XESÚS PONTE

O CRÍTICO está pechando un círculo vital que ten un diámetro de cincuenta anos. Ángel saíu da casa en Crecente (A Pastoriza) con dez anos e volve con 68 cunha guía literaria do seu municipio. Ese traballo fíxolle "volver ler a Cunqueiro", pois o escritor mindoniense escribiu sobre A Pastoriza como parte das Terras de Miranda.

Xa que me cita por Cunqueiro, empecemos a entrevista por el. Vostede coñeceuno.
Cando estaba en quinto da carreira de Filoloxía, en 1972, encargáronme organizar uns cursos da USC en Vigo. Había que chamar a seis conferenciantes, dos que eu escollería tres. Elixín a Torrente Ballester, Cunqueiro e Méndez Ferrín. O meu profesor designou a Cela, entre outros.

Vostede establece dúas estirpes na literatura española. Unha de imaxinadores, que parte de Cervantes e continúa con Galdós e Torrente. Outra de estilistas, que forma un arco que cubre a Quevedo, Valle Inclán e Cela. Cela é un puntal da literatura española para vostede, pero ten pouca presenza nos seus textos.
Traballa a lingua dun xeito sublime, pero non me interesa moito.

Exame
Torrente estaba dous ou tres meses falando e falando contigo. Non te dabas de conta, pero estaba xulgándote

A liñaxe que lle interesa, logo, é a de Cunqueiro. Fáleme dos seus encontros.
Convideino a dar conferencias neses cursos que organicei en Vigo. Dabamos longos paseos pola praia de Samil. Un día díxome que coñecera a Idade Media no seu Mondoñedo. E contesteille: "Vostede coñecería o Neolítico porque a Idade Media coñecina eu na miña aldea".

Os seus veciños serían moi cunqueiráns.
Eu tiña un tío que era albeite. Non lera máis que tres ou catro libros sobre veterinaria, pero curaba animais. Criticaba dos veterinarios que "coñecen trescentas enfermidades do gando, pero ningunha das tres ou catro que hai nesta zona". Ao final da súa vida estaba ingresado cun cancro, pero os doutores non o tiñan claro. Dicíame: "Non entendo como non dan co que me pasa. A min as vacas non me din onde lles doe e sei o que lles pasa".

Organizar eses cursos tamén lle permitiu coñecer a Torrente Ballester.
Xa tivera contacto con el cando Torrente daba clases en Estados Unidos. Escribínlle para dicirlle que me gustaría facer a miña tese doutoral sobre el. Contestoume, pero perdín a carta; daría calquera cousa por tela. Lembro a resposta: "Si está usted lo suficientemente loco como para perder el tiempo en ocuparse de mí...". Convidalo aos cursos de Vigo permitiume acompañalo nos paseos entre A Ramallosa e Baiona. No verán, nesa zona, hai un ou dous días de néboa. Nun deses días de néboa, el ía falando e eu escoitaba...

Vostede é falangueiro.
Son, pero daquela escoitaba a don Gonzalo. Estaba pasando a experiencia de Torrente Ballester, que te sometía.

Deixemos iso para despois. Interrompino cando me contaba unha conversa con Torrente.
El ía falando mentres camiñabamos pola beira do mar entre a néboa; sabiamos que o mar estaba alí, pero non podiamos velo por culpa da brétema. De súpeto, Torrente detívome, sinalou co seu caxato cara á costa e preguntoume: "¿Ángel, qué ves?". Aqueles vinte segundos foron os peores vinte segundos da miña vida. Non sabía que contestar. El insistiu: "Díme, ¿qué ves?". "Pues no sé, don Gonzalo; no veo nada". El sentenzou: "¡Claro! ¡No ves nada! Los gallegos no vemos el mundo y, por eso, tenemos que inventárnoslo!". Esa frase define moi ben a literatura galega. Cunqueiro é imposible en Ávila e Santa Teresa, en Santiago.

Quedounos reservada "a experiencia de Torrente Ballester".
Ah, si! Consistía en que Torrente estaba dous ou tres meses falando e falando contigo. Non te dabas de conta, pero estaba xulgándote. Se consideraba que podías aprender, para adiante; se non, adeus.

Realismo máxico
Cunqueiro dicía polo baixo: 'Yo lo hice antes'. Rulfo e máis el non se influíron, foi simultáneo

Tratouno sempre de vostede pese á cercanía?
Con 25 anos quitei a cátedra de instituto. Cando fun visitalo a Salamanca, quedamos no café Novelty, onde el ía sempre. Díxome: "Ángel, ahora que has sacado la cátedra, ya somos colegas. Olvídate del usted". Despois, coincidimos en Santiago. Coñecía a cidade pedra a pedra. Hai unha teteira da que fala na novela Fragmentos del apocalipsis. Eu estaba con el cando comprou esa teteira!

A relación con Cunqueiro foi esporádica. Aínda así, haberá algunha anécdota que poida contar.
Unha vez viña de París. Atopárase co gastrónomo Néstor Luján. Eran moi amigos e había moito tempo que non se vían. Cunqueiro contoume que beberan un viño carísimo, dunha burrada de francos, non me acordo agora. Don Álvaro pediume: "No lo cuente por ahí, la gente va a pensar que vivo muy bien, y no es cierto. Cuando se encuentran dos grandes amigos tienen que celebrarlo".

Álvaro Cunqueiro inventou o realismo máxico ou foron os suramericanos?
Cunqueiro dicía polo baixo: "Yo lo hice antes". Publicou Merlín e familia en 1955; Juan Rulfo publicou Pedro Páramo, a novela emblemática do realismo máxico, en 1995. Non creo que se influísen, foi algo simultáneo. Máis ben penso que actuou "el polen de ideas", coma o título de Darío Villanueva. Ese pole voa polo mundo e dá froitos aquí e alá; ás veces, uns autores coñecen a outros, e outras, non. Cunqueiro e Rulfo non se coñecían.

Cunqueiro e García Márquez coincidiron en 1969 nun restaurante do Raval. Disque nin se saudaron, aínda que cadaquén sabía quen era o outro.
O ego. García Márquez triunfou coa edición de Cien años de soledad de 1969 e, no 69, Cunqueiro gaña o Nadal. Daquela empeza a recoñecérselle en Galicia porque ata o daquela era ignorado ao escribir en castelán e en castelán era considerado un autor galego. Hai un veto sobre el que levanta Méndez Ferrín.

Ferrín? Ferrín levantou un veto a un autor considerado do réxime co ideoloxizado que estaba?
Escribiu ao seu favor e en Galicia dixeron que, se Ferrín levanta o veto, haberá que levantarllo.

Méndez Ferrín
En ABC preguntaron pola importancia de Ferrín e contestei: Es tan importante como cualquiera, incluidos todos

A Méndez Ferrín tamén o coñeceu no ano 72 en Vigo.
Dabamos uns paseos moi longos. Ferrín leu todo e é moi intelixente. Eran paseos sen final, ata a madrugada. Durmiamos dúas horas e seguiamos falando. Cando empecei a escribir en ABC, chamei para dicir que quería facer unha crítica de Arraianos, de Ferrín, que fora traducido ao castelán. O xefe de Cultura preguntoume: "¿Tan importante es ese Ferrín? Comparámelo con alguien de castellano". "Es tan importante como cualquiera, incluidos todos".

Sabía do Ferrín político?
Evidentemente, non.

Se Méndez Ferrín lera todo, que me di de Torrente Ballester?
Torrente ten uns diarios que escribiu cando tiña 30 anos nos que se comproba que lera todo tamén. Era difícil falarlle dun autor que non coñecese.

Tamén foi sospeitoso de escribir no rego do realismo máxico.
Cabreábase moito cando se dixo que escribira La saga/fugade J.B. baixo a influencia de Cien años de soledad. La saga/fuga é unha parodia e Cen anos, unha novela moi lírica. La saga/fuga é unha burla da novela experimental, que estaba de moda nos 70. Torrente escribe: "Acabo de leer una novela que no sé dónde se localiza, ni en qué tiempo, ni cual es su protagonista. Esto es lo que se hace cuando no se sabe qué hacer". La saga é o Quijote da narrativa experimental, porque se burla dela.

Cando leu por vez primeira o Quijote?
Eu fun un lector tardío porque na miña casa non había libros. Lino por vez primeira en segundo de carreira. Dende que lin El Quijote como juego, de Torrente Ballester, leo o Quijote cos ollos de Torrente. Unha vez díxenlle a Torrente que detrás dese intento de explicar o Quijote había un intento de explicar La saga/fuga. Quedou teso. Un segundo máis tarde dixo: "Es verdad". José Bastida, o protagonista, é un ninguén fronte aos poderes fácticos de Castroforte del Baralla ata que lle piden que conte a historia da cidade porque queren revindicarse fronte a Villasanta de la Estrella. Bastida inventa todo e é quen acaba vencendo. Simboliza o triunfo da imaxinación sobre todos os poderes, político, económico, social, etc. Torrente bromeaba con esa obra dicindo: "No sé si es una buena novela o es un invento de Bastida". La saga/fuga mete a novela española en Europa.


"Cando criticas unha obra dun rapaz non podes facer sangue"

O SEU MAIOR orgullo como crítico é que, en 25 anos, nunca deu unha explicación porque fai "unha crítica independente non mediatizada".

Nunca tivo un problema cun amigo que escribe un libro?
O máis perigoso é facer crítica dun libro dun amigo ou de alguén do medio no que sae a crítica. Cando é bo non me importa; pero, se non me gusta, prefiro quedar liberado. É o mellor para o escritor e para min.

Torrente Ballester era amigo seu. Nunca lle comentou unha crítica a un libro que escribira?
Torrente Ballester estaba de volta de todo, mesmo en relación coas críticas boas. Había novelas que el definía en privado como "alimenticias", que escribía para manter á familia. Fixen críticas amables dalgunhas novelas súas porque non tiña sentido facer sangue.

Hai tres estadios nun escritor que un crítico debe ter en conta

As novelas dos últimos anos de Torrente son frouxas.
Hai tres estadios nun escritor que un crítico debe ter en conta. Cando comentas o libro dun rapaz non podes disparar porque corres o perigo de matalo. Hai que darlle unha oportunidade. O crítico debe ser esixente co escritor asentado de entre 30 e 60 anos. Hai unha terceira etapa, que é a do escritor en decadencia, como foron Galdós ou Torrente, que son señores das letras porque fixeron novelas importantes. Daquela, a crítica esixente non ten sentido.

Nesa etapa téñense en consideración factores extraliterarios.
Existen moitos modos de dicir o que pensas. Os lectores de crítica literaria —que son moi poucos—, son grandes lectores, lectores lúcidos. Entenden o que queres dicir porque son lectores moi cualificados.

Como empezou a facer crítica?
Foi o vilalbés Darío Villanueva quen me convidou. El entrara na cátedra de Moreno Báez un ano antes ca min. Cando un empeza nunha cátedra pide axuda ao último que entrou. Os que estudamos en Santiago tiñamos sona en toda España de ser grandes lectores. Moreno Báez facíanos ler moito na carreira, porque dicía que ese é o xeito de aprender literatura. Liamos sesenta libros cada ano.

Cal foi a súa primeira análise?
Los cuadernos de un vate vago, de Torrente Ballester.

"Botei un mes de xeonllos en Mondoñedo por ler La Celestina

A ENTREVISTA desenvolveuse no Méndez Núñez de Lugo, un hotel que "estaba moi arriba" nos niveis de categoría cando Ángel Basanta estudaba Preu en Lugo. "Cando xa me fixera coa cidade, tiven que marchar a Santiago e empezar de novo" porque os de Coruña e Vigo eran os que dominaban o enxame das relacións. Antes de chegar a Lugo, pasara por Lourenzá entre 1960 e 1962, ano en que marchou ao seminario de Mondoñedo.

Lembra que Dick Turpin y el enmascarado, de Fernando Miramón, foi o primeiro libro que leu. Miramón era un comunista de Valencia, que se gañaba a vida escribindo novelas xuvenís. Como chegou a esa obra?
Supoño que na fonda de Amandina en Mondoñedo. Era unha parente do meu pai e a súa filla tiña libros. Imaxino que carecía de valor literario.

O seminario de Mondoñedo ten unha magnífica biblioteca. Sería un paraíso para vostede.
Non se crea. Non había os libros que me interesaban daquela. Botei un mes de xeonllos por ler La Celestina.

Que me está contando?
Tiña uns 16 anos e sorprendéronme lendo La Celestina. Non o tiñan na biblioteca, así que supoño que o atopei na fonda de Amadina tamén.

Os cregos dese tempo eran carlistas e falanxistas.
Si, pero estoulles agradecido porque entendín La Celestina grazas á formación de base latina que me deron. Onde eles vían un putiferio, eu vin unha crítica áceda social e política escrita por un heterodoxo que tivo que poñer un nome falso para que non o queimasen.

Non me diga que está agradecido aos curas que o axeonllaron durante un mes.
Eu non quedei traumatizado. Viña dunha aldea e fun en bruto ao seminario.

Tamén destaca a sabedoría non libresca dos seus veciños.
E que había cousas... A autoreferencia non é autobiografía novelada nin novela autobiográfica. A autoreferencia é un veciño de Crecente que andaba correndo dunha banda para outra. Outro advertiulle: "Se segues correndo vas atoparte contigo mesmo". A autoreferencia é un veciño da miña casa que estaba nunha situación apurada, que non vou contar. Outro veciño preguntoulle: "Pero ti, que fas?" E contestou: "Se che digo a verdade, minto".

Comentarios