Andrés Goteira: "Non quereríamos volver facer unha película precariamente"

O equipo de Dhogs, o filme triunfador nos premios Mestre Mateo, explica como é facer cine de xénero desde Meira. "O pobo axudounos a arrancar, con axuda económica. Cantas produtoras hai en Madrid? Aquí non hai competencia"

O equipo de Gaitafilmes celebra o éxito de Dhogs nos Mestre Mateo
photo_camera O equipo de Gaitafilmes celebra o éxito de Dhogs nos Mestre Mateo. ÓSCAR CORRAL/ROCÍO CIBES

Pouco antes das nove da noite de onte chegaba Andrés Goteira á súa casa de Meira. El e o seu equipo, que pasaron xa á historia do audiovisual galego coma "os catro de Meira", viñan de gañar trece Mestre Mateo coa súa primera película, Dhogs. Hoxe non irá traballar, porque ten unha entrevista na TVG, pero mañá estará de volta no establecemento onde vende electrodoméstricos na súa vila natal, como se nada extraordinario tivese pasado.

Nin Goteira nin o produtor Suso López denotan un chisco de sobreentusiasmo na voz. O primeiro recoñece a resaca logo da celebración. O segundo, nin iso, só "moita falta de sono". Teñen a fala pausada das xentes da Galicia britoniense e semella que quixesen quitarlle importancia ao feito de que a súa película sexa a máis galardoada de toda a historia dos premios Mestre Mateo. 

Coinciden en que queren gardar algunhas das cacholas —"aínda pesan de carai", comenta Andrés Goteira— do Mestre Mateo no local da produtora Gaitafilmes, en Meira. Organizarán visitas para que a xente vaia velas?, pregúntolles. Eles dubidan de que alguén poida chegar a ter interese en mirar de preto as estatuíñas.

Andrés Goteira e Suso López queren seguir a facer cine desde Meira para o mundo e consideran que para contar historias un pode facelo desde calquera recuncho do planeta, por moi periférico que este sexa. Mesmo, o director apunta que quizais a eles, nesa fase de produción que se prolongou no tempo por falta de recursos, favoreceunos ser e estar en Meira. "A xente apoiounos e mesmo axudounos economicamente, víalos con suadoiros, coas camisolas... Cantas produtoras hai en Madrid ou en Santiago? Nós non temos competencia", expón.

Goteira trouxo a idea de Edimburgo —"escapei un ano a traballar alí"— e o movemento comezou en 2013. Relata Suso o lento que foi o proceso de busca de financiamento, de informarse de que tipo de axudas había, de facer equipo. "Nós queriamos facer unha película profesional, ben feita, pero non sabiamos como".

Nós queriamos facer unha película profesional e ben feita pero non sabiamos como

O caldo no que ferveu o proxecto está enriquecido con proxectos como Gaitafilmes e a asociación M de Meira, organizadora de citas como o festival de cine M de Cine —"na última edición premiamos Matria, de Álvaro Gago, fixémolo nós antes que os de Sundance e os Mestre Mateo", incide Suso López— ou os concertos de Meirendas. O produtor, a quen lle queda mágoa non ter "reivindicado un pouco máis o rural e o galego" na gala, considera que é un xeito de facer comunidade.

Goteira non era sequera un curtametraxista cando se puxo con Dhogs. "Si que gravara cousas cos amigos, en plan amateur, pero nada máis. A primeira vez que me sentín director foi con Dhogs e aínda lembro como me poñía nervioso ao darlles ordes a eses cracks de actores e actrices como Morris, Carlos Blanco, Miguel de Lira, Melania Cruz, María Costas...".

O sábado, tanto Laura Vallejo como Sara Horta, produtoras do filme, sinalaban tamén as dificultades do proxecto. Esta última lamentaba que fose máis doado estrear unha película galega feita en galego fóra de Galicia ca no país. Suso López recoñece que a historia da épica de como chegou a materializarse Dhogs e comezar a súa existosa carreira de selección e premios nos festivais internacionais pode conformar un bonito relato, pero coida que é mellor "que non se teña que repetir".

Cando aínda lles queda acompañar o percorrido de Dhogs, que volverá esta primavera por festivais internacionais e que poderá estrearse comercialmente en tres países, un deles Holanda, os Gaitafilmes, os catro de Meira, pensan xa en dous novos proxectos.

Un deles, sería unha película "de xénero", tamén con guión e dirixida por Goteira. O segundo é un biopic documental, "máis humilde", que pensan que poida ter saída máis axiña.

Andrés Goteira sostén que nin se lle pasou pola cabeza deixar a tenda de electrodomésticos. "Honestamente, vexo moi difícil vivir de dirixir. Tampouco me obsesiona facer disto o meu oficio".

Proxección en Lugo o 15 de marzo
A primeira data que teñen marcada no almanaque os Gaitafilmes logo de arrasar nos Mestre Mateo é a proxección de Dhogs no auditorio de Lugo o xoves 15 de marzo, ás 21.00 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Sara Hora anunciara o sábado que estrearán en salas comerciais galegas a película o vindeiro mes de maio e Suso López confiaba onte en que unha das prazas onde se poida ver sexa a cidade de Lugo. "A ver se o impacto dos Mestre Mateo nos axuda neste sentido".

Hai quen quere repetir
Dhogs púidose ver a semana pasada na Escolma de Sarria e, en decembro, en M de Cine de Meira, a estrea para os meiregos. Sostén Andrés Goteira se son algúns os veciños os que lle aseguraron que queren volver a poñerse fronte a Dhogs en pantalla grande. Asemade, desde a produtora non descartan tampouco a  posibilidade de visualización baixo demanda en plataformas dixitais.

Coinciden Goteira e López na importancia de que os estamentos públicos se impliquen no apoio económico aos creadores. O cine tamén fixa poboación no rural. 

Comentarios