Anabel Gulías: “O noso traballo é visibilizar e potenciar a industria cultural de Galicia”

O Concello de Pontevedra chega ó Culturgal 2015 cunha aposta firme polo programa ‘Pontevedra ten un puntazo’, no que 40 empresas culturais darán a coñecer os seus proxectos
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica
photo_camera Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica

As concellerías de Cultura e Promoción Económica de Pontevedra camiñan da man no Culturgal. Entre as apostas do Concello de Pontevedra neste ano para a Feira das Industrias Culturais de Galicia irrompe con forza o programa ‘Pontevedra ten un puntazo’.

Apostar pola cultura é tamén apostar pola economía local.

Por suposto. O programa ‘Pontevedra ten un puntazo’ é froito da colaboración entre a área de Promoción Económica e a de Cultura do Concello de Pontevedra. Pensamos que un evento como o Culturgal, que é unha feira das industrias culturais de Galicia e, polo tanto, un dos eventos máis importantes do ano e imprescindíbel para toda a industria, tiña que ter unha representación potente de Pontevedra. Nós viñamos detectando que na cidade hai unha industria cultural moi importante e un movemento artístico cultural vinculado á industria incipiente. A cultura e a creatividade tamén son recursos económicos. Cando traballas en cultura e en creatividade, á parte de sacar un beneficio persoal estás achegando a cultura á sociedade e estás democratizando a cultura. Para nós era moi importante visibilizalo. De aí que crearamos este foro e decidaramos mostralo.

De que maneira?

Queriamos que o stand do Concello de Pontevedra este ano tivese un valor engadido. O stand do Concello está adicado á industria creativa e cultural de Pontevedra. Ten unha montaxe moi chula con cubos que representan a distintas empresas coas súas tarxetas de visita para que todos os visitantes do Culturgal teñan unha foto fixa de todo o que poden atopar en Pontevedra. Tamén decidimos que queriamos velos traballar en tempo real. Para iso propuxemos facer un proxecto colectivo e que creasen en directo un programa susceptíbel de ser aplicado (ou non, se non nos gusta). O obxectivo é amosar a potencialidade e ver como crean.

Que empresas ou sectores estarán representados no stand do Concello de Pontevedra?
De todo: audiovisual, deseño, arte... Quedaron algunhas empresas fóra, pero coas elixidas faremos un catálogo. O traballo do Concello debe ser visibilizar, potenciar e estar coa industria cultural, porque para nós é un sector estratéxico da cidade, non só pola propia potencialidade senón pola alianza coa Universidade. 

E aí intervén o proxecto Campus Crea.
Ten esa denominación non por casualidade. Queremos sumarnos a este movemento, traballar coa Universidade. De feito, nalgunha área ímolo facendo xa. Paréceme un dos proxectos máis chulos e máis interesantes da miña área e da área de Cultura, porque supón darlle soporte real e tanxibilidade a cuestións como a arte e a creatividade, que parece que están no abstracto, pero que para nós é unha liña estratéxica.

A exposición no stand non é a única intervención do programa ‘Pontevedra ten un puntazo’ no Culturgal.
Non. Mañá sábado celebraremos unha Speed Dating Cultural. Creo na capacidade destas empresas pontevedresas e na capacidade de traspasar a propia cidade. Dentro de Pontevedra ten un puntazo temos unha actividade expositiva na Casa da Luz na que amosamos todo o que temos, e do que estamos moi orgullosos como cidade. Por exemplo, de que Kalandraka teña delegacións en todo o estado español; de que unha industria como Esmerarte estea a facer os eventos con máis repercusión de todo o estado... Todas as empresas que están en Pontevedra ten un puntazo teñen o seu aquel. Queriamos poñelas en contacto con outros proxectos e apostamos polo formato do Speed Dating, que implica que as empresas van ter cinco minutos para amosar o seu proxecto. Con todo o que saia de aí pódense xerar sinerxias novas, crear oportunidades novas de negocio... E eu creo que é o que temos que facer, favorecer o intercambio de ideas. E despois tomaremos todos un viño para dar oportunidade a que se cren contactos. Queremos que as empresas sexan escaparate do seu proxecto empresarial, pero tamén da propia cidade.

Porque falamos dun proxecto fundamentalmente local.
No foro temos arredor de corenta empresas neste periodo inicial e recibimos constantemente adhesións incluso de fóra de Pontevedra. En principio ‘Pontevedra ten un puntazo’ ten unha visión local. Actualmente, estamos estudando o impacto económico destas empresas:cantos postos de traballo crean, cantos empregos indirectos...para nós é moi importante recoller todos estes datos. Ademais, aspiramos a que o Campus Crea se estableza economica e profesionalmente en Pontevedra, e a que toda esta xente que vén á cidade quede aquí. 

Como valora a resposable de Poromoción Económica un evento como o Culturgal, que segue medrando cada ano?
Para min o Culturgal é unha pasada. É vital. Eu levo vindo desde as primeiras edicións e ver como evolucionou é impresionante. Unha feira que pasou por distintas etapas, unhas nas que tivo apoio institucional e outras nas que tivo pouco apoio, pero o Culturgal sempre apostou por Pontevedra e Pontevedra sempre apostou pola industria creativa galega. Creo que ese mesmo obxectivo de amosar, de traballar é o éxito. Aquí é onde se move todo. Atopas amigos, xente nova, novas industrias... e logo ves a moita xente presumir de Pontevedra, que é algo que a min me enche de fachenda. 

E cada ano a cidade implícase un pouco máis tamén na organización, non si?
Este ano quixemos ir un pasiño máis alá e implicar a hoteis e establecementos hosteleiros, que fan un desconto se tes a túa pulseira do Culturgal. É dar un paso máis e implicar a toda a cidade, porque sobre 15.000 persoas van estar traballando pola cultura, na cultura e desde Pontevedra durante toda a fin de semana. Teño que confesar que o Culturgal non podería ser noutro sitio diferente que non fose Pontevedra, porque temos a toda a cidade volcada con esta iniciativa.

Este ano enchéronse os recunchos do Recinto Feiral. Se segue medrando marchará de Pontevedra?
Non o creo. En todo caso non se trata da miña área e non me corresponde a min responder a esa pregunta, pero creo que Pontevedra volcaríase para atopar o sitio. Estou completamente convencida. O Culturgal é un evento que debe crecer e ogallá creza, e se crece crecerá en Pontevedra. O Pazo aínda ofrece recunchos por explorar. 

Comentarios