sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Amparo Castaño: "Xela naceu cun lapis na man, desde cativa amaba escribir"

Xela Arias EUROPA PRESS
Xela Arias EUROPA PRESS
A nai da sarriá Xela Arias, a quen se lle dedicará o Día das Letras 2021, valora este "merecido" recoñecemento e recorda a súa filla: "Unha muller comprometida que sufría coas inxustizas"

Xela Arias foi e será unha autora irrepetible. Cos seus versos deixou constancia do seu amor pola lingua e con eles conformou unha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida. Un compromiso que tamén demostrou no seu día a día a poetisa sarriá, a quen se lle dedicará o vindeiro ano o Día das Letras Galegas. Un recoñecemento que chega 17 anos despois do seu falecemento e que a súa familia celebra como "unha ilusión feita realidade".

"Sentímonos moi orgullosos desta homenaxe que desde hai anos foi proposta por diversas personalidades do mundo da cultura e por fin se levará a cabo. É unha satisfacción moi grande para todos, non hai palabras para expresar a alegría que sentimos pois desde que empezou a soar o seu nome sempre tivemos a esperanza de que chegara este día, e por fin chegou", sinala con emoción Amparo Castaño, nai da autora.

Unha nai que recorda a unha filla, morta en 2003 de xeito repentino, que foi moito máis que unha recoñecida escritora. "Xela foi unha persoa moi querida por todos, no ámbito profesional e tamén no persoal. Foi unha muller cun gran compromiso, loitadora e moi ríxida no seu traballo, gustáballe que todo saise ben. Ademais era unha persoa moi sensible que sufría moitísimo coas inxustizas da vida", di a viúva de Valentín Arias, pai da poetisa e escritor.

Recordar a Xela é emocionante para unha nai que amaba a súa filla por enriba de tódalas cousas. "Sempre a recordarei de moi pequena de xeonllos sobre unha cadeira agarrando un lapis co que escribía sobre a mesa. É que Xela naceu cun lapis na man, desde moi cativa amaba escribir, sempre o tivo claro", rememora Castaño.

A autora a quen se lle dedicará o Día das Letras 2021 mamou a paixón pola escritura de seu proxenitor. "Valentín tiña un despacho na casa que era no que escribía e Xela, igual que seu pai, sempre estaba lendo ou escribindo. Xa de nena non se lle daba nada mal, pois con só once anos gañou o prestixioso premio de poesía O Facho", relata a muller, quen engade que a poetisa "tivo unha infancia moi feliz" estudando na Granxa de Barreiros, na parroquia sarriá de Ortoá, moi preto da casa familiar de A Vilerma, en Maside.

"SARRIA NO CORAZÓN". E aínda que por circunstancias da vida a autora tivo que mudarse de localización "sempre levou a Sarria e a Lugo no corazón", precisa Amparo Castaño, quen sinala que toda a súa familia "estivo sempre moi unida á provincia e en especial á comarca sarriá. "Todos somos desa zona: meu marido, meus sogros, meus pais, eu, a propia Xela... Temos un vínculo moi especial con ese concello e estamos seguros de que os veciños acollerán con gran ilusión esta noticia. Un merecido recoñecemento que Xela recibiría con gran satisfacción", di a nai orgullosa dunha poetisa única.

Amparo Castaño: "Xela naceu cun lapis na man, desde cativa amaba...
Comentarios