lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

"Os amigos casan e son pais, Tosar marchou; tiña que facer un grupo"

Piti Sanz (primeiro plano), con Ro Múñoz e Adrián Arias. XESÚS PONTE
Piti Sanz (primeiro plano), con Ro Múñoz e Adrián Arias. XESÚS PONTE
Piti Sanz volve ao escenario con S4n7, un trío lucense de rock co que trata de superar a confusión de accidentes e paternidades alleas

Piti Sanz sae ao balcón polas noites. Escoita o seu son favorito: o ir e vir do mar en Santa Cristina, a praia de Oleiros da que máis presumen os coruñeses. Ás veces lembra o poema de Manuel Antonio: "Fomos ficando sós: o barco, o mar e máis nós". O músico lucense, nacido en 1966, carecía de mar porque medrou como neno en Lugo e como adulto, en Santiago. Tampouco tiña barco, pero conducía unha moto. Caeu dela hai tres anos.

Durante o proceso de recuperación precipitouse polas escaleiras da casa de Luis Tosar en Compostela, onde xa non vive porque se asentou en Madrid. "Noto moitísimo a súa marcha", confesa Piti.

En plena convalecencia mirou o seu panorama. Reparou en que todos os seus amigos estaban emparellados e boa parte dos que lembraba cun golpe de pensamento foran pais. As súas vidas nada tiñan que ver xa co que levaba el. A baixa emocional tamén foi laboral, polo que o artista decidiu recoller os dados e volver lanzalos. Trasladouse a Santa Cristina e montou unha banda: S4n7, un nome que se debe ler como o seu apelido.

O grupo conta con dous músicos lucenses -"sempre toco cos mellores músicos de Galicia e están en Lugo"-, que son Ro Muñoz (batería) e Adrián Arias (teclado). "Non temos baixo, como The Doors; pero, como tampouco canta con nós Jim Morrison, así que canto eu". Ro Muñoz xa compartira Di Elas -o conxunto no que estaba Luis Tosar-, pasou por Mamá Cabra e agora toca en A Gramola Gominola, que fai música para nenos. Adrián soluciona os baixos cun dos seus teclados.

"Non temos baixo, como The Doors, pero como tampouco canta con nós Jim Morrison, así que canto eu"

Este trío practica un son que xira "arredor do rock, que pode ir máis duro ou máis balada", e fai unha recuperación do rock dos 60 e os 70, algo que Piti Sanz xa realizara nos 80, cos lucenses Los Contentos. As composicións son propias. Piti Sanz rescata traballos que fixera para o cinema, como Dile que no (18 comidas de Jorge Coira), Estrela fugaz (de La noche que dejó de llover de Alfonso Zarauza) ou Y ya está (de Los fenómenos, de Zarauza).

"Hai unha canción que fala da experiencia vital de non casar e non ter fillos, eu non fixen nada diso porque non me apetecía", defende Piti Sanz. O conxunto das letras "tratan temas vitais, asuntos como a mentira ou sobre o cambio dos tempos".

A maiores está preparando unha versión de Las casitas del barrio alto de Víctor Jara, un tema que gusta a Piti Sanz dende que era novo. Trata sobre a distancia que afastaba as casas dos ricos e as casas dos pobres no Chile dos anos 70.

Os temas sociais tamén entran nas cancións de S4n7. "Xa teño unha idade na que podo falar do que me dá a gana. Con 20 anos tes que imaxinar, pero agora podo dicir que estamos perdendo dereitos sociais porque recordo como eran as cousas antes", apunta nunha intervención longa e irada. "Lembro estar en manifestacións en Lugo e vir os antidisturbios. Teño corrido moito diante dos antidisturbios cando estaba no instituto. Iso agora é impensable. Desaparece a clase media, hai cambio climático que non afecta aos podersos porque van a sitios onde non o hai. Os poderosos son máis poderosos que antes da crise", lamenta o músico.

Tras esta reflexión acepta explicar por que non exerceu o seu dereito á paternidade. "É cruel traer fillos ao mundo. Estou desencantado con como vai todo", asegura. Moi lonxe, ao fondo, soa o murmurio gris do Atlántico.

"Os amigos casan e son pais, Tosar marchou; tiña que facer un grupo"
Comentarios