Alonso Montero: "Delgado Gurriarán puxo o talento ao servizo das liberdades"

O profesor analiza a obra lírica do escritor ourensán nun ensaio que presentou en Lugo destacando a variedade de temas e rexistros. A disertación veu acompañada por un comentario sobre outro libro seu sobre a recepción de Antonio Machado na ditadura.

Xesús Alonso Montero saúda ao público na chegada ao acto. XESÚS PONTE
photo_camera Xesús Alonso Montero saúda ao público na chegada ao acto. XESÚS PONTE

O profesor Xesús Alonso Montero marcou a súa visión sobre o escritor Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedican as Letras Galegas, subliñando que "non se pode dicir que sexa un poeta importante, porque poetas importantes foron Homero, Virxilio ou Quevedo; pero foi un poeta interesante e que soubo estar á altura das circunstancias". O teórico da literatura, que camiña xa sobre os 93 anos, engadiu que "non foi desdeñable que puxera o seu talento ao servizo da República e das liberdades".

Alonso Montero presentou a antoloxía Poeta na terra, na guerra e no exilio (Galaxia) sobre o autor ourensán no Vello Cárcere de Lugo, un espazo que tivo unha escura relación coas «circunstancias» nas que escribiu Delgado Gurriarán.
Antes desa versión do escritor  —que inicia en 1936— houbo outra como "gran metaforizador de Bebedeira, de 1934", como "poeta matriótico, que canta á matria de Valdeorras, á súa paisaxe e aos seus viñedos".

Ao comezo do golpe franquista "fuxe para salvar a vida, por Valladolid a Francia, para acabar en Barcelona con responsabilidades políticas". Daquela empeza a "escribir ao servizo da causa republicana", como fixeran os grandes poetas civís de Galicia, como Curros Enríquez. Paralelamente, apunta co seu "talento satírico en poemas que ridiculizan a Franco ou a don Juan, o pai do Emérito".

Cultivou a poesía sociolingüística, "algo que non se facía daquela, onde ridiculiza os pretenciosos que falan en castrapo"

Incide nesta aposta política en 1943 "cando idea, deseña e dirixe o libro Cancioneiro da loita galega, onde asina poemas co seudónimo de Nadel por temor a represalias coa súa familia en Valdeorras", xunto con outros escritores. "Tiña un sentido dúctil, nada sectario; non era comunista, pero entende que se deben facer cousas xuntos".

No panorama da creación lírica de Florencio Delgado hai un terceiro campo, a poesía sociolingüística, "algo que non se facía daquela, onde ridiculiza os pretenciosos que falan en castrapo". "Ata 1962 non haberá máis poesía sociolingüística, cando Celso Emilio Ferreiro escribe aquilo de Lingua proletaria do meu pobo..." e que tería continuidade en Lugo con "Manuel María ou Darío Xohán Cabana", entre outros alumnos de Xesús Alonso Montero no instituto Lucus Augusti.

Aínda hai outro poeta no valdeorrés, o "poeta folklórico que escribe Casamento da mosca e a pulga, a partir dun conto popular que coñecía".

Houbo un grupo de falanxistas liberarais e cultos, como Dionisio Ridruejo, Antonio Tovar ou Gonzalo Torrente Ballester,  que promoven a publicación da  poesía de Antonio Machado

Unha boa parte do traballo académico de Alonso Montero está dedicado á escrira feita no tempo da ditadura. O acto de onte en Lugo valeu tamén para dar a coñecer El nombre y la obra de Antonio Machado dentro de las coordenadas del franquismo (Hércules), no que analiza "cómo foi tratado o escritor polos admiradores e os detractores nos corenta anos do franquismo".

"Representaba a España das liberdades", pero houbo "un grupo de, enténdase a contradición, falanxistas liberarais e cultos, como Dionisio Ridruejo, Antonio Tovar ou Gonzalo Torrente Ballester,  que promoven a publicación da súa poesía anterior a 1936". Atoparon oposición no Consello de Ministros, "pero Serrano Suñer fixo valer a súa influencia".

No marco desa reivindicación situou Homenaxe a Antonio Machado na nosa voz, que se publicar no Lugo de 1966 tras superar "problemas coa censura".

Comentarios