Alfredo Vázquez: "Al cineclub A Calexa aún no le llegó ese relevo que precisa"

O cineclub A Calexa cumprirá a maioría de idade o vindeiro outono. A asociación, que ao longo de case dúas décadas de historia achegou aos monfortinos ducias de novidosos filmes, organiza anualmente a Mostra de Cine de Monforte, que será do 19 ao 28 de outubro.
Alfredo Vázquez, en Monforte.
photo_camera Alfredo Vázquez, en Monforte.

O CINE é unha das paixóns de Alfredo Vázquez, presidente do cineclub monfortino A Calexa e vicepresidente da Federación de Cineclubes de Galicia.

O colectivo A Calexa organiza a estrea do documental ‘Tempo’, do monfortino Manuel Valcárcel, que se proxecta hoxe ás 20.30 horas no cine de Monforte. Que supón isto para o colectivo?

Dende que souben que Manuel Valcárcel estaba traballando no documental xa lle avisei que tiña que estrealo en Monforte e no cine. Coñezo a súa traxectoria e sei que a imaxe que consegue Valcárcel non a logra ninguén máis. A nivel de fotografía é do mellor que hai en Monforte. Estou convencido de que todos os que se acheguen hoxe á estrea sairán satisfeitos.

Chegar á maioría de idade merece unha celebración. Teñen previsto algunha actividade para conmemorar os 18 anos da fundación do colectivo A Calexa?

Traballamos en dúas actividades. Temos en mente a idea de facer un libro no que se recollan os 18 anos de historia do cineclub, pero vainos saír unha enciclopedia case porque hai moito material. Porén, isto aínda vai tardar un pouco porque cómpre ir seleccionando o material do que dispoñemos, que é moito. De todos os xeitos, o que si contamos facer este ano con motivo do aniversario é unha exposición de carteis das películas que pasaron polo cineclub, pero só das máis representativas das máis de 400 que proxectamos.

Unha das actividades que mantén ano tras ano o colectivo A Calexa é a Mostra de Cine que se celebra en Monforte cada outubro. Como vai a deste ano?

"Celebraremos o 18 aniversario cunha exposición de carteis dos filmes que proxectamos nese tempo no cineclub"

A deste ano será a décima cuarta edición e previsiblemente celebrarase entre os días 19 e 28 de outubro. Polo momento, temos pensado organizar un concurso de curtas escolares, que este ano chegará á cuarta edición, e ademais agardamos contar con algún persoeiro relacionado co eido do cinema ao que lle encomendaremos unha charla coloquio. Tamén haberá unha exposición de carteis e programas de man e a proxección de seis filmes, coma vén sendo habitual no evento. Nos inicios tratábamos de facer unha mostra temática, pero agora non é posible porque hai menos onde elixir. De todos os xeitos, sempre tentamos buscar películas que nos pareza que poden satisfacer ao público e que non estiveran no cine de Monforte.

A mostra é a actividade de maior envergadura que organiza o colectivo. Como xurdiu?

Xurdiu de varias conversas entre o xornalista Jorge Casanova e máis eu. Ambos estudamos en Barcelona e coñeciamos ben como estaba alí o mundo do cine, así que pensamos en facer un festival, así un pouco coma o catalán de Sitges, pero en Monforte. Quixemos que fose nunha época que resultase agradable ir ao cine e tamén miramos de ocupar un tempo baleiro na axenda cultural da cidade, por iso eliximos outubro.

Como foi a evolución ata o de agora?

Dende entón en cada mostra pasábamos seis películas que non chegaran á sala comercial de Monforte. Tratabamos de buscar cinema de autor e películas de calidade, pero que non tiveran un percorrido comercial grande. A máxima sempre foi que a xente puidera gozar doutro cine máis aló do convencional e por este motivo é polo que a mostra sempre funcionou moi ben.

O paso do tempo non lle resulta alleo a case ningún colectivo relacionado co sector cultural. Como sufriu a metamorfose o cineclub A Calexa?

Cando comezamos, no ano 1997, en Monforte a vida cultural era escasa. Daquela xuntámonos xente do mundo do xornalismo e do cine e fundamos a asociación. Empezamos cunha película á semana durante 54 semanas e ao levar un ano comezamos a proxectar no Teatro Lemos. Ao pechar o cine vímonos nun dilema porque o cineclub era moi visible. Abriron os multicines e levamos a eles unha película cada catro semanas, era sempre o derradeiro mércores do mes, menos no verán. No 1999, como a cousa ía ben, pensamos en facer un festival e así xurdiu a primeira mostra, que se mantén, excepto en dous anos que non a realizamos. O que perdemos co tempo foi a programación continua porque os ingresos non eran suficientes a pesar dos socios.

Como está a situación en Galicia?

En Galicia hai cinco cineclubs con programación continuada e outros tantos con actividade puntual, coma é o caso da Calexa. Houbo un forte baixón, agora o que mellor está a funcionar é o Padre Feijóo de Ourense porque se refundou e houbo un relevo, pero en Monforte aínda non chegou este relevo que é preciso.

Comentarios