"Díxenlle a Fraga que se retirase tras a primeira vitoria. Viña deixar marca"

Alfredo Conde presentou ‘A propósito de Fraga’ xunto a Orozco, Barreiro e Jaureguizar ▶ O libro repasa os anos e a relación que compartiron o expresidente e o escritor

Alfredo Conde, durante a presentación. XESÚS PONTE
photo_camera Alfredo Conde, durante a presentación. XESÚS PONTE

Máis de 20.000 páxinas. Iso calcula aproximadamente Alfredo Conde que leva escrito en galego. "Non se me ocorre ninguén con esas cifras", apostilla o autor. "Soamente Deus", apuntou previamente Jaureguizar.

Alfredo Conde presentou onte no Vello Cárcere de Lugo A propósito de Fraga, a historia de como as vidas deles dous se cruzaron inevitablemente. O xornalista deste medio fixo de mediador dunha mesa redonda á que se sumaron o excalde José López Orozco e o senador José Manuel Barreiro.

Tres persoas dunha relevancia para a política de Galicia en termos históricos celebrando unha nova perspectiva sobre Fraga. Unha na que se contan as verdades que levaron á separación do expresidente con Alfredo Conde.

"Son fraguista convencido. Fraguista total", comezou Barreiro na súa intervención. "A relación entre estes homes superaba a amizade, eran como unha parella. Fraga foi introducido ao galeguismo por Alfredo Conde. E teño unha teoría non contrastada: o nacionalismo radical non medrou en Galicia grazas a Fraga. Foi un home de ideas comprometidas co nacionalismo".

O senador do PP lembrou un dos "dígolle que non" do expresidente da Xunta que máis vivo mantén.

Foi logo de que Rajoy lle pedise a Barreiro buscarlle unha casa cómoda para "Don Manuel" mentres pensaba sobre o seu paso ao Senado. "Pódese criticar, pero foi un home íntegro".

"Si vales, bene est", foi o primeiro que lle dixo Orozco a Fraga cando o coñeceu. O exalcalde chegou antes que el, advertido polo seu chofer desa manía do entón presidente de adiantarse ás citas. A sorpresa foi obter outra resposta en latín.

"Con el obtiven o maior respeto e entendemento que ningún político, de ningunha outra cor, me deu no cargo", afirmou Orozco, que reserva unha anécdota en segredo do que só dixo: "2.500 millóns de pesetas".

Lembrou Orozco o divertido que era Fraga na intimidade. Garda na memoria especialmente unha cea na que fixo rir aos duques de Lugo e a el ata as bágoas contando historias de cando fóra embaixador en Londres.

"Neste libro está perfectamen-te retratado o comportamento de ambos homes", recalcou Orozco. "Alfredo Conde aínda paga as débedas de enfrontarse a Beiras e o nacionalismo. Recordo aquela sesión do Parlamento na que se aproximou a Alfredo e lle deixou unha moeda de 20 pesos dicíndolle: Aí che queda o pago".

O exconselleiro da Xunta e Fraga separáronse por unha pregunta do expresidente: se debía presentarse de novo ás eleccións.

"Díxenlle que se retirase tras a primeira vitoria. El viña para deixar marca", indicou Conde, pero o de Vilalba ignoraba esa comanda sistematicamente.

Ao ser cuestionado sobre por que escribir o libro agora e non fai unha década, Conde dubida. "Non estaba maduro, vivía axitado".

"Respondo a todas as preguntas que non me foron feitas e ás acusacións vertidas, moitas delas mentira", asestou. "‘Traidor ao galeguismo", dicíanme. Ramón Piñeiro saiu de reunirse con Fraga e díxome: Este home vén facer cousas coas que sempre soñamos, hai que apoialo no que sexa".

Nunha onda de nostalxia e admiración cara Fraga, todos coincidiron en recordar un encontro en Rusia, onde pola tradición de brindar con vodka acabaron "prexudicados". "Que mágoa que xa non exista Berlanga para facer esa película", lamentou Orozco.

Comentarios