Alberto Vázquez: "Os osiños representan os seres humanos; o unicornio, á natureza"

Xa está "traballando". Recolleu un Goya pola mellor película española de animación por 'Unicorn Wars', colleu "un par de días" para atender a prensa e volveu facer cinema. Alberto Vázquez, con orixe en Viveiro, conta no seu filme unha guerra entre osiños e unicornios
Alberto Vázquez. EP
photo_camera Alberto Vázquez. EP

A película Unicorn Wars supúxolle cinco anos de ocupación a Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) xunto a un equipo de 200 persoas. Valeulle o seu cuarto Goya. O filme empeza nun campamento de ositos amorosos que se entrenan para unha batalla contra os unicornios. Dous irmáns, un inocente e outro desalmado, son soldados que envían á fronte nunha perigosa misión. Tras esta guerra entre osos fanáticamente relixiosos contra os unicornios ecoloxistas, desenvólvese unha competencia cruel entre os dous irmáns osos polo amor da nai.

Aínda non pasou unha semana desde que lle deron o galardón. Daba por suposto que estaría de vacacións nas Seichelles.
Xa sei cómo vai isto. Tes que dedicar dous días a entrevistas e despois todo volve á normalidade.

Vai axudarlle este Goya?
É un broche. Vai axudar a pechar a distribución en España.

O filme ten unha estética infantil, pero conta unha historia adulta na que non aforra a crueldade.
Son os animais de sempre, dos contos e lendas que están na orixe do cómic e da animación. Pertencen a todas as culturas. O mes que vén estréase en Xapón. Son personaxes universais que entroncan coa nosa infancia. A película fala de temas actuais coa estética dunha película contemporánea.

O proxecto é moi anterior á invasión de Ucraína, pero a súa produtora Chelo Loureiro temía que se establecese un parecido dos osiños con Putin. Os unicornios poderían ser os ucraínos?
Nunca pensei que fose haber unha guerra de conquista en Europa. Foi unha coincidencia.

Na historia hai un batallón que debe adentrarse tras as liñas inimigas para buscar uns soldados seus perdidos. Pensei en O corazón da escuridade de Joseph Conrad.
Mesturo o xénero bélico e a relixión. É un cruce entre Bambi, Apocaplyse now e a Biblia; un falso Vietnam.

Os osiños son fanáticos relixiosos e os unicornios, inocentes.
Os osiños representan os seres humanos e os unicornios, á natureza. Estou contra a ditadura do cuqui, de facer cousas moralmente cuestionables polo seu interese.

No argumento os osiños odian algo que non coñecen porque crenno que di o seu libro sagrado.
Falo do odio ao descoñecido e do odio a eles mesmos. Fan bullying, buscan ascender como sexa. Falo tamén do control da opinión pública.

Non tivo problemas cos nenos?
Polo cartel podería pensarse que é infantil. Non tivemos ningún problema. O cartel leva un aviso ben grande que é para maiores de 16 anos. Houbo unha película que vin cando era neno, Cando o vento sopra. Trataba sobre os efectos da radiación dunha bomba nuclear. Aínda a recordo. Cando un neno ve unha película como ‘Unicorn Wars’ queda impactado porque se dá de conta de que as películas de animación poden falar doutros temas. Gústanlles. Non se pode tratar aos nenos como se fosen tontos. En Francia puxérona para maiores de 12 anos; en España, para maiores de 16. Non entendo o motivo, será polos espidos...

Por que atribúe esa decisión aos espidos?
Hai unha escena na que os osiños saen espidos, na que se lles ve o pito. Deberon de consideralo espido explícito.

Cal é o seu público?
Os meus filmes non son para nenos nin para todos os adultos. Móvome no campo independente.

Cantas persoas se precisaron para realizar Unicorn Wars?
Máis de 200, con equipos de 60 ou 70 traballando a un tempo. Está feita en estudos de Galicia, País Vasco e Francia. Psiconautas fixémolo só na Coruña cun equipo de corenta ou cincuenta persoas.

"O terceiro filme vai ser outra adaptación dunha curta"

O proceso de elaboración de Unicorn Wars foi o mesmo que o da anterior longametraxe, Psiconautas "porque partían de curtas anteriores". "Agora xa traballo para cine directamente. Son debuxante, así que escribo e debuxo moito porque moito para deseñar escenarios e personaxes", indica ao falar do vindeiro filme.

Por que decidiu estender dúas curtas e non empezar de cero?
Unha curtametraxe leva dous anos facela. Cando as remato teño a sensación de que me quedan curtas, valla a redundancia. Son filmes corais, con moitos personaxes, e teño a sensación de que me queda moito por desenvolver.

O normal nas películas breves é usar poucos personaxes para non crear confusión.
Cando traballo en cada curta fago un pequeno mundo, un universo con personaxes fantásticos para os que se crean leis novas. A sensación que me queda ao rematar é que os universos dan para moito máis. Por iso fago as adaptacións. Esta terceira película vai ser tamén unha adaptación doutra curtametraxe miña, Decorado, que é do 2017. Agora estou empezando a facer bocetos. O mes que vén imos presentar o proxecto nunha feira de animación de Burdeos, onde o daremos a coñecer a público, produtores e mercado.

Vai co aval de catro Goyas. Son uns galardóns coñecidos fóra de España?
Si, son coñecidos; coma os César de Francia ou os Donatello de Italia. Os premios axudan a ter unha credibilidade. Os Goya teñen certo presitixio.

Os galardóns axudan a que se sumen produtores internacionais?
Axuda. A animación é máis cara. Unha longametraxe de animación son dous anos e medio de rodaxe, unha película de ficción con actores ten unha rodaxe que dura un mes. A animación esixe contar cunha oficina, ordenadores, software e pagar setenta nóminas durante dous anos.

Os produtores recelan da animación, prefiren películas con actores porque calculan que lles van ser máis rendibles?
Os produtores de ficción non producen animación e os produtores de animación non producen ficción porque son moi diferentes e uns non saben facer o traballo dos outros. En animación temos o noso propio universo de mercados, festivais e produtores.

"A miña nai e miña avoa eran naturais de Viveiro, tiñan un piso cerca da Porta da Vila"

O director confesa que "o máis bonito de gañar un Goya é que a túa familia e o equipo se emocionan".

Parte desa familia procede de Viveiro?
A miña nai e miña avoa eran naturais de Viveiro. Pasaba alí as vacacións de todo o ano: Nadal, Semana Santa, verán,...

Covas?
Porta da Vila. O piso da miña avoa estaba cerca.

Volveu a Viveiro desde que gañou este último premio?
Os meus mellores amigos son de Viveiro. Uns quedaron alí e outros están volvendo. Irei visitalos a semana que vén. Agora vou pouco.

Antes de cinema facía cómic. Empezou en Viveiro?
Estudei Belas Artes en Pontevedra e despois en Valencia. Na carreira descubrín o mundo do cómic, que me interesou moito. Empecei a facer cómics. Con 27 ou 28 anos un produtor leu o meu cómic Psiconautas. Díxome que había que levalo ao cinema. Fixemos unha curtametraxe e despois veu a longametraxe.

Comentarios