''La honestidad está muy por encima del amiguismo''

O gañador do McCrimmon 2009, Alberto Coya, fálanos da súa experiencia no concurso que se celebra no marco do Festival Intercéltico de Lorient. O gaiteiro cangués exercerá de xurado no certame 2010 xunto con Alexandre Ruiz. Este ano acoden desde Galicia: Suso Sánchez Ascariz, Pablo Dalama, Brais Paz e Raúl Lafilla.

Pregunta: Que é o McCrimmon no mundo da gaita?

Resposta:O McCrimmon non deixa de ser o que antigamente era o trofeo Macallan, que cambiou de nome, polo que teño entendido a raíz da lei que prohibía o patrocinio de bebidas alcoholicas a eventos culturais. Adoptou este nome porque é o apelido dos donos da marca de whisky escocés. É un certame de gaiteiros que se celebra dende 1976 e no que rivalizan gaiteiros galegos e asturianos e onde tamén teñen cabida os gaiteiros bretóns dende o 2004, 2005. O que pasa é que normalmente a representación bretona é moi escasa. Estes tenden a participar no McCrimmon paralelo ao de gaita galega, que é o de gaita escocesa.
O que simboliza o McCrimmon...eu a imaxe que tiven sempre é que era o concurso máis importante do mundo, o maior galardón que pode gañar un gaiteiro. Sempre pensamos, os meus compañeiros gaiteiros mais eu, aquilo de que o que gaña o McCrimmon é o mellor gaiteiro do mundo porque Carlos Núñez o gañara. É un pouco un mito; eu gañei o McCrimmon o ano pasado e non me considero o mellor gaiteiro do mundo, nin moito menos, pero si que ten moita importancia.

P: Poderíase dicir que o McCrimmon foi o punto álxido da súa traxectoria como gaiteiro?

R: Como gaiteiro, dende logo. Foi un obxectivo que sempre perseguín, mesmo antes de ser gaiteiro. Eu entrei nisto da música folk gracias a coñecer a música de Carlos Núñez. Eu era un rapaz aínda e non comecei a tocar até moito mais tarde, até os 15 anos. Nunha entrevista que lera no suplemento dun xornal, saía Carlos Núñez nas rúa de Nova Iorque coa gaita e falaba, do mítico, de que era o mellor gaiteiro do mundo, o Jimmy Hendrix da gaita... e a min aquel home atraíame. Mais tarde comecei a tocar a gaita coa ilusión de chegar a facer algún mérito dos que fixo Carlos Núñez, é un obxectivo que sempre perseguín.

P: Daquela, Carlos Núñez é dalgunha maneira o seu gaiteiro de cabeceira?

R: Para min sempre foi a máxima referencia da gaita, a parte dos gaiteiros vellos, por suposto: Moxenas, Ricardo Portela, Enrique Otero... eses tres sobre todo. E despois das novas xeracións, no xeito de tocar, Carlos Núñez, á marxe a música que fai; porque supoño que se escoitas o primeiro ou o segundo disco e o comparas con algún dos últimos discos, non teñen moito que ver. Se cadra o fío conductor é o xeito interpretativo que ten Carlos, que é o que a min realmente me atrae . Aínda que pareza que non, é un gaiteiro que está moi pegado á música tradicional.

P: Que opina das acusacións de amiguismo que xorden nos certames folk? Realmente se reparte o pastel entre uns poucos amigos?

R: Certamente son cousas que se escoitan, que se falan. A ver... como dicilo? (dubida) Eu estou involucrado e non debería falar mal. Ás veces pasa, ás veces son cousas que pasan...

P: Por exemplo, no seu caso. Vostede vai ser xurado do McCrimmon en Lorient e coñece a moitos dos gaiteiros, quer galegos, quer asturianos, non?

R: De feito, son colega de algúns dos gaiteiros galegos e dos asturianos, dos catro que van. Mais xa os avisei, 'non vaiades pensar que vou facer reparto de pasta entre colegas, vou valorar exclusivamente o que fagades no escenario'

P:
Suponlle algún problema ser xuíz?

R: Para min non é un problema; se fora un problema non aceptaría cando o delegado galego, Ignacio, me ofreceu ir de xurado, xa diría que non. Eu xa sabía quen ía estar concursando este ano e se eu vira que para min ía ser un problema cos colegas, eu diríalle que non. Os concursos teñen que ser limpos, ou iso é o que pretendo eu. Teño saído moi queimado de moitos concursos porque ves que hai amiguismo. Pretendo que sexa unha cousa transparente. Mais o que acontece é que neste campo sempre hai un factor subxectivo. Non é coma nunha carreira de atletismo ou ciclismo na que a orde dos premiados é a orde de entrada na meta; aquí o criterio para min pode ser un, para o meu compañeiro que estará no xurado galego, pode ser outro distinto. O que teño claro é que eu ben podo acertar ou errar en maior ou menor medida, mais tratarei ser obxectivo e facer un xogo limpo e legal. É que, é o concurso máis importante, ten que haber seriedade. Pola miña parte vouna poñer. Eu quero pensar que ningún xurado se deixa influenciar, eu quero pensar ben. Tamén se fago un mal papel como xuíz, que imaxe vai ter de min a xente? A honestidade está moi por enriba destas trapalladas.

P: Cal é para vostede o espíritu de Lorient?

R: O espíritu de Lorient vén incluído no propio nome do festival: Festival Intercéltico de Lorient, creo que non hai concepto que o exprese mellor. É un macrofestival de cultura do que se denominan os países celtas e a parte, nestes últimos anos, estánse a incluír as comunidades de emigrantes, as 'colonias'. De feito, no ano 2006, o primeiro festival ao que fun,era o ano de Australia. Daban sandwiches de canguro... era moi curioso aquilo. Están incluídos a zona francófona de Canadá, o que denominan Quebec: os Estados Unidos nos que tamén hai moitos emigrados... Polo que comentou o ano pasado o director do festival, Lisardo Lombardía, na entrega de premios do McCrimmon, teñen intencion de ir incluíndo pouco a pouco xente de Arxentina e México no festival e no McCrimmon. É moi posible que nos próximos anos se lle adique un ano a Arxentina, imaxinaste?

P: Como describiría Lorient para unha persoa que nunca estivo alí?

R: É unha borracheira de música e de cultura celta enorme. É difícil describilo, dende que te levantas até que te deitas, desfiles, música en directo... en todos os estilos, dende o máis tradicional até o máis evolucionado ou fónico, procedentes dos distintos países de cultura celta. A min é un termo que non me gusta empregar, celta. Sobre todo, o de 'música celta', non sei até que punto se pode falar de música celta de Galicia e citar a Ricardo Portela, sóname un pouco chocante. Eu a imaxe que tiven sempre da música celta foi a da música de Irlanda e de Escocia. En Irlanda, vaite ti saber, igual consideran máis celta a música bretoa; mais en principio identifico máis a música celta coa sonoridade irlandesa.

P: Algún consello para os novos gaiteiros?

R: Eu diríalle que disfuten de tocar e que traballen duro por acadar un bo nivel porque iso é bo para a continuidade da saúde da gaita galega, pero que disfruten moito. por exemplo, estes últimos concursos, non os estaba disfrutando. É que realmente un concurso non o disfrutas moito, polo tema dos nervios. Nos concursos acadas un nivel moi alto, eu aprendín moitísimo, pero chega un momento que cansa e que é máis divertido tocar con xente... pero é aconsellable, ves tocar a moita xente, aprendes, compartes impresións cos outros participantes... é dicir, é positivo. Mais sobre todo diríalles que disfrutaran, e que traballen duro. Eu estou convencido que traballando duro, o que un se propón, con un pouco de sorte, conséguese. É un pouco o que che contaba ants, eu propúxenme gañar o McCrimmon mesmo antes de comezar coa gaita e mira, ao final conseguino, igual tamén por sorte, pero a verdade é que traballei moito.

Comentarios