Alberte Montes: "Anguieiros es muy especial para mí, es una fuente de inspiración"

'Galego pode selo calquera' é unha afirmación coa que algúns oriúndos non estarán de acordo e é tamén o nome do espectáculo que presentou este xoves Alberte Montes no centro cívico de Monforte. Tempo no que o actor se concentrou en desmontar tópicos sobre os galegos.
Alberte Montes, en Monforte.
photo_camera Alberte Montes, en Monforte.

«ANGUIEiROS é o lugar no que nacín, unha pequena aldea da parroquia de Montefurado, en Quiroga. Con estas cousas non me gusta xeneralizar, é preciso concretar», contesta con enerxía o monologuista Alberte Montes ao ser interrogado polo lugar no que naceu. O primeiro apelido de Alberte é Fernández, pero o mozo prefire empregar o da súa nai porque «Fernández xa hai moitos» explica rotundo e cun ton simpático, mais seguro que hai outros motivos, quizais menos cómicos e un chisco máis profundos e persoais. Alberte Fernández Montes naceu en 1986 e aos cinco anos mudou a natureza de Anguieiros polo axetreo de Barcelona.

Non hai dúbida de que Anguieiros é importante para Alberte Montes.

É moi especial para min. Cada agosto é inevitable unha visita e sempre que veño a Galicia aproveito a ir por alí. Sinto moito apego pola aldea e vivindo en Barcelona semella o lugar ideal para evadirse. Non sei si creei todo o guión dun espectáculo en Anguieiros, pero si que é unha fonte de inspiración, sobre todo no caso de ‘Galego pode ser calquera’.

Algúns nativos non pensarán iso de que galego pode ser calquera.

Esa é a miña opinión e o certo é que o título do espectáculo non deixa de ser unha excusa. No monólogo falo da familia e da aldea e dou seis ou sete aspectos, depende do día, que tería que cumprir unha persoa calquera para pasar por galego.

Que presenciaron os monfortinos onte no centro cívico?

Ofrecín un espectáculo cómico no que desmontei unha serie de tópicos sobre os galegos, deses dos que máis rabia nos dan, da indecisión ante as preguntas, sobre a droga e o folclore, esa idea de que ao ser de aquí tes que saber tocar a gaita, ou o do acento. Tamén doutros que a xente de fóra non comprende, pero que nós si coñecemos, iso de convidar ás rondas na taberna só pasa aquí, en Cataluña non ocorre.

Son os galegos e os cataláns semellantes no humor?

En Cataluña é un pouco máis sutil, o galego tamén, pero adoita ir máis con segundas. En Cataluña teño tocado temas coma a independencia ou a familia Pujol e funcionaron ben, penso que porque os cataláns son bastante autocríticos. En xeral son humores moi sanos os de toda a Península, incluso o tema do independentismo foi tratado en Madrid e saín ben airado.

Que influencias ten Montes?

Quedaría moi ben se dixera que a miña influencia foron recoñecidos humoristas e actores, pero a figura que máis me influiu foi miña nai. Miña nai é humorista por natureza, sáelle de xeito involuntario e creo que de aí ven todo. É un pouco cousa da familia, porque tiven unha infancia moi ‘guai’ e meu irmán maior sempre tirou un pouco polo humor máis científico. Aos oito anos comecei a facer teatro coma afección, aínda que ás veces custábame porque era na fin de semana e xa daquela era eu un neno de oito anos moi estresado que quería ese tempo para divertirme.

E ao final, dende entón actor?

Dende entón, si. Logo xa deixou de ser un pasatempo e funme perfeccionando e formando. Tiven varias experiencias, pero todas a raíz deses comezos no teatro. A min o que me ‘pirra’ é o contacto coa xente, eu o que son é actor e monologuista, e con iso malvivo.

Pesimista á galega?

Malvivir porque é cousa do gremio ao que pertenzo, un sentimento xeralizado no sector e tamén pode ser que polo tópico, pero realmente estou moi satisfeito. É a miña vocación e a pesar de que hai meses mellores e peores gozo, se aceptou miña nai a miña profesión todo o demais está ben.

Ademais de súa nai que outros referentes ten?

En Galicia hai xente moi boa, grandes contadores coma Carlos Blanco. Marcoume Pepe Rubianes, que tamén era galaico catalán. Estivo oito anos nas Ramblas co mesmo espectáculo cada día e sempre era un éxito. Aprendín moito del. Debía ter catorce anos e fun con miña nai velo, quedei ‘pillado’.

Comentarios