Fernández Paz 'vende' el libro infantil en Bolonia

A produción editorial galega volverá a participar na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a máis importante do mundo orientada aos máis cativos, dentro do expositor de Galicia, organizado pola Consellería de Cultura e Deporte e a Asociación Galega de Editores. Entre o 23 e o 26 de marzo, os editores amosarán as súas novidades e representantes das editoriais desprazaranse até Italia para establecer contactos con diferentes actores do sector.

Ademais da presenza de editores para o establecemento de contactos profesionais, prevese contar na feira italiana coa participación dalgúns dos creadores galegos de referencia no eido da literatura infantil e xuvenil. O stand galego vai promocionar e destacar, por primeira vez, a figura dun autor galego, que será protagonista dunha campaña de promoción internacional, é o primeiro desta xeira o recoñecido premio nacional de literatura infantil e xuvenil: Agustín Fernández Paz.

As editoriais
A obra que se amosará no expositor galego acollerá a produción das editoriais A Nosa Terra, Everest Galicia, Editorial Tambre-Luis Vives, Sotelo Blanco Edicións, Editorial Galaxia, OQO Editora, Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Faktoría K de Libros, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Primera Persona, Rodeira- Edebé, Baía Edicións, Edicións Obradoiro- Santillana, Ir Indo Edicións, Biblos Clube de Lectores, Edicións Embora, Editorial Toxosoutos e Edicións Positivas. Asimesmo, Kalandraka, Nova Galicia e OQO tamén contarán cun stand propio na feira italiana. As editoriais Baía Edicións, Editorial Galaxia e Edicións do Cumio terán espazos individuais dentro do stand colectivo.

A 46 edición da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña é o evento internacional máis importante dedicado ao sector da industria editorial orientado aos máis novos e este ano conta con Chile como país convidado. Na súa anterior edición, a feira deulle cabida a arredor de 1.300 profesionais procedentes de 66 países, máis de 500 xornalistas procedentes de 33 países e 4.879 visitantes profesionais internacionais.

Sete feiras en 2009
A promoción da industria cultural galega é un dos obxectivos prioritarios na liña de actuación prevista pola Asociación Galega de Editores para o ano 2009. Nesa política de promoción do libro galego, un dos piares básicos é a asistencia dos editores e dos seus produtos aos diferentes encontros profesionais que se desenvolven en todo o planeta. Así, para o 2009, está prevista a participación dos asociados da AGE en sete das principais feiras profesionais de Europa e Latinoamérica.

Despois da participación na Feira Internacional do Libro da Habana neste mes, está prevista a asistencia á Feira do Libro de Bos Aires, á Bienal do Libro de Río, á Feira Liber de Barcelona, á Feira Internacional de Frankfurt e á Feira Internacional do Libro de Guadalaxara.

Comentarios