A afroamericana Rita Dove, Pulitzer de poesía, asiste a un ciclo na Coruña

O centro sociocultural Ágora acolle as xornadas Poetas Di(n)versos, unha iniciativa organizada pola santiaguesa Yolanda Castaño
A poeta afroamericana Rita Dove.
photo_camera A poeta afroamericana Rita Dove.

O centro sociocultural Ágora acolle desde este luns ás 20.00 horas o ciclo Poetas Di(n)versos que contará coa presenza da estadounidense Rita Dove, gañadora do Pulitzer de poesía. A iniciativa, que chega á súa décimo quinta edición, está organizada polo Concello da Coruña e dirixida pola poeta santiaguesa e Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño

Nesta ocasión, Castaño presentará un recital no que se mesturarán as obras poéticas da estadounidense Rita Dove (Akron, 1952), coas pezas dunha das figuras máis internacionais da literatura galega, Alberto Avendaño (Vigo, 1957). 

Dove recibiu o Pulitzer polo seu terceiro poemario, Thomas and Beulah, en 1987, e entre os anos 1993 e 1995 foi Poeta Laureada dos Estados Unidos. Entre as súas obras máis destacadas está A través da porta de marfil (1992), Poesía reunida 1974-2004 (2016) e Cancións para a Apocalipse (2023). Ademais, foi columnista en medios como The Washington Post e editora no The New York Times Magazine.

Na sesión deste luns, Dove estará acompañada por Alberto Avendaño, poeta, narrador, tradutor e xornalista que comezou a súa carreira licenciándose en Filoloxía Xermánica na USC. No Vigo da transición democrática fundou, xunto con Antón Reixa, Manolo Romón e Alfonso Pexegueiro, o grupo de comunicación poética Rompente, expresión máxima da vangarda poética daqueles anos. Avendaño conta con numerosos premios, entre os que destacan o Latino Book Award (2016), o premio Juan Felipe Herrera (2021), dous Premios de Vapor e tres premios Emmy da Academia da TV estadounidense.

O ciclo Poetas Di(n)versos concluirá coa participación de Andrea Cote e Lorena Conde, colombiana e pontevedresa, respectivamente, que chegarán ao Ágora o vindeiro luns 10 de xuño.

Comentarios