A AELG homenaxea a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento en Lugo

O acto terá lugar este sábado ► O Concello de Lugo repartirá  marcapáxinas con poemas da escritora no parque da cidade que leva o seu nome

La escritora Rosalía de Castro. ARQUIVO
photo_camera A escritora Rosalía de Castro. ARQUIVO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración co Concello de Lugo, organizou para este sábado –24 de febreiro– unha serie de actos para homenaxear á figura de Rosalía de Castro, con motivo do aniversario do seu nacemento, e que residiu na cidade durante varios anos da súa vida.

O Concello de Lugo repartirá  marcapáxinas –catro distintos– con poemas de Rosalía de Castro no parque da cidade que leva o seu nome e onde fronte ao busto da poetisa se realiza, coincidindo coas patronais de San Froilán, a ofrenda floral do Domingo das Mozas.

O sábado, fronte ao busto da escritora, procederase á lectura dun manifesto –a partir das 12:30 horas–, así como de fragmentos da súa obras.

Pola tarde, no Centro Cultural Lanuxe Cárcere, e tamén baixo a dirección da Asociacón de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, realizarase outra lectura da obra de Rosalía, tanto de poemas como de prosa.

A edila de Cultura, Carmen Basadre, que este mércores pola mañá tomou parte na presentación destas actividades, animou aos lucenses para participar activamente na homenaxe coa lectura dalgunha das súas pasaxes favoritas da obra de Rosalía, á que cualificou como "referente necesario para a lingua e identidade" galegas.

Comentarios