Adrián Casanova, de Náufragos do Paradiso: "Agardamos que este ano o festival sexa un éxito"

O sur de Lugo está vivo e cheo de xente moza que enriquece a vida cultural dos pobos. Pasado o Festival do Castro en Pantón, celebrarase o día 5 de setembro o Festival do Paradiso en Monforte, e o 31 de outubro, o Castañazo Rock en Chantada. Mañá, o Terra Brava no Incio
Adrián Casanova, co cartaz do Festival do Paradiso
photo_camera Adrián Casanova, co cartaz do Festival do Paradiso

OS NÁUFRAGOS da cidade do Cabe son un grupo de xente moza que leva uns cinco anos traballando a favor da dinamización cultural de Monforte. O día 5 de setembro celebran a cuarta edición do Festival do Paradiso, o evento de maior relevancia que organizan anualmente. Adrián Casanova Chiclana (Monforte, 1989) é un dos náufragos.

Que depara o Festival do Paradiso que se celebrará o día 5 no parque dos Elíseos?
A partir das 20.00 horas comezará a pancetada popular, que será de balde ao público, igual que os concertos e a acampada, e a partir das 21.00 horas comezarán os concertos. Nesta ocasión actuarán Familia Caamagno, Dakidarría, Millo e a banda local Black Vintage. Ademais, logo dos concertos haberá picadiscos. Este ano estarán no festival os monfortinos Eros Marez e Mellow.

Varios artistas locais nesta ocasión.
Forma parte da filosofía do festival. Cando se creou buscábase un pouco apostar polas formacións de aquí e tamén polos grupos da comunidade.

Ofrecer todos estes concertos supón un custo á organización. Como reúnen fondos para sufragar o festival?
Reunimos diñeiro a través de diversas actividades. Contamos co apoio de patrocinadores locais, que son os máis de 70 negocios que este ano nos respaldaron. Percibimos que cada edición nos dan un recibimento máis cálido e estamos moi agradecidos. Tamén reunimos fondos grazas ás cotas anuais dos máis de dous centenares de socios que ten a asociación Náufragos do Paradiso. Estes colaboran con dez euros ao ano e calquera persoa pode asociarse a través dun formulario que temos dispoñible na web. Vendemos rifas, chisqueiros, mochilas e camisetas. Nesta edición ademais da camiseta da asociación temos unha do festival que foi deseñada por Humberto Loureiro e o cartel deste ano correu a cargo de Cibrao Cabo Cerviño, do colectivo. Tamén recibimos apoio por parte do Concello de Monforte e a barra que montamos durante o festival é importante para o financiamento.

Organizar un festival da moito traballo. Como o distribúen?
O día do festival seremos unhas 30 persoas que colaboramos de xeito voluntario e o choio previo recae sobre os membros da directiva, pero sempre buscando un consenso a través de votacións.

Que importancia ten que os concertos sexan de balde ao público?
Para nós o máis importante cando comezamos co festival foi facer unha actividade que fose accesible ao público, que os cartos non fosen un impedimento para acceder á cultura neste contexto de crise.

"Os concertos serán ás nove. Actuarán Familia Caamagno, Dakidarría, Millo, Black Vintage e picadiscos"

Que agardan desta edición?

Excepto se chove agardamos que sexa un éxito. Cada vez a afluencia de xente é maior. O ano pasado vimos que había moitas máis persoas de fóra que ao principio.

Tomarán medidas con relación ao incidente do ano pasado no que se difundiu unha gravación na que aparecía unha persoa inconsciente?
En relación a isto, nós non podemos controlar a cada unha das persoas. Nestes casos é importante a educación que haxa de base. Persoalmente, eu o que vin nese feito é unha falta de educación previa.

Consolídase o festival do Paradiso?
Cremos que si. Vemos á xente motivada, cada ano coñécese un pouquiño máis fóra. A xente participa e colabora con entusiasmo, feito que será moi positivo para o relevo xeracional. Logo do festival do día 5 queremos facer unha asamblea aberta e así contarlle a quen lle interese que foi o que fixemos neste tempo e todas as demais cousas que tamén nos gustaría facer, pero para as que non temos tempo.

O público monfortino é un chisco especial á hora de involucrarse coas iniciativas que xorden no pobo. Como o perciben dende o colectivo?
Si que é certo que hai unha acollida positiva a que se fagan cousas na cidade. Podemos dicir que é satisfactoria, pero aínda así podería ser maior. A xente ten que animarse, moitas veces penso que é cuestión de descoñecemento.

Cal é a esencia do festival do Paradiso?
A colaboración da xente. A ilusión, o esforzo e o altruismo para facer piña e sacar adiante o proxecto.

Cando comezaron a traballar para o evento do sábado día 5?
Levamos sen parar dende principios de xullo.

A pouco máis dunha semana, xa hai nervios?
Agora xa estamos acostumados, ao principio si que había moitos.

Unha vez que pase o evento, que queda nos corpos dos náufragos?
Cansazo e gran satisfacción.


Comentarios