domingo. 28.02.2021 |
El tiempo
domingo. 28.02.2021
El tiempo

Adeus a Xabier Docampo, o último gran narrador popular

Xabier P. Docampo, nunha ilustración de Kiko da Silva. EP
Xabier P. Docampo, nunha ilustración de Kiko da Silva. EP

O escritor e contador, premio Nacional de Literatura 1995, finou aos 72 anos. Asociedade literaria destacou o papel que desenvolveu como fundador da narrativa para rapaces en galego

LUGO. «Onde estaba, enchía», dicía onte Paco Martín para definir social de Xabier Docampo. Martín falaba dende o tanatorio Servisa, da Coruña, onde se achegou a sociedade literaria, lingüística e reivindicativa para recoñecer o labor feito neses campos polo escritor nacido entre as terras de Rábade en 1946 e finado na madrugada de onte en Cambre, encarado co mar, aos 72 anos. Nese mesmo lugar farase hoxe un acto civil na súa memoria ás 20.30 horas.

«A súa faceta máis importante foi a de escritor, pero tamén foi actor, guionista, home de radio», resumiu Paco Martín para describir a capacidade de fascinar do autor finado. «Tiña unha habilidade especial coa rapazada: en cinco minutos metera todos no papo».

O seu editor eterno en Xerais, Manuel Bragado, reseña o notable da súa narrativa. Non deixa de citar obras como Cando petan na porta pola noite, que lle reportou o Premio Nacional de Literatura en 1995, ou mesmo o seu inicio, O misterio das badaladas (1986). Ao tempo, reclama atención sobre textos como "Bolboretas" ou "Catro cartas", e, sobre todo, sobre "O libro das viaxes imaxinarias" (2008), que eleva á categoría da «obra de viaxes máis fermosa da nosa literatura, onde fala da vida coma viaxe e a viaxe como relato para ser compartido».

Para Bragado, «é un dos escritores que marcaron os lectores da literatura galega de entreséculos» como «fundador da nosa literatura infantil e xuvenil». Marcos Calveiro (1968) recoñece que «non lin as "Badaladas" no instituto como fixeron tantos galegos que quedaron marcados por ese libro». Se ben asume que non foi lector de Docampo en tempo, remarca que, como escritor, «recibiume cos brazos abertos cando empecei a escribir novelas xuvenís». O novelista salienta que «falar con el sobre literatura, de cine ou de cómic era viaxar ás fontes do Nilo porque sabía todo».

Os seus campos de interese e réplica eran moitos. En todos, aplicaba a determinación, o optimismo e a capacidade para aglutinar. «Xabier Docampo foi o primeiro en falar en Galicia sobre a importancia da lectura como desenvolvemento persoal e colectivo, como medio para reformar a sociedade», subliña Bragado. Esa crenza no poder de ler está relacionado co pulo que lle deu a Gálix, asociación galega de escritores para a mocidade; coa súa implicación no colectivo Nova Escola Galega, favorable a una educación pública e galega, ou como cerne de Prolingua, sociedade defensora do idioma.

POLIFACÉTICO

Paco Martín indica que, a maiores do escritor destacado, «foi actor de teatro e home de radio»

SABEDORÍA

Marcos Calveiro remarca que «falar con el era viaxar ás Fontes do Nilo»

FORMACIÓN

Manuel Bragado apunta a que se formou «cos contos da lareira e o cinema»

O galego, como manifestación da palabra en Galicia, foi un asunto maior na súa axenda pública. Manuel Bragado apunta cara á importancia de que Docampo pertence á derradeira xeración que tivo como medio de formación fundamental «os contos na lareira nun tempo de transición á cultura audiovisual» que explica o seu amor polo cinema e pola imaxe nas súas diversas expresións. O editor recordou que foi promotor da revista Bloc, que existiu entre 2007 e 2010, para orientar en relación á arte e á literatura infantil.

Todos os amores de Xabier Docampo desembocaron na súa derradeira novela "A nena do abrigo de astracán" (2018). Nese volume, o escritor «axusta contas coa súa memoria familiar, denuncia a intrasixencia e fala do cinema como liberación», sinala o editor de Xerais. Para Bragado, tanto ese texto crepuscular como O libro das viaxes imaxinarias son mostrar da «liña máis importante de Xabier: a concepción moral da narración».

Adeus a Xabier Docampo, o último gran narrador popular
Comentarios