Loli de Ferrol lembraba onte que o seu home, Isidro Novo, gustaba de "fregar follas de limóns coas mans para olelas, o olor de limoeiro era o seu favorito". Isidro Novo "desfrutou dos olores, das cores, dos sabores e das palabras" durante toda a súa existencia.
Na mañá deste xoves o seu corazón detívose mentres estaba na súa casa de Lugo.
Isidro Novo foi un investigador da vida dende que naceu no San Froilán -o día máis lucense- de 1951. No campo da palabra fixo cultivos de todas as especies: narrativa -adulta e xuvenil-, poesía, tradución e ensaio. Aínda que, sobre todo, foi un salvador de léxico. Buscaba palabras para curalas e devolvelas ao falar común.
O escritor Xosé Miranda conta que a definición que máis lle honraba foi unha que lle fixo un cliente insistente do bar que tivo, O Coiro Duro. "Isidro, ti es poeta, mago ou unha cousa desas", caracterizárao aquel homiño que non se separaba da barra.
E poeta era, pero tamén mago. Loli de Ferrol lembra que, dentro do seu multiverso de intereses, tamén quixo ser actor. Isidro Novo vestía de cores -especialmente de granate- para celebrar a vida, pero "vestía de negro para os recitais de poesía". O motivo era que "quería que os espectadores estivesen atentos unicamente á súa voz". Fóra dos escenarios dramáticos, no escenario do mundo, adornábase con fulares e enriquecía os seus pantalóns con parches de cores vivas; sempre en atenta combinación cos zapatos que calzase aquel día.
POLAFÍAS. Antonio Reigosa e máis el reuníanse cada semana para manter en marcha a roda de actos literarios que promovían. Podían ser polafías, días de Rosalía, revistas orais, recitais polo San Froilán ou xornadas de literatura. Ambos os dous mantiñan en movimento a norea da literatura galega na cidade.
Ambos os escritores percorreron xuntos o país para alentar a palabra viva. Reigosa era quen conducía. "Moitas multas por exceso de velocidade me teñen posto por ir distraído falando con el!", lembraba o escritor.
Loli de Ferrol Viúva
«Isidro desfrutou dos olores, das cores e dos sabores e das palabras durante toda a súa existencia»Antonio Reigosa Escritor
«Isidro sentía devoción polo fútbol que facía o Barcelona. Gustáballe o fútbol elegante, era un esteta ata niso»Quique Bordell Pintor
«Cada día dos últimos vinte anos, ás doce da mañá, subía ao meu estyudo e falabamos de temas como a física cuántica»
A maiores do amor pola literatura había un sentimento notable que os facía comungar: o antimadridismo. O seu amigo explica que, por riba desa ironía deportiva, estaba "a devoción de Isidro polo Celta e polo fútbol que facía o Barcelona. Gustáballe o fútbol elegante, era un esteta ata niso".
O escritor falecido era un entendido porque xogara no Iris de Magoi como extremo esquerdo. Paco Martín, agora escritor reputado e en tempos gardameta seguro desa escuadra lucense, comenta que non era fácil xogar no Iris "porque imitaban ao Athletic de Bilbao e soamente xogabamos os de Magoi". Co tempo, rendéronse ás esixencias do campionato de Modestos e abríronse a fichas de toda a cidade.
Isidro Novo vivía "nun carril que daba a Lamas de Prado e que hoxe é a rúa Mondoñedo, cerca da miña casa", apunta Xosé Miranda. Aquel Lugo dos anos 60 "era un Lugo moi distinto: xogabamos ao fútbol no medio da rúa porque case que non pasaban coches e as beirarrúas eran de terra".
Dese barrio lucense marchou o escritor finado este xoves para estudar Ciencias Sociais en Santiago. "Era moi novo, xa tiña o Preu con 16 anos", salienta Loli de Ferrol, "pero tivo mala sorte porque lle morreu o pai cando era novo e tivo que empezar a traballar". Empregouse como administrativo nunha empresa de autobuses, "polo que tivo que deixar os estudos porque non lle pasaban os apuntamentos e tamén tivo que deixar o teatro porque poñían os ensaios ás catro da tarde, cando el estaba no traballo", sinala a súa viúva.
VIVEIRO. Por volta daqueles anos, Loli desprazárase dende o seu Ferrol natal a Viveiro para coñecer a Semana Santa e coñeceu a Isidro, que tiña a súa orixe na cidade. "Dende aquela, hai 45 anos, non nos separamos; eramos o un para o outro", lamentaba ela.
Despois de casaren, Isidro empregouse nunha gasolineira, onde traballou moitos anos como administrativo ata que decidiu investigar no viño. "El quería coñecer os viñedos e as adegas, e pensou que podería facelo montando un bar; pero atender un bar é unha cousa distinta do que pensaba". Obriga a aturar clientes como o home que o consideraba "poeta ou mago", aínda que non todos amosasaban tanta chispa. Tardou nove meses en defraudarse e pechar.
Esa decepción non lle fixo desistir do seu interese polos bares e menos da fascinación que lle espertaba a amizade. O pintor Quique Bordell destacaba este xoves pola noite, aínda ferido pola perda, que "cada día dos últimos vinte anos ás doce da mañá" o seu amigo poeta subía ao seu estudo en Campo Castelo con dous cafés fumegando nas súas mans anchas.
As conversas diarias entre ambos os dous rondaban "esa realidade difusa que é o multiverso". O multiverso non é unha figura poética, senón unha especulación da física cuántica, un tema que apaxioaba a Isidro Novo. Era outra das súas multicuriosidades.