Xesús Mato: adeus ao crego da sotana voadora que foi voz do rural galego

Faleceu aos 91 anos deixando orfa a cultura e a música galegas. O paradelense, que creou Fuxan os Ventos e Auxilia e era fillo predilecto do seu municipio natal, será enterrado este mércores en Portomarín
Xesús Mato. VÁZQUEZ
photo_camera Xesús Mato. VÁZQUEZ

Chamábanlle "a sotana voadora" pola súa capacidade de estar en múltiples lugares, sempre axudando, e precisamente esa era a súa paixón: estar do lado dos que máis o necesitaban. Pero ademais, Xesús Mato Mato (Paradela, 1932) foi un gran amante da música, á que se dedicou en corpo e alma. O mundo da cultura chora agora ao crego que foi a voz do rural galego e que faleceu en Lugo aos 91 anos de idade.

A capela ardente está instalada no tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17.00 horas, ata a igrexa de San Nicolás de Portomarín.

Creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e fillo predilecto do Concello de Paradela, este sacerdote e musicólogo desenvolveu un importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega.

Foi o encargado de escribir o poema Fuxan os ventos, púxolle música e impulsou o grupo que logo levou ese nome e entrou na historia de Galicia, como despois tamén animou o nacemento do grupo A Quenlla. Creou ademais coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.

Mato Mato foi tamén crego en Lalín, onde fundou a polifónica e a emisora de radio. En Radio Popular de Lugo foi asesor relixioso, creador das misas en galego pola radio e director de programas relixiosos e sociais. Colaborou neste diario e en outros con artigos de temas socio-relixiosos e sobre o Camiño de Santiago.

Primeira misa de Xesús Mato. EP
Primeira misa de Xesús Mato. EP

PERCORREU A MONTAÑA. Durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus feligreses. Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro e o seu concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto. Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de 2.500 persoas e institucións. Ademais, máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando cumpríu os 75 e os 90 anos de idade.

Ángel Fernández, tamén Fillo Predilecto de Paradela, definiu a Xesús Mato como "un home moi ilustre" que dedicou a súa vida a "espallar a cultura". Precisamente o crego deixou varias mensaxes que pasarán á historia como que "o egoísmo debe quedar de lado e hai que transmitir o amor" ou que "a vida é un agasallo que se ten que compartir".

Xesús Mato, xunto a varios adolescentes en Piornedo. EP
Xesús Mato, xunto a varios adolescentes en Piornedo. EP

 

Comentarios