Actores caricaturizados polo artista Gogue abren a Semana de Cine de Lugo

Unha vintena de debuxos realizados polo creador galego forman unha mostra no Círculo das Artes de Lugo
Un debuxo de Disney, xunto a Luis Latorre, Margarita López, Mónica Seijas, Ana Traseira e Xulio Xiz /SEBAS SENANDE
photo_camera Un debuxo de Disney, xunto a Luis Latorre, Margarita López, Mónica Seijas, Ana Traseira e Xulio Xiz /SEBAS SENANDE

Un gorila descomunal está a piques de tragar unha avioneta. A escena pertence á película King Kong, lanzada en 1933, catro anos despois da crise de 1929. O tamaño do simio protagonista, que aterroriza Nova York, segue o procedemento de esaxerar o físico, como se fai nas caricaturas.

O artista Gogue, viñetista do Faro de Vigo dende 1989, é o autor desa imaxe dun King Kong con aspecto de titán salvaxe que amenaza cun gruñido un aeroplano de hélices que sobrevoa un solpor de laranxas e amarelos. O debuxo do gran primate é unha das vinte caricaturas que se expoñen dende onte baixo o nome de Caricaturas de cine por una buena causa no Círculo das Artes de Lugo.

A Semana de Cine da cidade inaugurase este ano, non con unha película, senón con obras de arte que falan de cine a través de cadros nos que retratan personaxes da pantalla grande esaxerando ou subliñando os seus rasgos. As caricaturas están expostas en paneis no Salón de Columnas. Joaquin Phoenix aparece no papel dun Joker en actitude de capitulación cara a cara cun Batman tan serio como musculado. John Astin posa sentado coma un conde, sentado e fumando un xaruto a carón dun espello no que se reflicte o busto da súa muller na ficción, Morticia, Carolyn Jones. Al Pacino está tristísimo en contraste cun feliz Jack Nicholson, cun wishkey na man e as gafas esvarándolle polo nariz. Na épica marítima figuran Russel Crowe, coma un dramático Jack Audrey de Master and Commander, e Geoffrey Rush, no seu de Capitán Barbossa, en Piratas do Caribe. Morgan Freeman foi representado por Gogue melancólico e reflexivo.

Xulio Xiz, presidente de Fonmiñá, que promove a Semana de Cine, comentou a súa sorpresa porque «hai corenta anos que teño relación con Gogue, pero sempre o vía en branco e negro; é a primeira vez que o vexo en color». Xiz recordou que o certame se celebra hai 45 anos, nunha continuidade na que agradeceu contar coa colaboración de entidades coma Lugo Monumental, que xestionou Caricaturas de cine por una buena causa. O nome subliña que se trata dunha iniciativa que busca recadar fondos para o colectivo lucense Aspnais. Os lenzos están á venda por 300 euros; mentres que as láminas teñen un prezo de 120 ou 80 en función de que sexan de 50 por 70 centímetros ou de 40 por 50.

A representante de Aspnais no acto, Mónica Seijas, valorou a xenerosidade de Gogue ao ceder as súas caricaturas nesta proposta que dispón da axuda do propio Círculo, en nome do que falou Margarita López Blanco, e a Uned, pola que acudiu a directora do centro lucense, Ana Traseira.

O presidente de Fonmiñá recordou que a Semana de Cine empeza o luns ás 22.00 hora no Gustavo Freire, con música e máis debuxos, estes sobre area.

Comentarios