Achan un fragmento en galego-portugués das Partidas de Alfonso X 

O documento foi localizado por Gemma Avenoza, da Universitat de Barcelona, no Arquivo Histórico da Nobreza de Toledo

O texto escrito en galego do século XIV reproduce o comezo de 'La Quinta Partida'. MINISTERIO DE CULTURA E DEPORTE
photo_camera O texto escrito en galego do século XIV reproduce o comezo de 'La Quinta Partida'. MINISTERIO DE CULTURA E DEPORTE

Un do tres únicos fragmentos da V Partida de Alfonso X o Sabio que se conservan na súa tradución ao galego-portugués foi achado no Arquivo Histórico da Nobreza de Toledo. O presente documento foi seleccionado como unha das principais pezas para a exposición conmemorativa dos 25 anos de existencia do Arquivo Histórico da Nobreza

Debido ao rechamante da súa escritura, ao seu notable sabor medieval e ao peculiar do seu achado, o equipo deste centro quixo compartir tal documento facéndoo figurar na sección Algo para contemplar da mencionada exposición, onde poderá ser apreciado até finais de 2018, segundo informa o Ministerio de Cultura na súa páxina web. 

Las Siete Partidas forman un gran corpo lexislativo redactado en Castela durante o reinado de Alfonso X (1252-1284) a fin de unificar todas as disposicións xurídicas dos seus reinos. Orixinalmente chamado Libro de las Leyes, no século XIV recibiu o seu nome actual, baseado nas seccións nas que se divide. 

A obra é un dos legados casteláns máis importantes á historia do Dereito, xa que estivo en vigor nos países hispanoamericanos até o século XIX. A pesar de que se outorgaron como texto lexislativo, as Partidas abordan tamén temas filosóficos, morais e teolóxicos. 

A súa redacción efectuouse entre 1256 e 1265 por varios xuristas e notarios casteláns dirixidos por Alfonso X

A súa redacción efectuouse entre 1256 e 1265 por varios xuristas e notarios casteláns dirixidos por Alfonso X, aínda que no século XVIII o pai Andrés Marcos Burriel afirmou que era unha obra exclusiva do rei debido á existencia doutros textos atribuídos ao monarca, tales como o Foro Real y el Espéculo, que foran elaborados no mesmo período e tiñan importantes coincidencias entre si e coas Partidas. 

A nobreza castelá resistiuse á implementación de Las Siete Partidas, polo que só foron aplicadas tras as Cortes de Zamora de 1274 aos denominados preitos do rei, é dicir, a aqueles casos reservados ao coñecemento da corte. O resto eran resoltos segundo o dereito dos foros. Por iso, na práctica quedou como unha obra de carácter puramente doctrinal, segundo recolle a información do Ministerio de Cultura. 

Para comprender o sentido da obra lexislativa é importante considerar o chamado "dato do Imperio", é dicir, a aspiración de Alfonso X de obter a coroa do Sacro Imperio Romano Germánico, para o que necesitaba dispor dun texto xurídico con validez universal, afán unificador e aplicable a todo o Imperio. 

Descoñécese se Las Siete Partidas foron promulgadas por Alfonso X. É moi posible que o destronamiento do rei polo seu fillo, Sancho IV, suspendese do todo a súa vixencia. Non foi até o reinado de Alfonso XI (1312-1350) cando as Partidas adquiriron toda a súa forza legal, ao ser incorporadas como código lexislativo no Ordenamento de Alcalá de 1348, o que supuxo unha promulgación tardía. 

La Quinta Partida presenta 15 títulos e 374 leis que abordan os contratos privados que o home pode efectuar ao longo da vida

As Partidas toman como principais fontes xurídicas o Dereito romano, canónico e feudal, inspirándose en varias compilacións como o Corpus Iuris Civilis, as Decretales de Gregorio IX, a obra de San Raimundo de Peñafort e varios foros casteláns. Ademais, ten claras influencias de Aristóteles, Séneca, San Isidoro de Sevilla e Santo Tomás de Aquino. 

As Partidas comprenden o saber xurídico medieval e tratan materias de dereito constitucional, civil, penal, mercantil e procesual. Foron orixinalmente redactadas en castelán e encabezadas por un prólogo que precede a sete libros ou partidas, que comezan cunha letra do nome do rei e compoñen o acróstico A-L-F-O-N-S-O. Cada partida divídese en títulos, e estes, á súa vez, en leis. As súas disposicións incorporan citas de autores e obras, alegorías e exemplos das súas orixes etimológicos, relixiosos, filosóficos e históricos.

LA QUINTA PARTIDA. La Quinta Partida presenta 15 títulos e 374 leis que abordan os contratos privados que o home pode efectuar ao longo da vida. Entre as súas disposicións, destacan as referidas aos contratos de mutuo, que prohibían a usura, de comodato e de depósito, as doazóns, compravendas, permutas, arrendamentos e as compañías ou sociedades, ademais da regulación das fianzas e os denominados peños ou hipotecas. 

Este documento, pertencente ao arquivo dos duques de Osuna, presenta unha notable singularidade debido a que só se conservaron tres fragmentos correspondentes a La Quinta Partida na súa tradución galego-portuguesa, lembra o Ministerio. 

O texto escrito en galego do século XIV reproduce o comezo de La Quinta Partida

Este exemplar é un bifolio escrito en pergamiño que foi utilizado como encadernación para un volume manuscrito de contas da administración da Casa do duque de Béjar.

A primeira plana do bifolio (en branco) utilizouse para rexistrar o título do mencionado volume: Libro de cargo de mrs. ñmaravedíesí que se haze a Diego de Toro de las cosas que se venden de los bienes del Illmo. duque ñconsorteí de Bejar, don Francisco 1º de este nombre ñFrancisco de Zúñiga Sotomayorí, que Dios tiene, año de 1544 años

O texto escrito en galego do século XIV reproduce, nas restantes planas do bifolio, o comezo de La Quinta Partida, e concretamente as Leyes 38-50 del Título V, ademais dun índice co quince títulos da Partida e as rúbricas das leis do catro primeiros títulos. 

Trátase dun testemuño da recepción e difusión da obra lexislativa alfonsí, que complementa a decena de fragmentos galegos conservados actualmente.

A peza foi localizada por Gemma Avenoza

As outras dúas pezas que transmiten varias seccións de La Quinta Partida áchanse depositadas no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela (Col. Branco Cicerón, Perg. 202) e no Museo de Pontevedra (Col. A. Xeneral, 9-12 capa. Planero, 12-14), exemplar este último que coincide parcialmente co fragmento do Arquivo Histórico da Nobreza, pois tamén inclúe o texto das leis 38-50 do Título V. 

A peza foi localizada por Gemma Avenoza (Universitat de Barcelona) en 2014 a través do portal PARES e identificada despois por Harvey L. Sharrer (University of California-Santa Barbara) como un fragmento de La Quinta Partida. Na actualidade levouse a cabo unha transcrición paleográfica e presentación crítica a cargo de Ricardo Pichel. 

Comentarios