jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

A Academia de Belas Artes festexa a vangarda de Maruja Mallo en Viveiro

A institución celebra hoxe o Día das Artes Galegas que lle dedicou á artista na súa cidade natal ►A pintora luguesa influíu na obra de poetas do 27, como Rafael Alberti ou Miguel Hernández

A Real Academia Galega de Belas Artes celebra hoxe o Día das Artes Galegas cunha homenaxe a Maruja Mallo en Viveiro, a cidade onde naceu en 1902. Un nutrido grupo de persoeiros das artes plásticas exaltarán hoxe a esta creadora que rachou moldes sociais, morais e estéticos. A súa forza vital e creadora fixo que, non soamente tivese unha obra moi valorada, senón que inspirase algún dos mellores poemarios en español, como dous de Rafael Alberti e un de Miguel Hernández.

O lugar de orixe de Mallo tardou moito en ser concretado. Adscrita á liberdade dos surrealistas, aseguraba que o seu se producira "en el mundo", polo que era "internacional". Cando un periodista insistiu, cedeu en gran medida, pero non completamente: "Pon que nací en el noroeste de España y vale. Soy celta, pero no quiero que me tomen por la tía de la peineta esa".

Pero o sitio de nacemento foi concretado hai tempo. O historiador viveirés Carlos Nuevo Cal sitúao "na casa número 42 da rúa de Porlier, á unha da tarde do 5 de xaneiro de 1902". A vivenda estaba "situada fronte ao pazo urbano dos Sotelo Valledor". O motivo de estar a nai na cidade era que o pai era administrador de Aduanas. Nos dous anos que permaneceu en Viveiro, antes de que o proxenitor fose destinado a Tui, aínda se cambiarían de casa para ocupar unha "na rúa de San Domingos -actual Alfredo García Dóriga-". O edificio "estaba situado no actual número 13 do barrio, coñecido popularmente como A Feira pola celebración mensual dun mercado de gando nos terreos que ocupara o antigo convento de San Domingos, derrubado en tempos da Desamortización".

As orixes lucenses teñen unha raíz que se extende ata o avó materno,natural de Sober, onde se conserva a casa de familia. E máis nada. Maruja Mallo marchou de Viveiro en 1904 e, a partir de establecerse en Madrid, nunca regresou á cidade. No entanto, a provincia nunca esqueceu ese primeiro e circunstancial vínculo e a Deputación Provincial concedeulle unha bolsa de estudos en 1926.

Tras Tui, pasou por Verín, pero as primeiras lembranzas da pintora están situadas en Corcubión. "Yo recordaba mi niñez libre y feliz en Galicia, los mercados en la plaza tan pintorescos, las romerías tan alegres", relataba en 1981.

Os pais e os doce fillos marchan en 1913 a Avilés e, dende aquela, o vínculo co noso país prolongouse na convivencia co seu tío Ramiro, onde se cociñaba galego. "Venía a cenar a nuestra casa.La sobremesa se alargaba hasta la una o las dos de la madrugada. Luego, mi padre le buscaba un taxi y la veíamos alejarse en la noche de Madrid. Maruja no cocinaba. Pero le encantaba la comida gallega, que hacía mi madre", afirmaba o seu sobriño Antonio en conversa coa xornalista de El Progreso Sabela Corbelle.

No ano de chegar a Madrid, presentouse ao ingreso na Academia de Belas Artes, sendo a única muller que o logrou nesa proba porque, como sinala o seu biógrafo José Luis Ferris, daquela "el género femenino seguía considerándose una 'raza sentada'".

A Academia de San Fernando pona en contacto cos futuros protagonistas da vangarda española. "Dalí era de mi curso en la escuela y un día me presentó a Lorca y este me introdujo en la Residencia de Estudiantes donde también estaba Buñuel con sus ojos de rana. Aquella no era gente normal. Federico guardaba, en el interior de su armario, un gran frutero lleno de limones rociados con azucarillos. Me regaló uno y me dijo que con esto ya pertencía a la Cofradía de la Perdiz", lembraba a artista.

A través deles coñecería a Rafael Alberti, con quen empezou a saír. "A Alberti le gustaba la pintura y nos veíamos en el Prado, así que al tercer día nos pusieron el panfleto, pero no quiero hablar de amores", aseguraba dorida. A rutura cubriu de silencio aquela relación, ata que o poeta escribiu en 1985: "Aquella muchacha pintora era extraordinaria, bella en su estatura, aguda y con cara de pájaro, tajante y llena de irónico humor".

En 1935 chegou a Madrid un joven poeta "delgado como un fideo" e que "vivía debajo de un puente". Esa impresión inicial de Miguel Hernández non impediu que namorase del. A relación, curta e intensa, inspiroulle a el El rayo que no cesa -"Tus sustanciales besos, mi sustento,/ me faltan y muero sobre Mayo"-. A influencia de Hernández en Maruja Mallo abriu unha nova liña na súa pintura: "Yo hice una evolución hacia la vida, hacia el campo, y fue entonces cuando brotó el trigo como un todo".

A Academia de Belas Artes festexa a vangarda de Maruja Mallo en...
Comentarios