About Art abre en Lugo cunha mostra centrada en Grandío e Minguillón

A nova galería lucense inaugurouse cunha exposición de pinturas asinadas por artistas das vangardas históricas galegas acompañadas por unha mostra de libros editados no exilio
 

Inauguración da galería de arte About Art. SEBAS SENANDE
photo_camera Inauguración da galería de arte About Art. SEBAS SENANDE

A galería About Art foi inaugurada onte na Praciña da Universidade de Lugo, a cen metros da catedral, cunha mostra de pintura dedicada a clásicos galegos e centrada en dous lucenses: Tino Grandío e Julia Minguillón.

O pintor de Guntín está representado por seis obras dos anos 60 e 70. A estrutura da exposición comenza con dous pasteis de vacas e burros —que o artista bautizou como plateros—, sigue cunha acuarela dunha festa campestre e remata cun acordeonista e cunha escena dun golfista xogando.

Dous óleos son a presenza de Julia Minguillón, "unha artista que non é fácil atopar en salas privadas", apunta a galerista María Díaz Rey.


"Dúas veces ao ano haberá exposicións con fondos de vangardas históricas galegas, pero o resto será de arte actual"

 


Xunto a esas pezas, hai un cadro que representa un ventá que ilumina a mesa dun artista. É de María Victoria de la Fuente, nacida en Vigo en 1927, que consiguiu ser unha excepción no seu xénero ao estudar na Academia de San Fernando e que se relacionou coas vangardas que frecuentaban o Café Gijón de Madrid. Díaz Rey defíneo como "un bodegón vangardista feito cunha familia conmovedora". Explica que completa "a reivindicación feminina" que representa Minguillón.

A propietaria de About Art, qué é lucense, sabe que na cidade gustan os creadores lucenses, ao tempo que salienta a puxanza do coleccionismo local. Nun segundo plano de inquedanzas dos afeccionados sitúa a arte galega, polo que apostou por eses pintores para lanzar a súa sala.

Outra figura importante da primeira mostra é o escritor Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914; Pontevedra, 1980). Participou activamente na campaña do Estatuto do 36 e foi secretario de Castelao, dous motivos que o animaron a escapar a Bos Aires en 1939. Na capital arxentina relacionouse con outros intelectuais.

Hai dous retratos de Valenzuela: un que lle fixo Laxeiro en 1935 e outro que asina Leopoldo Nóvoa en 1955. A maiores, pode verse Maternidade, que é un regalo de voda que recibiu de Castelao. Trátase dun debuxo por riba do que o rianxeiro pintou unha acuarela. De Valenzuela escribiu o libro de relatos O Naranxo (1974), dedicado a un personaxe popular en Lalín que aparece representado por Laxeiro en 1944 noutra obra desta mostra. Hai unha segunda obra de Leopoldo Nóvoa, Peixeiras (1954), unha tea figurativa pintada baixo unha influencia evidente de Seoane moi afastada á estética de ave Fénix, que iniciaría en 1979, cando decidiu pintar a partir das cinzas do seu estudo parisino despois de que ardese.

A mostra complétase cunha esquina de Bos Aires representada por Seoane en 1956 e con pezas de Arturo Souto e Xaime Quessada. 

LIBROS. Paralelamente á exposición, About Art ofrece libros asinados por creadores presentes con obra pictóricas, como Seoane ou Castelao.

Díaz Rey traballou durante moitos anos con Isaac Díaz Pardo, tanto en Sargadelos como no Instituto Galego da Información, e mantivo durante un lustro outra sala About Art en Pontevedra, polo que puido ten un coñecemento sólido do galeguismo intelectual.

A galerista indicou que ofrece "edicióins limitadas publicadas no exilio boanerense". A proposta contempla "o primeiro libro ilustrado por Seoane", que é Huellas de Feliciano Rolán, que apareceu en 1932 na imprenta Nós en Santiago. De Seoane presenta tamén Homenaxe á Torre de Hércules (1944), dunha edición limitada de 400 exemplares, e o volume Imágenes de Galicia.

Cruces de pedra, de Castelao, figura xunto a un exemplar da revista Nós que se publicou en 1923. A mostra poderá verse ata o día 26 de xaneiro neste novo espazo situado "a carón dun pazo, do Portón do Recanto, onde houbo un restaurante no que se reunía o grupo de artistas Os Urogallos", recorda a galerisa, que se propón contribuír á revitalización da zona.

A liña expositiva coa que presentou About Art, dedicada ás vangardas históricas galegas, manterase "polo menos dúas veces ao ano e haberá exposicións con fondos de vangardas históricas galegas, pero o resto serán de arte actual".

A seguinte proposta será achegada pola fotógrafa Niloufar Banisdar, unha iraní que vive en París porque no seu país non podería desenvolver o seu traballo artístico.

Comentarios