sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

A AAAG renova os contidos e a páxina web dos Premios María Casares

Jacobo Sutil, Vicente Mohedano e Isabel Blanco en la rueda de prensa de la AAAG
Jacobo Sutil, Vicente Mohedano e Isabel Blanco en la rueda de prensa de la AAAG
Repasa a súa historia a través de contidos específicos, vídeos co testemuño dos seus fundadores e información dos espectáculos que se presentaron aos galardóns, que por vez primeira tramitarán a súa votación a través da rede

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra neste 2015 o seu trixésimo aniversario e aproveita a efeméride para renovar o seu portal web, crear unha base de datos dos Premios María Casares e repasar a súa historia, que non é outra que “a historia do asociacionismo no sector teatral e audiovisual”. Lembrouno así Vicente Mohedano, presidente da AAAG, nunha rolda de prensa celebrada este lunes no Salón Teatro e na compaña de Jacobo Sutil, director da Agadic e Isabel Blanco, delegada en Galicia da Fundación AISGE.

Este aniversario representa para a AAAG a oportunidade para realizar un percorrido pola súa historia dende a súa fundación en Compostela en 1985 ata os nosos días, un período de trinta anos no que a Asociación impulsou a profesionalización dos actores e actrices galegos tanto no terreo teatral coma no ámbito audiovisual.

“En todos estes anos, a AAAG desenvolveu un traballo necesario en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do noso teatro creando os Premios María Casares, que o próximo ano chegarán xa a súa vixésima edición”, explicou Mohedano.

O presidente da asociación engadiu que na nova páxina web da AAAG se inclúen diferentes contidos para recuperar a historia da Asociación, como distintos vídeos co testemuño dalgúns dos fundadores do colectivo. Así, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gómez ou Rosa Álvarez reviven ante a cámara a creación da AAAG, o nacemento do Centro Dramático Galego ou a negociación do convenio colectivo do teatro.

Estes materiais recóllense nun novo portal, renovado co apoio da Agadic, a Deputación da Coruña e Aisge, que se suma ao dominio .gal e que se adapta a todo tipo de dispositivos, facilita a navegación e actualiza a interface dunha ferramenta que, como lembrou Mohedano, resulta “imprescindible como xanela ao mundo para comunicar a actividade da AAAG tanto aos socios coma á sociedade”. O proxecto de coordinación da web estivo coordinada por Marta Horjales e Alberto Blanco, mentres que A Navalla Suíza se encargou de materializala.

PREMIOS MARÍA CASARES. A páxina web da AAAG inclúe nesta nova versión un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que conforman o gran escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais. Neste espazo específico atoparase unha ampla base de datos dos galardóns, no que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados, as biografías dos gañadores do Premio de Honra Marisa Soto ou os Manifestos Galegos no Día Mundial do Teatro.

Ademais, no portal dos María Casares inclúese por vez primeira unha ferramenta de votación en liña, de xeito que na próxima edición, todo o proceso de votación desenvolverase a través da rede. Facilitarase deste xeito o proceso, tanto para a organización coma para o censo de votantes, conformado por preto de 500 persoas do mundo teatral.

O CATÁLOGO. A AAAG renova tamén o catálogo en liña dos actores e actrices. Esta ferramenta, que impulsou a asociación dende 1990 na súa versión en papel, deu o salto á rede en 2008. Ese ano, a AAAG creaba o primeiro catálogo de intérpretes en liña de todo o estado para o que contou co apoio imprescindible da Fundación AISGE, entidade coa que mantén unha longa e estreita colaboración.

Agora, sete anos despois, a AAAG achega unha ferramenta actualizada, máis fácil de compartir e máis axeitada para a visibilización do traballo duns actores e dunhas actrices que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e permitindo unha rápida actualización dos seus datos profesionais. 

A AAAG renova os contidos e a páxina web dos Premios María Casares
Comentarios