Miércoles. 20.02.2019 |
El tiempo
Miércoles. 20.02.2019
El tiempo

"A peli é ver a vida do Courel"

Alba Arias, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Alba Arias, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Alba Arias protagoniza, xunto con Samuel Vilariño, a película 'Trinta lumes' de Diana Toucedo. Despois do seu paso pola Berlinale e Málaga, o filme estréase este venres nos cines Códex de Lugo

Alba Arias xa non é unha nena, leva catro anos vivindo en Lugo. Está en época de exames e tinguir o pelo de laranxa é unha boa opción para fuxir dos estudos. De Seoane do Courel trouxo a voz suave e pausada, o ollar curioso e tímido e a ansia de descubrir.

No último curso de Alba no colexio de Folgoso eran dúas persoas na aula. Na clase na que aterrizou en Lugo, había 30. Os mesmos que en toda a escola do Courel, os Trinta lumes e almas que alumean a montaña lucense.

"Cando cheguei rebentábame a cabeza porque non paraban de falar, alá iso non pasaba e eu aprendía mellor así, era todo máis particular", explica Arias.

Non lle gusta o ruído nin ter que falar diante de moita xente. Protagonizar este filme levouna á Berlinale e ao Festival de Cine de Málaga, onde tivo que facer ambas as dúas cousas. Mañá terá que repetir a presentación, xunto co outro protagonista, Samuel Vilariño, nos cines Códex de Lugo.

Diana Toucedo pasou un par de anos establecendo contactos coa xente do Courel, "comendo queixos, chourizos e viño por un tubo" para non ser "alguen que chega de fóra a coller unhas imaxes", explica a cineasta que, ao rematar a película, sente que ten "máis familia".

Cando lle preguntou á dirección da escola por nenos para saír no seu filme dixéronlle que non sacase moito a Alba e Samuel. "Dicían que eramos moi nosos e que dábamos a nota coas nosas cousas. Diana fixo o contrario", explica Arias.

TRINTA LUMES_ALBA_ARIAS(2)

"Foi un amor a primeira vista, había algo especial nela, deume os ingredientes para creala como personaxe", explica Toucedo. O amor foi mutuo. "Iamos por aí con Diana como se fose parte de nós, non era unha rodaxe normal, nós faciamos a nosa vida de a diario".

Nas tardes sen nada que facer, nun lugar "sen nadie xoven", Alba adentrábase nas casas abandonadas sen que seus pais o soubesen. "Ás veces era moi creepy e daba medo. Cando era pequena non entendía o que era o despoboamento", explica Arias.

Na primeira gravación, Toucedo pediulle que fixese o que máis lle gustase e ela levouna á "casa abandonada do Chamoso, que fora dun médico casado cunha muller cubana", conta Alba.

Subiron por unhas escaleiras vellas e enclenques e atopáronse cunha escena impresionante. "Enriba da cama había tripas e sangue, Diana pensaba que o fixéramos nós, pero xa estaba así", explica Alba.

"Nós alucinamos porque empezou a atopar baúles con roupa e parecía un espazo conxelado no tempo", recorda a directora. Como por arte de maxia, os temas que Toucedo quería tratar estaban presentes en Alba dunha forma natural.

A directora atopou dúas cuestións que lle chamaron a atención no iceberg do Courel. "A concepción da morte, de non final; e a do tempo como non lineal, onde o pasado e o futuro poden estar acontecendo agora".

Aínda que Alba só tivese 13 anos cando gravaron Trinta lumes, ela recoñece que sempre lle chamou a atención "o tema da morte" e eses momentos "nos que se xunta todo o mundo porque hai un enterro".

Toucedo gravou o cotiá e sumoulle a ficción na montaxe para "buscar unha maior realidade e achegarse á cuestión do invisible, do que non se pode captar cunha cámara", explica.

A fantasía que hai na película pode parecer que vén do ollar exterior da directora pero, como explica ela, "hai moita xente que é puro corpo e terra, que non ten misticismo no discurso, pero teñen unha conexión co entorno que é incrible e que ten moito de espiritualidade".

Nunha das butacas do primeiro pase en Ourense estaba unha muller maior que aparece no filme "facendo comida para os cochos nunhas perolas xigantes". Ela é a protagonista dunha imaxe "preciosa" e "nunca antes fora ao cine". Nesta primeira vez viuse a ela mesma e ao Courel e, ao rematar, achegouse á directora e dixo: "Diana, é que así somos nós, recoñézome no que acabo de ver".

Trinta lumes tamén mostrou o invisible para a familia de Samuel. Seu pai traballa nas canteiras de pizarra e Toucedo conseguiu gravar alí. Cando viu a película dixo: "Estou impactadísimo, levo 20 anos traballando e é a primeira vez que a miña familia pode ver o que fago cada día".

Nesta estrea tamén estivo Alba, que recoñece que foi "brutal" poder "ver toda a vida do Courel reflexada, e a nós que parecíamos actores pero só faciamos a nosa vida".

Este venres o Courel comeza a xirar por Galicia con este filme, e na montaña hai un lume menos. Alba iniciou o seu voo, pero sabendo que o Courel é o seu "habitat", o sitio onde está "libre".

"A peli é ver a vida do Courel"
Comentarios