Adolfo de Abel Vilela: "A nai de Fraguas avisábao cun candil cando estaba fuxido no monte"

O historiador estuda o paso do homenaxeado coas Letras Galegas por Lugo como "unha etapa de liberdade"

Adolfo de Abel Vilela. XESÚS PONTE
photo_camera Adolfo de Abel Vilela. XESÚS PONTE

O historiador Adolfo de Abel Vilela conta que Antonio Fraguas, o persoeiro ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas, tivo unha vida truncada en 1936 pola súa condición de secretario do Partido Galeguista na Estrada. Nin o seu prestixio como docente nin o seu vivo catolicismo puideron salvalo de escapar tras o golpe militar. "Era tan boa persoa que o deron por desaparecido. Non era certo, pero a xente do réxime querían evitar prendelo", apunta Abel Vilela.

Con todo, os falanxistas non o perdoaron. "En setembro do 36 mandaron un rapaz de 15 anos que fose buscalo. Fixérono desfilar cunha bandeira de España e limpar as pintadas a favor de que se votase polo estatuto de autonomía. Déronlle aceite de ricino".

Buscou seguridade nas súas orixes. Agochouse en Loureiro (Cotobade). Antes da amencida saía cara ao monte, onde botaba todo día. Despois de que escurecese asomaba á casa materna. "A nai poñía un candil na ventá para avisalo de que non había perigo e podía volver á casa", comenta o historiador.

En 1942 a presión afrouxara e puido presentarse a unhas oposicións. Adolfo de Abel Vilela indica que lle dixeron que "estaba para o número 2, pero que a política acabara con el".

Tardaría oito anos en conseguir unha praza. Destinado ao Instituto Masculino de Lugo, ese momento marca un cambio na súa vida que o historiador vén de estudar no libro Antonio Fraguas Fraguas. Lugo, a etapa da liberdade e o recoñecemento social (Concello de Lugo). "Foi unha etapa de normalización porque se incorpora a un grupo de teoloxía que dirixía o bispo, é nomeado membro da Comisión de Arte Sagrada e entra na Real Academia Galega en 1951 para ocupar, nada menos, que a cadeira de Castelao".

"Daquela a vida cultural era a oficial, a que organizaban as delegacións de Información y Turismo,e de Educación" e foron encargando conferencias a Fraguas. A maiores, "foi premiado en dous certames literarios e deu pregóns de Semana Santa e Nadal", indica Abel Vilela.

Durante os nove anos que permaneceu en Lugo, o homenaxeado estivo colaborando en El Progreso. O estudoso explica que "fai comentarios de libros; non son de crítica, senón de que se informa de que se publican. El mesmo advirte de que non é especialista".

A eses textos relacionados coa actualidade editorial súmanse colaboracións sobre outras materias como dous textos sobre o incendio que sufriu o mosteiro de Samos en 1951, onde amosa a sensiblidade relixiosa e patrimonial.

Comentarios