"A censura de Facebook deunos máis de 10.000 clics en dous días"

A rede social impediu a promoción do filme LGTBI 'Nove de novembro' de Lázaro Louzao

Ademar Silvoso e Brais Yanek, na película 'Nove de novembro. EP
photo_camera Ademar Silvoso e Brais Yanek, na película 'Nove de novembro. EP

Lázaro Louzao (Xove, 1988) chancea con que ten moito que lle agradecer a Mark Zuckerberg. Louzao, un director de cine que está a comenzar a distribución da súa primeira longa, Nove de novembro, atopouse coa negativa de Facebook para incluír o primeiro tráiler do filme como contido patrocinado. O motivo? O cineasta teno claro: "Ten que ser porque se ve un bico entre dous homes".

Nove de novembro, un proxecto independente nacido dunha campaña de micromecenado que lle permitiu reunir 30.000 euros, é o primeiro filme de temática LGTBI (as siglas de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais) gravado en galego.

Segundo explica o seu director, eles quixeron o venres pagarlle a Facebook para que o seu adianto da película, unha peza audiovisual dun minuto de duración, fose promocionado publicitariamente a través da rede social. "Respondéronnos unhas horas despois decíndonos que non podía ser, xa que o contido era inapropiado".

Lázaro Louzao engade que se remitiron a un "contido excesivo de pel" para argumentar a negativa. "A pel que se ven son caras, pescozos e brazos: na película vese moita máis carne, pero o tráiler é moi light. Estou convencido de que se fose un bico entre unha parella heterosexual non tería pasado nada". Engade este realizador o "absurdo" da censura en Facebook, que considera inapropiados os peitos das mulleres que aleitan, pero non "os desfiles de Victoria’s Secret" e que moitas veces permite contidos "de violencia explícita, misóxinos ou homófobos". Non obstante, engade tamén que a censura —que aínda non foi levantada— foi unicamente para facer unha promoción pagada da película, pero non impediu a publicación do tráiler.

"Como a xente dos medios estades moi por diante e empezou a saír a noticia, en dous días levabamos máis de 10.000 visualizacións só no Facebook, así que lles saíu un pouco mal a censura".

Conta Lázaro Louzao que cando escribiu Nove de novembro, filmada este verán entre A Coruña e Xove, non tiña intención de facer a primeira longa LGTBI en galego. "Xa tiña moi avanzado o proxecto cando souben que sería así. O certo é que o galego, se non o usamos para facer películas, cancións ou libros, desaparece, e a realidade das persoas que non somos heterosexuais, se non a relatamos, permanece invisibilizada".

O filme, protagonizado por Ademar Silvoso e Brais Yanek, segue a Miguel e Roberto durante os once anos nos que se prolonga a súa relación amorosa e ten como data chave o 9 de novembro de 1989, cando cae o muro de Berlín. "É a ruptura dunha parella nun mundo en descomposición".

No tráiler que lle resultou excesivo ao algoritmo de Zuckerberg escóitase Lobos, de Davide Salvado. "Parece un tema feito para esta película e estoulle moi agradecido a Davide pola colaboración desinteresada", conclúe.

Comentarios