«Unha doación de Mini e Mero foi o inicio do arquivo dixital do Museo do Pobo»

A coordinadora deste fondo, Concha Losada, e o musicólogo Sergio de la Ossa presentaron onte na Deputación de Lugo o seu traballo

 

De esquerda a dereita, Sergio de la Ossa, Sonsoles López e Concha Losada. XESÚS PONTE
photo_camera De esquerda a dereita, Sergio de la Ossa, Sonsoles López e Concha Losada. XESÚS PONTE

Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero, son dúas figuras totémicas da cultura galega viva. Polo seu traballo de cara ao público, mais tamén por labores máis invisibles, como o de recolleita e escolma de músicas tradicionais. Unha súa doazón en 2007 ao Museo do Pobo Galego activou a posta en marcha do espazo online do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Apoi), que onte foi presentado na Deputación de Lugo.

Concha Losada, a coordinadora do Apoi, explicou o xoves que o arquivo en conxunto pode albergar entre 20.000 ou 30.000 documentos orais. «Non podería dicilo con exactitude, pero son 1.200 cintas, cassettes, perto tamén de catro pistas ou oito pistas».

Deste fondo, hoxendía están en disposición en aberto, a partir da páxina web do Museo do Pobo Galego, uns 500 que foron dixitalizados e documentados nun repositorio en rede. «Destes documentos achegamos non só o corte de son, senón tamén información adicional como quen son as persoas que interpretan, quen recolleu, entrevistas, as biografías dos informantes...».

Asemade, o musicólogo Sergio de la Ossa, especialista na transcrición de música tradicional e formado en etnomusicoloxía na Academia Húngara das Ciencias de Budapest, encárgase de elaborar as partituras e reproducir as letras das pezas.

«O labor de documentación e posta a disposición resulta moi costoso e require moito tempo incorporar todos os datos, pero resulta moi satisfactorio poñer a disposición de calquera persoa interesada cancións e formas da tradición oral galega recollidas en magnetofóns no seu ámbito natural, hai trinta ou corenta anos», incidiu Concha Losada.

«O labor de documentación e posta a disposición resulta moi costoso e require moito tempo incorporar todos os datos, pero resulta moi satisfactorio poñer a disposición de calquera persoa interesada cancións e formas da tradición oral galega recollidas en magnetofóns no seu ámbito natural, hai trinta ou corenta anos», incidiu Concha Losada.

O motivo da presentación deste xoves en Lugo, segundo Losada, veu dado polo feito de «devolverlle á Deputación de Lugo a gratitude», xa que unha colaboración económica desta institución axuda a manter a actividade do Apoi. Do mesmo xeito, a máxima responsable deste fondo, incidiu que aínda que contén coplas, cantigas e romances recolleitos no conxunto de Galicia, as de Lugo ocupan un lugar senlleiro.

«Moito do traballo de Mini e Mero está realizado na Chaira e nas comarcas centrais de Lugo, así como nos territorios entre Lugo e as terras de Santiago, Melide, Boimorto, Toques...». Do mesmo xeito, o Apoi conta con outro fondo achegado por Xesús Mato, que incorpora material de diferentes zonas, «especialmente das montañas de Lugo e Ourense».

Un cuarto referente lugués neste arquivo oral da música tradicional é o académico e lingüista da Fonsagrada Antón Santamarina, quen achegou as gravacións do seu proxecto coa musicóloga suíza Dorothé Schubart para a elaboración do ‘Cancioneiro galego’.

A coordinadora do Apoi considerou que se trata dun modo de preservar as formas de cultura asociadas ás sociedades preindustriais, que esmorecen coa desaparición desas formas de vida. «Gustaríame que os grupos de música tradicional, os mestres de música das escolas ou calquera que traballe no ámbito da cultura galega soubese que dispón deste arquivo, no Museo do Pobo Galego e agora tamén en internet, á súa disposición para incorporar pezas aos seus repertorios e cancioneiros. É a mellor forma que temos de manter vivos estes modos de cultura».

«O Apoi é un xeito de achegarse aos cantos de reis, de sega ou de berce, aos de Entroido ou matanzas, romances ou rexoubas; coñecer os rituais que os acompañaban e descubrir costumes tan descoñecidas como a celebración de representacións de ‘moros’ e cristiáns en Galicia», concluíu.

Comentarios