Domingo. 19.08.2018 |
El tiempo
Domingo. 19.08.2018
El tiempo

"Semella que a nosa desigualdade non existe"

Isabel Risco, Olalla Rodil e Sés. VICTORIA RODRÍGUEZ
Isabel Risco, Olalla Rodil e Sés. VICTORIA RODRÍGUEZ

A cantautora Sés e a intérprete Isabel Risco ofreceron en Lugo a súa visión da muller nas artes escénicas

A cantautora Sés e a actriz Isabel Risco coincidiron onte en lamentar a situación da muller nos escenarios no aspecto de que elas deben demostrar a súa valía profesional, igual que os homes, pero tamén que o seu xénero non é unha eiva.

Ambas as dúas participaron onte en Lugo no faladoiro Mulleres nas artes escénicas, organizado polo Bloque Nacionalista Galego, ao mesmo que outros debates nos que dialogaron profesionais femininas doutros ámbitos.

Sés denunciou que o debate estaba sobre o papel feminino nas representacións musicais, teatrais ou televisivas estaba viciado porque está recuberto e agochado por "unha aura de normalidade", que rexistra "unha evolución", unha equiparación das oportunidades entre homes e mulleres, pero, denunciou, "non é real".

Se tanto a música como a intérprete lamentaron a esixencia de ter un físico agradable para contar coas oportunidades merecidas no escenario sen que teñan relación co xénero, Sés non deixou de cuestionar a escaseza de féminas en oficios que se exercen por tras do escenario e mesmo fóra dos espazos públicos, como poden ser as técnicas, as xestoras ou as promotoras culturais.

Esa postura non marca que Sés pida cotas de entrada en cada oficio. Entende que o problema debe solucionarse moito antes de que chegue o momento de seleccionar profesionais, impartindo unha educación igualitaria. "Eu non busco mulleres para a miña banda, busco persoas que teñan calidade musical", remarcou.

Isabel Risco tamén é partidaria da pedagoxía coa cidadanía usando ferramentas como o propio teatro ou mesmo o audiovisual, que son modelos de conduta para a audiencia.

Sés pediu usar a formación como ferramenta porque cre que o problema é estrutural. A manifestación máis diáfana do desequilibrio por xéneros sitouna nos salarios, porque "sería un escándalo que un negro cobrase menos que un branco, pero non é que unha muller cobre menos que un home. A nosa desigualdade non existe".

Malia o panorama negativo, Isabel Risco quixo sementar a esperanza de que a situación das mulleres na creación pode cambiar citando que "o sector audiovisual galego foi pioneiro" na promoción de igualdade entre homes e mulleres.

"Semella que a nosa desigualdade non existe"