Jueves. 21.06.2018 |
El tiempo
Jueves. 21.06.2018
El tiempo

Diana Toucedo: "Quixen darlles volume ás xentes do Courel, non distorsionar as súas voces"

A cineasta Diana Toucedo. EP
A cineasta Diana Toucedo. EP

A directora acudirá á Berlinale con 'Trinta lumes', unha película a medio camiño entre o documental e a ficción

Un dos asuntos que tivo que enfrontar estes días Diana Toucedo foi a tradución do título da súa película Trinta lumes para a súa proxección na vindeira edición da Berlinale, o Festival Internacional de Cine de Berlín, un dos máis prestixiosos do mundo. "Non atopaba, nin en inglés nin en castelán, unha palabra acaída, porque a tradución literal aquí non funciona. As xentes do Courel falan de lumes para referirse ás casas abertas; conta o número de veciños polos lumes acesos na cociña". Finalmente, esta película gravada nos territorios de Uxío Novoneyra será tamén Thirty Souls (Trinta almas, en inglés) "e non terá título en castelán".

Diana Toucedo (Redondela, 1982) traballa contra o reloxo estes días en Barcelona, onde dá clases nos tres principais centros superiores de formación audiovisual da cidade, a Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (Esac), a Universitat Pompeu Fabra e a Universitat Autónoma de Barcelona. Malia todos os quefaceres dos vindeiros quince días, considera que "paga moito a pena" ter un acicate como é a participación na Berlinale.

"Alba ten doce anos e desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Co seu mellor amigo, Samuel, entra en casas abandoadas, percorre aldeas destruídas e adéntrase no interior dunhas montañas que agochan un mundo paralelo. Unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte". Velaí a sinopse de Trinta lumes, un filme de longa duración, que nace como un documental e do que a súa directora recoñece que navega entre as augas do testemuño e as da ficción.

Admite, asemade, que xa non son unha nin dúas persoas as que lle din que a súa longa ten "moito de realismo máxico". Ela considera que non sería unha rareza, xa que se trata dunha narrativa que está "na propia tradición galega, entre o fantástico, o ficcional, o misterioso e o costumismo".

Hai un modo Hollywood, pero tamén podemos traballar cuestións identitarias a partir de xentes do común

Se hai algún punto de Galicia que estea nas antípodas da Redondela natal de Toucedo ese é O Courel. Das Rías Baixas do Sur, na área metropolitana de Vigo, á serra oriental e máis despoboada de Lugo. Ela, de herdanza "mariñeira, pero tamén labrega", recoñece que tiña idealizadas certas lembranzas da súa nenez asociadas ao ámbito rural.

As imaxes mudaron completamente cando, en 2012, descubriu por vez primeira O Courel, da man dunha das súas mellores amigas, que fora destinada como profesora á escola de Seoane, a única que funciona en todo o municipio. Era febreiro, polo que puido achegarse á paisaxe en toda a súa crueza invernal, "en estado puro".

Foi entón cando soubo que en todo O Courel quedaban tan só trinta nenos; os seus trinta lumes; trinta almas.

Aos poucos —unha semana cada dous meses— foi coñecendo as xentes da serra do Courel. Asegura que lle levou un par de anos acadar ese punto de confianza, a intimidade necesaria, para comezar un proxecto audiovisual. "A película concibiuse moi desde dentro", asegura Diana Toucedo. Un día levou a cámara e comezou a gravar en diferentes etapas, a máis frutífera, entre finais de 2014 e principios de 2015.

O proceso de montaxe tamén foi longo, xa que non traballou cun "guión ao uso" e tivo que facer moito traballo de escrita durante a edición. "A película foi madurando pouco a pouco. Precisas desvincularte e crear novas ligazóns...".

Como exemplo dos tempos prolongados de Trinta lumes, Toucedo apunta que non foi ata este último verán cando tivo unha sorte de epifanía e se lle ocorreu que a súa película precisaba unha voz en off. "É Alba, a protagonista, quen conduce a historia. Agora é unha parte fundamental da película e estas cousas só acontecen se tes tempo abondo", sinala a directora.

A película concibiuse desde moi dentro e levoulle tempo madurar. A voz en off de Alba non chegou ata o verán pasado

Ela cre que o que a conecta coa xeración de realizadores do Novo Cinema Galega que están a rebentarlles as costuras aos xéneros da ficción e do documental —Eloy Enciso, con Arrainos; Álvaro Gago, con Matria; Lois Patiño, con Costa da Morte, ou Oliver Laxe, que está a traballar en Aquilo que arde— é a "honestidade".

"Eu quixen darlles volume ás xentes do Courel, poñerlles un altavoz, non distorsionar a súa voz. Pasei tempo con eles, tiven moita sincronía, diálogo e confianza. Só entendo contar as cousas con moita honestidade e verosimilitude", confesa. E engade: "Hai un modo Hollywood de facer as cousas, de construír historias e personaxes; pero nós formamos parte dunha xeración que estudou tamén outras cinematografías moi ricas e coas que podemos traballar cuestións identitarias, formais e concretas, definitorias, a partir de xentes do común".

Fronte a imaxe bucólica e romántica que ás veces se ofrece de lugares como O Courel, Trinta lumes e a súa directora queren poñer o foco no momento de abandono no medio rural galego. "Os longos invernos, ter que ir a Monforte ao pediatra, a falta de medios para tantas cousas...".

Nun momento da narración, Alba, que agora ten 17 anos e estuda nun instituto de Lugo, enfatiza: "Somos poucos os que resistimos". Que os últimos nenos do Courel non sexan os derradeiros.

Diana Toucedo: "Quixen darlles volume ás xentes do Courel, non...