"Que 'Dhogs' guste aos académicos dá ganas de seguir facendo cine raro"

A ópera prima do meirego Andrés Goteira acada 17 nominacións aos premios Mestre Mateo, entre elas, mellor película e dirección

Andrés Goteira, director de 'Dhogs'. EP
photo_camera Andrés Goteira, director de 'Dhogs'. EP

A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa o filme Dhogs como a produción máis votada entre as 158 que se presentaron aos XVI Premios Mestre Mateo, acaparando 17 candidaturas en 14 categorías. Entre elas, mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte a última con Juan Galiñanes.

Tamén compiten Iván Marcos e Melania Cruz pola mellor interpretación protagonista e María Costas, Antonio Durán 'Morris', Carlos Blanco e Miguel de Lira polas de reparto.

A unha certa distancia sitúanse A estación violenta, con 8 candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con 7 cada unha; Serramoura, con 6; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, con 5 cada unha.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou onte, nun acto conducido por María Mera e Monti Castiñeiras na sede compostelana da SGAE, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da 26ª edición dos premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala conducida, por segundo ano consecutivo, pola actriz Iolanda Muíños.

O director meirego Andrés Goteira minimiza este feixe de nominacións, aínda que non pode evitar unha gargallada cando lle digo que parece Guillermo del Toro. "Non tanto. O que máis que sorprendeu foi que hai varios nominados nunha candidatura, aí foi cando dixen eu: "¡Coño!"".

Goteira asegura que non é moi expresivo, que é máis de vivilo dentro, "pero alégrome moito por todo o equipo, que están todos moi contentos. Ademais, que un proxecto tan pequeniño, que leva andado xa moito por aí fóra en festivais, pois é para nós un orgullo que tamén guste aquí na terra, aos académicos e a académicas de Galicia. Énche un pouco e é un motivo para seguir facendo cine raro".

Dhogs conta a histora dun estraño personaxe que cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel onde está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do alude de acontecementos que a arroiará nas próximas horas.

Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. Dhogs é un reflexo da realidade máis escura.

A película retrata aos malos nun mundo perverso de amos e escravos, no que os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite.

O elenco do filme conta con destacados nomes do audiovisual galego como Antonio Durán Morris, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Melania Cruz, Iván Marcos ou María Costas.

Goteira asegura que non está obsesionado con que o filme chegue as salas convencionais, pero sí recoñece que sería un feito que lle gustaría, "sobre todo por toda esa xente que ten ganas de vela".

Este mozo cineasta, que empezou a facer cine polas tardes, cando tiña libre na tenda de electrodomésticos na que traballa aínda como dependente, di que pouco a pouco irá deixando esta última ocupación para adicarse por completo a dirección de películas.

No forno ten xa o falso documental Welcome to ma masion cousin e Starmucks.

Comentarios