"O idioma, a emigración e a terra son constantes que atopamos no cine galego"

Margarita Ledo coordina o volume Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, presentado en Santiago

Margarita Ledo. PEPE TEJERO
photo_camera Margarita Ledo. PEPE TEJERO

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) sitúa nos anos setenta do século pasado o nacemento autoconsciente do cine galego e cita dous nomes, o do lugués Carlos Varela Veiga e o do valenciano Llorenç Soler. A catedrática da Universidade de Santiago e académica da Real Academia Galega (RAG) é a coordinadora do volume Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, editado por Galaxia e que foi presentado onte na cooperativa Númax de Santiago.

"Se temos un Novo Cinema Galego [ao que están adscritos realizadores como Oliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Enciso ou Diana Toucedo] é porque hai un Cinema Galego ou un Vello Cinema Galego", engade Ledo Andión.

O libro conta con textos realizados polos investigadores Xosé Nogueira, Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Fernando Redondo Neira, Brais Romeu Suárez, José Luís Castro de Paz e Xan Gómez Viñas. Asemade, circunscríbese a senllos proxectos de investigación na facultade de Ciencias de Información da USC: un sobre o subtitulado audiovisual en linguas non hexemónicas e outro acerca dos cinemas dos pequenos países.

"Filmes como Dhogs abren no horizonte un tempo de normalización que debera ir acompañado de políticas públicas", sinala

Este primeiro volume precederá un segundo onde a análise se achegará sobre diferentes películas contemporáneas. Polo que atinxe a Marcas da paisaxe, inclúe, segundo Margarita Ledo, dúas panorámicas e un relato histórico con tres capítulos específicos. "As constantes do cine galego son a lingua, a emigración e a terra; unha terra entendida como territorio, en tanto en canto que paisaxe ou escenario e tamén como lugar habitado e social", engade a coordinadora do libro.

Malia existir a Galicia de Carlos Velo, gravada en 1936, durante a II República e os primeiros meses da Guerra Civil, e reconstruída tras ser achados en Moscú os rolos que levaban setenta anos perdidos, o cine galego non nacería ata a década dos setenta. "É un cine amador e militante, asociado a colectivos como Lupa, de Santiago, que fai pezas de vangarda e algunha sobre a romaría do Corpiño; Imaxe, da Coruña, cunha vocación un pouco máis profesionalizante, ou Enroba, no que o ribadense Enrique Rodríguez Baixeiras filma algúns relatos de Ánxel Fole como O cadaleito ou O documento".

Explica Margarita Ledo que existe, logo dese primiero capítulo, "unha toma de posición clara", o agromar dun cine "de vocación popular clara, o que se chama nacional popular para ser distinguido dos blockbuster, dunhas películas que poderiamos chamar de sobreprodución. Neste cine nacional popular encadraríase, por exemplo, o neorrealismo italiano".

Sinala como fitos a finais dos oitenta as estreas de Sempre Xonxa —"velaí o tema da emigración"—, de Chano Piñeiro; Urxa, de Carlos Aurelio Piñeiro, e Continental, de Xavier Villaverde. "O cinema comparativo ou comercial non dá callado, pero temos estoutro cinema da diferencia, con outras raíces", indica Margarita Ledo.

Considera a investigadora que no vindeiro volume será imprescindible aproximarse a Dhogs, una película "de ciencia ficción e experimental" que abre unha perspectiva "moi interesante no horizonte" e que axuda á "normalización cultural".

Durante as últimas semanas coincidiron nas salas comerciais da provincia de Lugo tanto a antedita Dhogs, de Andrés Goteira; como A estación violenta, a ópera prima de Anxos Fazáns, e Nove de novembro, de Lázaro Louzao e primeira longa de ficción de temática LGTBI en galego.

"O cine é unha toma de posición de grupo, un instrumento de contrainformación, pero tamén un exercicio de xénero dun grupo de persoas a quen lles gustan as películas dos Coen ou de Tarantino", comenta a este respecto Margarita Ledo, quen apunta que as estreas coincidiron arredor do Día das Letras Galegas. "É como un valor engadido e é a primeira vez que se dá así".

A académica está certa de que un cine "máis convencional ou narrativo en galego", con filmes como Fendetestas, de Antonio Simón, ou as de Ignacio Vilar, imprescindible para crear unha cultura popular contemporánea propia, precisa de "políticas públicas" para que os espectadores "poidan acceder a estas producións".

Comentarios