"Négome a cantar determinados textos; é unha elección consciente"

Xabier Díaz reedita a súa asociación coas Adufeiras de Salitre para publicar 'Noró', un álbum no que compila "musicas do norte"

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. KARLOS ABAL
photo_camera Xabier Díaz, á fronte das Adufeiras de Salitre. KARLOS ABAL

Xabier Díaz leva unhas horas de promoción con Noró e, malia o apuro, deulle tempo a cociñar uns grelos da casa, que os destes días de nevarada son máis sabedoiros. O novo traballo que asina este músico e cantor, o segundo en compañía das Adufeiras de Salitre, é un compendio "de cousas do norte", asegura Díaz.

Que é Noró e por que Noró? No libreto, a poeta Míriam Ferradáns explica: "Conta a lenda que Noró, antes de ser vento foi pedra e antes que pedra, muller. Namorou do percutir das ondas contra os cantís e fíxose ao mar. (...) É a mesma lenda quen di que Noró namorou dun irlandés cos ollos da cor do mel o cal se asomaba aos cantís de Galway para escoitala cada día, ir a vir". Xabier Díaz engade que pode ser o norte ou o noroeste, como puntos cardinais. "Hai una illa preto de Sálvora que se chama Noró, pero puidese ser tamén un nome imaxinario dunha tocadora de pandeiro", explica.

Asemade, o cantor admite resoancias "dun norte máis ao norte có noso". De Escandinavia. E de Irlanda, como a cabuxa, que ocupa a capa do traballo, que ben podería pacer preto de Vixía Herbeira, pero faino nos cantís de Galway. "A cabuxa é un animal de motísima forza e, tamén, o que nos cede os seus pelexos curtidos para as nosas percusións", explica.

Na montaña de Lugo atopo unha humildade extrema dos informantes, sen un rebiricho de fachenda

Na biblioteca sonora de Xabier Díaz custódianse melodías recollidas durante máis de vinte anos. "Hai gravacións que non lembraba con tanta claridade", explica, en referencia ao inxente material desde o que realiza a escolma. "É unha historia infinita. No noso cancioneiro hai líricas tan bonitas e tan pouco traballadas de finais do século XIX...".

Pisou os carreiros hoxe cubertos de branco da montaña de Lugo -"nós celebramos a neve ao igual que reivindicamos o norte!"- e aparecen en Noró muiñeiras de Florencio, o Cego dos Vilares da Fonsagrada, un pasodobre do Marentes de Santa Xuliana, tamén da Fonsagrada, e dúas carballesas que tocaban nos anos noventa os gaiteiros de Piñeira e do Carballal no Courel. Tamén emprega o Cancioneiro popular galego de Dorothé Schbarth e o fonsagradino Antón Santamarina.

"Ademais das miñas propias gravacións, o noso violinista e zanfonista, Gutier Álvarez, coñece moi ben o traballo do Cego dos Vilares. As músicas da provincia de Lugo teñen unha cousa marabillosa que eu persigo que é a simplicidade; a ausencia total de elementos superfluos. Sempre me sucede coas gravacións da montaña que atopo unha humildade extrema dos informantes, nin rastro dese rebiricho de fachenda que ás veces hai noutras partes", confesa.

Canda este norte da Galicia administrativa, o mapa do Noró de Xabier Díaz debuxa tamén as cartografías de músicas de terras arraianas, en León e Zamora e unha peza con réplicas nos cancioneiros leoneses e en Cantabria. "Non quixera ter o ego de converterme en valedor desas músicas, que están gravadas e compiladas, si que penso que había certa carencia de interpretalas nun concepto máis pop, para os palcos".

A forza está na excelencia. Se temos mellores instrumentos, tamén temos que tocar mellor e cantar mellor

Neste disco, Xabier Díaz volve ocuparse de todos os procesos creativos, tamén da produción e da edición. "Non é por necesidade, senón algo absolutamente voluntario. Despois do primeiro disco tivemos ofertas con discográficas, pero estou máis cómodo se controlo todas as partes do proceso".

Xabier Díaz é un tipo curioso das dúas acepcións do termo. No que se reifere á descuberta e á experimentación e tamén no que atinxe ao extremo coidado de cada un dos sons que compoñen os seus discos.

"Neste segundo traballo con Adufeiras, o concepto é o mesmo, a tímbrica e a mesma e a paisaxe sonora é a mesma. Fronte a esa vertente máis racial da música tradicional, nós procuramos unha máis contida, pero non por iso con menos forza", indica.

Busca este cantor e músico a forza na "excelencia". "Se temos mellores instrumentos, tamén temos que cantar mellor e tocar mellor. Cómpre ter en conta que os nosos informantes son amateurs, por moi bos que sexan, nós somos profesionais, debémonos iso". E desta vocación, un traballo que foxe dos berros e das estridencias, que investiga para descargar volume nalgúns instrumentos para poder cantar "dunha forma máis confortable".

O mesmo sucede cos textos. Considera Xabier Díaz que aquel que afirma que os textos da lírica popular son toscos é porque ten un coñecemento moi superficial e "estereotipado". "A excelencia está en gustar e gustarnos. É certo que están as letras de conas, carallos e a nai que te pariu, amplificadas fundamentalmente durante as tres últimas partes do século XX, pero eu non as canto. E fágoo de forma consciente. O que mal estivo, ten que mudar e forma parte tamén da nosa responsabilidade que eliximos".

O público lugués terá a oportunidade de escoitar esta nova proposta de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, a ducia de cantoras e percusionistas ás que uniu á súa carreira, nun vindeiro recital que terá lugar na Capela de Santa María de Lugo o 3 de marzo, dentro do ciclo MusicAD.

Comentarios