"Hai paralelismo entre o 'gran rexeitamento' dos 60 e o actual"

O escritor monterrosino Daniel Salgado publica un poemario inspirado por un músico de jazz e as loitas sociais en Estados Unidos

Daniel Salgado. AEP
photo_camera Daniel Salgado. AEP

Como todos os músicos imposibles, Daniel Salgado é un oínte persistente de música. Intentouno coa guitarra e logrou deixala un minuto antes de sentirse superado polo instrumento. Pasouse de executante a escoitante. A súa devoción é o free jazz, o brazo armado do jazz convencional, o jazz de cando os anarquistas queimaron as leis do xénero.

Salgado (Monterroso, 1981) cita a Albert Ayler, un intérprete nacido nunha casa de Ohio en 1936 e falecido nun río cercano en 1970 en circunstancias que rebentaron en fabulosas especulacións. "Ayler non era o máis abstracto nin o máis atonal dos músicos de free jazz, facía unha música primitiva cunha perspectiva futurista", apunta o monterrrosino.

Cala un segundo valorativo. Engade: "Non é un xeito moi claro de explicalo, pero el estaba nunha tradición, a de música afroamericana, e, asemade, na vangarda do jazz". Ao cabo, recomenda escoitalo para vencer ese abismo que debe saltarse para definir a música.

As composicións de Albert Ayler alentaron a Daniel Salgado a escribir poemas sen imaxinarlles unha finalidade. Xurdiu nese tempo a oportunidade de publicar en Apiario. A editorial coruñesa ten unha colección de plaquettes -uns libriños cativos e delgados nos que se dan a coñecer contos ou poemas- para a que esixe un tema común.

O escritor publica nese formato catorce poemas inspirados polo seu instrumentista de free jazz preferido baixo o nome de O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler.

A pesar de que o músico nutre a inspiración dos poemas, o autor relegouno no título. Antepón unha cita ao filósofo alemán Herbert Marcuse (1898-1979). "O gran rexeitamento refírese a que nos anos 60 conflúen varias loitas contra o "establishment": a loita dos obreiros, a loita dos negros, a loita das mulleres,...".

Ese rexeitamento xeralizado á estrutura da sociedade que se deu nos anos 60 en Norteamérica é o tema da plaquette. O poeta monterrosino atopa un "paralelismo" coa época que vivimos. Aínda que recoñece que "temos un idealizado aquel momento, e máis por ser Estados Unidos", alega que "pode haber unha certa mirada intempestiva" que permite relacionar aquel inicio dos anos 60 e os finais destes anos 10.

RADICALIDADE. Salgado deduce que ese contexto explica a aparición do free jazz. Aínda que non ousa afirmalo rotundamente, sinala que "os músicos estaban moi radicalizados daquela e o free jazz é unha música de confrontación: contra os críticos brancos, que tardaron en comprender o jazz; contra o jazz convencional e contra o ouvinte, porque é unha música moi singular, que desafía as nocións da música".

O autor respirou a alma do jazz abstracto e atonal para escribir O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler. "Hai palabras que nunca apareceran nos meus poemas -como fantasma, espectro ou campá- que collo dos títulos das cancións de Ayler". Daniel Salgado confesa que son referencias collidas con pinzas de depilar porque o instrumentista de Ohio "non teorizaba, ao contrario do que facían moitos músicos de free jazz, nin hai case entrevistas".

A maiores, el traslada o espírito que rexeita as normas desa variante do jazz á estética dos poemas que aparecen na plaquette de Apiario. "Interésame o traballo rítmico. Os poemas están escritos en minúsculas e levan barras verticais por toda puntuación", indica.

Comentarios