Sergio Vallejo, dobre de Tristán Ulloa: "Eu fago a derrapaxe e o actor interpreta"

Antena 3 aproveita a polémica sobre a orde xudicial do secuestro cautelar do libro 'Fariña', de Nacho Carretero, para estrear este mércores (22.40) a serie homónima, na que o piloto de Meira Sergio Vallejo participa como condutor especialista e dobre do actor Tristán Ulloa

Sergio Vallejo (esquerda) con Tristán Ulloa. EP
photo_camera Sergio Vallejo (esquerda) con Tristán Ulloa. EP

A Sergio Vallejo chamouno un día de verán Xosé A. Touriñán, Touri, para os colegas do audiovisual galego. "Contoume que estaba traballando nunha produción e que buscaban un especialista para conducir un coche e díxenlle que si". O piloto de Meira coñece a Touri porque o actor de Carral é veciño de Iván Ares, colega dos Vallejo nos rallyes, e tamén a través do maratoniano compostelán Pedro Nimo.

"Cando souben que era para facer a serie de Fariña, fíxome moita ilusión, porque o meu sobriño Artur [Galocha] foi quen deseñou a capa e a faixa coa infografía para a edición do volume de Nacho Carretero que publicou a editorial Libros del K.O.", comenta Vallejo.

O campión de rallye sumouse ao equipo de especialistas da empresa Galaicostunt, de Moaña. Comentáronlle que tería que facer de dobre do actor Tristán Ulloa,quen interpreta ao sarxento Darío Castro, un garda civil incorruptible destinado en Vilagarcía de Arousa nos anos oitenta. "Contáronme que non atopaban un condutor que fose alto abondo para facer de Tristán. Logo vin que Tristán é un pedazo máis alto ca min, pero sentados no coche tampouco se nota tanto", chancea.

Descoñecía Vallejo que Ulloa, nacido na emigración en Francia, é tamén de ADN lugués, xa que as súas orixes familiares están en Fondevila de Suar, no municipio de Antas de Ulla. "Pois falamos bastante, pero non chegou a contarmo. O que si podo dicir é que todo o equipo, da produtora Bambú, os actores, a maioría galego, e os técnicos, se portaron moi ben; houbo moi bo ambiente de traballo".

Tivo que filmar durante cinco ou seis xornadas, entre Boiro e Noia varias persecucións de coches, derrapaxes e outras escenas, "completamente sincronizadas", que se fan "minimizando os riscos". "É preciso que conduzamos especialistas, xa que moitas veces veñen cámaras dentro do coche ou hai un montón de xente do equipo técnico ao redor e pode ser un perigo".

Comenta tamén que as máquinas que tivo que conducir nada teñen que ver cos modernos coches de rallye de hoxendía. "Eran vehículos da época, Renault 8, Renault 10, Seat 127..., que non son doados de levar".

"Había unha escena na que tiña que interceptar un camión, facer unha derrapaxe e querían que baixase eu do coche e que lle apuntase cunha arma a outro, pero eu procurei que o fixese o actor; cada un, o seu. Eu fago a derrapaxe e o actor interpreta", explica.

Sergio Vallejo tiña unha certa experiencia en anuncios publicitarios e promocións. "Neses casos, nós moitas veces tirabamos un pouco máis aló do que está pautado na rodaxe; eles adoitan ser prudentes e ter moi medidos os perigos".

A partir desde primeiro contacto co audiovisual e a través da empresa Galaicostunt, a Sergio Vallejo saíronlle máis propostas, como a de dobrar a José Coronado para Vivir sin permiso, a ficción que prepara Mediaset, tamén sobre o narcotráfico galego, con guión de Manuel Rivas.

Tanto Tristán Ulloa como José Coronado son considerados dous homes atractivos no audiovisual español, preguntado por ser escollido para dobralos, Vallejo retruca: "Si, para facer de Tristán tiven que deixar bigote e víame rarísimo. Ben deitei que foi no verán, fóra da tempada de rallyes".

Para coñecer o mundo o cine, Vallejo ten a axuda ben preto, na familia, xa que é tío da actriz Alba Galocha. "Chamei a Alba despois de falar con Touri, fíxolle moita ilusión, e tamén logo da gravación para Telecinco, porque ela coñece a Coronado de traballar con el".

A semana pasada, Sergio Vallejo soubo do secuestro xudicial do libro Fariña polo seu sobriño Artur. "Díxome: "Aínda tes o libro? Pois gárdao o ben, que aínda vai valer ben cartos"", bromea. De seguido, falou con Touriñán, quen lle asegurou que a serie non corría perigo.

Esta noite asegura que estará expectante, porque descoñece se fai acto de presenza no primiero capítulo nin en cantos episodios sae. "Alí onde apareza o sarxento Darío Castro, alí estarei eu", conclúe Sergio Vallejo.

Fariña está protagonizada por Javier Rey, que interpreta a Sito Miñanco; por Tristán Ulloa, o sarxento Darío Castro, ou por Xosé Touriñán, Marta Larralde, Carlos Blanco, o valadourés Manuel Lourenzo ou a carballesa María Vázquez. O episodio que se emitirá esta noite -aínda sen a montaxe definitiva- completarase cun debate sobre narcotráfico.

Comentarios