Xurxo Iglesias: "Estréome coa primeira letra do alfabeto grego, é o comenzo de algo"

O músico pontés inicia a súa carreira en solitario e, tras tocar 18 anos con Susana Seivane, presentará esta tarde Alpha no Alovi 

Xurxo Iglesias. EP
photo_camera Xurxo Iglesias. EP

Empezou a tocar de forma autodidacta e iniciouse na rondalla das Pontes con 16 anos. Foi o seu primeiro contacto coa guitarra, coa que saltou ao conservatorio e á música profesional. "Case ao mesmo tempo empecei a tocar con Susana Seivante", recorda Xurxo Iglesias, que acompañou á banda da gaiteira con raíces lucenses por medio mundo durante 18 anos tocando o bouzouki.

"Gustábame o folk e a sonoridade que lle metía, todos os grupos o tiñan e non me era descoñecido", di mentres fala dun instrumento de corda con orixes gregos e semellante á mandola co que gravou xunto a Seivane e a súa banda varios discos e tocou "nos mellores ou maiores festivais do mundo".

América, Europa, África... e sempre en Galicia. "Os mellores escenarios eran o Festival de Ortigueira, Pardiñas e A Fraga, na casa toquei tres veces", di cun sorriso, mentres fala dunha "etapa de aprendizaxe total", "de evolución" e de "coñecer moitos músicos dos grandes".

Pero fala en pasado, rememora recordos mentres mira cara adiante. "Decidín continuar a miña carreira en solitario, tiña a inquedanza e moito material. Aparte de tocar sempre compuxen", explica, mentres fala de Alpha, o título do seu disco debut persoal.

"Estréome coa primeira letra do alfabeto grego, que en sentido figurado é o comenzo de algo, a evolución", apunta. É a súa presentación, unha declaración de intencións, que comeza coa primeira letra do alfabeto grego pero pretende continuar -en grego quédanlle 23 letras por diante para chegar á última, omega-. "Teño material para facer polo menos dous discos máis", indica.

O seu disco debut son doce temas de folk fusión no que toca con bouzouki, guitarra e mandolina

Alpha, que Xurxo Iglesias gravou no auditorio municipal Alovi das Pontes, o mesmo lugar donde o presentará ao público hoxe ás 20.00 horas, está formado por doce temas de composición propia. «É folk fusión, unha mestura e o resultado de moitas influencias miñas», di un músico que acaricia as cordas da guitarra, o bouzouki e a mandolina neste traballo, con reminiscencias do folk, o clásico ou o jazz.

Pero non está só. Pese a dar un paso adiante e converterse esta vez no protagonista, o pontés compartirá temas coa parte lucense -traballou na escola de Fingoi e alí coñeceu a Germán Díaz (zanfona), Pepe Vaamonde (frauta) ou Vadim Yukhnevich (acordeón)- e os da etapa anterior: Brais Maceiras (acordeón diatónico e exmembro tamén da banda de Seivane), Andrea Gutiérrez (guitarras), Ignacio Sanz (percusión), Tabea Graser (voz) e Rodrigo Romaní (arpa e ocarina, exMilladoiro), unha lista imprescindible que o arroupará este sábado sobre o escenario e que se completa co traballo de Paco Jarel como técnico de son.

"Hai unha peza que lle dedico a Lugo, unha parte da miña familia é de Xermade; outra a As Pontes, por un guiño á miña vila, e hai outra que se chama Muxarega, en recordo a unha agrupación pontesa na que toquei", resalta, con certos nervios ante o pouco tempo que falta para a estrea.

"Estou afeito a acompañar outra xente e agora son eu o protagonista. Pero creo que é bo ter nervios, fanme estar alerta e render ao máximo", explica Xurxo, que pretende seguir compaxinando a súa dobre faceta de mestre de música, actualmente na escola de Ortigueira, coa de músico en directo. "A miña idea é seguir medrando, compoñendo e que este sexa o primeiro paso doutros moitos. Pero non soño con grandes concertos. Sacar o disco é un soño cumprido e espero que non sexa o último", explica.

Comentarios