Jueves. 18.10.2018 |
El tiempo
Jueves. 18.10.2018
El tiempo

"Estreei o Gustavo Freire con Dona Inés e é un pracer volver con Helena de Troia"

Xúlio Lago e María Barcala, cos 'palimoquiños'. SEBAS SENANDE
Xúlio Lago e María Barcala, cos 'palimoquiños'. SEBAS SENANDE

María Barcala representa este xoves na Mostra de Teatro Clásico de Lugo este personaxe arquetípico da cultura occidental no monólogo de 'Xuízo a unha lurpia', escenificado por Teatro do Atlántico

Helena: xuízo a unha lurpia naceu en 2015 como a que podería ser a derradeira montaxe de Teatro do Atlántico. Por fortuna, Xúlio Lago, o director da compañía anuncia a posta en marcha inminente dun recital e, para outubro, unha nova función. No entanto, os lugueses poderán achegarse á revisión do arquetipo de Helena de Troia que ofrece Xuízo a unha lurpia este xoves ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire, dentro da programación da Mostra de Teatro Clásico de Lugo.

Xúlio Lago e María Barcala, a única actriz sobre as táboas na representación, partillaron onte as súas experiencias cos integrantes da compañía luguesa Palimoco en Espazo Artístico 10. Explica Lago que malia o novo traballo de Teatro do Atlántico sobre un texto do dramaturgo catalán Josep M. Benet i Jornet, Dúas donas que bailan, "a espada de Damocles non deixou de ser unha ameaza" para quen quere facer teatro profesional en Galicia e en galego.

María Barcala: "Faláronnos de Helena de Troia como culpable de grandes atrocidades, como o detonante dunha guerra, pero ela nunca falara"

Considera Xúlio Lago que a ollada sobre Helena de Troia realizada por Miguel del Arco por encarga do Festival de Mérida e para ser representada por Carmen Machi que Teatro do Atlántico adaptou como Xuízo a unha lurpia é un texto "importante, político, relevante e nos achega ao mundo clásico á nosa circunstancia". "Por iso a nosa escolla", incide.

A montaxe está concibida como un monólogo no que todos os ollos enfocan cara a María Barcala. "Está moi ben rodeada e hai unha dirección, unha iluminación, unha escenografía e unha dramaturxia que a axuda, pero o certo é que sen ela non anda nada", confesa Xúlio Lago, que leva traballando coa actriz máis de trinta anos.

Aínda que o teatro "é sempre un traballo de equipo", esta Helena que desde a Ilíada e ata o de agora fora contada por outros -por homes- e confeccionada máis como un arquetipo de beleza imposible que como unha muller coas súas propias ideas e sentimentos, toma a palabra na única voz de María Barcala.

María Barcala: "Vin a interpretación de Carmen Machi e pareceume magnífica; postas a ter referentes, que sexan as mellores"

A muller máis fermosa do mundo é unha señora madura sobre a que fixo efecto o paso do tempo. Ten unha historia. Faláronnos dela como o detonante dunha guerra, pero ela nunca falara. "Encontrámonos co desexo de poder dos homes, coas excusas para as súas guerras e como as sofren as mulleres. Considérase culpable das meirandes atrocidades, pero o seu único erro é amar", relata María Barcala, quen incide en que nin sequera ela é culpable da súa historia romántica con Paris, xa que todo vén determinado por unha decisión divina das deusas.

Barcala considera que este Xuízo a unha lurpia garda un "texto magnífico", que foi traducido ao galego por Inma López Silva, que compón un crebacabezas con pasaxes da Ilíada e "recreacións do mito de gran fondura".

Xúlio Lago: "Malia que esta montaxe non será a derradeira de Teatro do Atlántico, a espada de Damocles sobre o teatro profesional galego segue no mesmo lugar"

Interpreta a actriz que supón un exercicio de reflexión e de actualidade desde o momento no que introduce como a "escravitude" da beleza "asociada á mocidade e uns cánones determinados, que son mutables, ademais", converte as mulleres "en mercadoría, en moedas de cambio sobre as que outros poden dispoñer ao seu antollo e decidir o seu valor".

María Barcala tivo a oportunidade de ver a Helena de Troia de Carmen Machi. "É unha magnífica actriz e postas a ter referentes, que sexa unha das mellores", chancea. E apunta que non adoita ser raro acudir a un festival e que dúas compañías representen o mesmo texto de, por exemplo, Shakespeare, "e atópaslle sempre cousas diferentes".

Explica a actriz que para ela resulta moi estimulante volver subir ao escenario do Gustavo Freire de Lugo da man de Helena de Troia cando "practicamente" o estreou hai máis 30 anos coa montaxe que fixo o Centro Dramático Galego de A noite vai coma un río de Álvaro Cunqueiro. "Eu era moi nova e facía de Dona Inés, e aproveito a lembranza para reivindicar unha nova volta sobre esta peza teatral marabillosa de Cunqueiro".

Este xoves, María Barcala será Helena de Troia. Antes de que baixe o pano, os espectadores que se acheguen ata o Gustavo Freire de Lugo terán que decidir se esta muller cuxo "único erro foi amar de maneira enorme", a máis fermosa do mundo e castigada por Zeus a avellentar, é culpable ou non.

"Estreei o Gustavo Freire con Dona Inés e é un pracer volver con...
Comentarios