lunes. 30.03.2020 |
El tiempo
lunes. 30.03.2020
El tiempo

Pablo C. Ursusson: "É máis doado para nós facer concertos en San Francisco ou Seattle que en Compostela"

Pablo C. Ursusson. EP.
Pablo C. Ursusson. EP.

É a alma galega de Sangre de Muérdago, unha banda de folk escuro con base en Leipzig, Alemaña, que iniciou a semana pasada unha xira mundial que chega estes días a O Courel (o sábado, no Patio da Tola) e A Coruña (o domingo) para seguir por España, Portugal, EE UU e Canadá

Que é Sangre de Muérdago?
Pois Sangre de Muérdago é un medio e un fin, unha porta, unha luz, un lume na noite.

Cando e onde nace o grupo? Como vos coñecestes os integrantes? Polo que puiden ler, procededes todos de escenas distintas. [Pablo ten formado parte da banda de crust punk coruñesa Ekkaia].
É unha longa historia... e a idea de Sangre vén aínda dende antes. A banda nace no 2007, e ata o 2012, vai pouco a pouco matizando as súas formas, editando o noso primeiro álbum e é xa no 2012 comezamos a xirar e tamén nese ano gravamos o noso segundo disco, Deixádeme morrer no bosque. Sangre de Muérdago é no seu seo, o meu proxecto persoal, e teño a sorte de contar con bos amigos e músicos para levalo a cabo. Basicamente fomos coñecéndonos polo camiño adiante; encontros máxicos que non acontecen moito e cómpre ter os sentidos afiados para percibilo. E si, algúns de nós tocamos en bandas máis cañeiras no pasado e algúns tamén no presente. Non diría que son cousas que temos probado, mais simplemente música en diferentes formas, ou diferentes linguaxes musicais.

Por que liña van os seus traballos discográficos? Quen se encarga dos textos e das músicas?
Pois encárgome eu, Pablo; compoño a gran maioría eu só, acordes, melodías, armonías... e logo os demais sempre poñen algo da súa parte tamén. Os textos son meus. De feito, os demais compoñentes da banda son de Alemaña e Estados Unidos; cantan en galego comigo, mais non o falan realmente. A liña vai sempre polos mesmos sendeiros: música ao servizo da natureza e do noso espírito, para non esquecernos nin ter medo das partes intanxibles das nosas vidas.

Máis dunha vez dinnos que a lingua galega é moi fermosa e que, soamente co son da propia lingua e incluso sen entender as verbas, perciben o espírito da música


Que resposta recibe o folk galego do público alemán? 
Pois a verdade é que moi boa; non nos podemos queixar para nada, pois case sempre os concertos están ben atendidos, e incluso ás veces escóitase a xente cantar algunha letra en galego e todo. Máis dunha vez dinnos que a lingua galega é moi fermosa e que, soamente co son da propia lingua e incluso sen entender as verbas, perciben o espírito da música.

Sangre de Muérdago está na actualidade inmersos nunha xira por Europa e Norteamérica. É moi diferente o público do Courel ao de Seattle ou San Francisco? 
A xira comezou en Alemaña e seguiu camiño de Holanda e, despois, cara ao sur. Sangre de Muérdago leva xa anos xirando, e temos ás nosas costas un montón de xiras europeas, dous por Estados Unidos e Canadá e, incluso, unha por Asia. O público, claro, é diferente en cada sitio, pero xa che digo que nos é máis doado ter concertos en Seattle ou San Francisco que en Compostela. Pero imaxino que así lle pasa a tanta xente, xa que ninguén é profeta na súa terra. Hai moitos escenarios que lembramos con agarimo, pois dada a natureza da nosa música e a capacidade de tocar sen amplificación, máis dunha vez atopámonos tocando en sitios singulares, que van dende un barco ou o bosque, até teatros, museos, mausoleos, ou covas...

Como fan para poder compoñer un tour con tantos concertos dunha banda que non soa nas radiofórmulas e dun estilo de música que tampouco é moi masivo?
Traballo, paixón e dedicación.

Como galego, onde e con quen lle gustaría tocar no seu país?
Pois nista vou ter que dicir Milladoiro; lémbrome de cando os vin por primeira vez, tiña eu uns tres anos, na Praza Maior de Ourense, alá polo 81. De toda a vida e máis, sempre mirarei a eles cara arriba e dende ben abaixo e teño por eles un respecto superlativo. Sería unha honra.

Pablo C. Ursusson: "É máis doado para nós facer concertos en San...
Comentarios