"Cando aparece Voces Ceibes só cantaban en galego os cegos"

Xosé Manuel González lembrou en Lugo a "década iniciática" de Galicia entre o 68 e o 78

Un momento da presentación celebrada na libraría Balmes de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento da presentación celebrada na libraría Balmes de Lugo. SEBAS SENANDE

O profesor e músico Xosé Manuel González (Lugo, 1954) sinalou este mércores en Lugo que o movemento de canción reivindicativa Voces Ceibes aparece nun momento en que a música galega era "música rexional" de carácter nomeadamente instrumental. As únicas interpretacións vocais que se facían eran as dos "coros que viñan do século XIX". Os únicos que cantaban en galego daquela "eran os cegos que ían polas feiras acompañados dunha zanfona ou dun violín".

Sen embargo, os integrantes de Voces Ceibes (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella...) non tiveron en conta esa estirpe e "comezaron a cantar individualmente fóra de toda tradición" propia, "en sintonía cos cataláns de Setze Judges, cos vascos de Ez Dok Amairu e con Portugal", a través de relacións concretas como a que mantiña Benedicto con José Afonso.

As manifestacións de Xosé Manuel González foran anunciadas polos organizadores, o Ateneo Galeguista, como unha homenaxe a Benedicto, co gallo do seu pasamento o pasado día 4. Pero o conferenciante atendeu con maior interese á Nova Canción Galega no contexto da "década iniciática", que discorreu entre 1968 e 1978, "os anos que marcan o que puido ser a canción galega".

Ese arco temporal comeza, na súa percepción, cun recital que deu Raimon en Santiago en 1967. "Causara grande impacto entre uns estudantes, que comezaron a reunirse" e que deron en formar o colectivo Voces Ceibes. Varios (Moscoso, Aragüas, Benedicto, Guillermo Rojo,...) gravaron discos en solitario. González lembra que "todos eles foron pasando por Lugo no programa Aquí la juventud, que dirixía Manuel Lombao en Radio Popular".

A auxe do movemento cedeu cando Milladoiro gravou o seu primeiro disco, en 1978, e a música galega retoma o seu carácter dominantemente instrumental.

LIBRO. O medio século de Voces Ceibes está sendo celebrado con outras iniciativas. A historiadora Sheila Fernández Conde presentou onte en Santiago o seu libro Agora entramos nós. Voces Ceibes e a canción protesta galega.

A autora considera que "a Historia debe contar cun grupo de universitarios que, nos anos escuros da ditadura, armados coas súas guitarras e voces, tomaban partido por defender uns ideais, por transmitir unhas inquedanzas, por remover as conciencias do pobo, por intervir na vida social, e facelo en galego, e postulándose como perpetuadores da cultura galega".

Comentarios