jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

"Antón Lamazares é un pintor poeta. O meu pai foi un poeta pintor"

Exposición de Lamazares no Museo Provincial de Lugo. XESÚS PONTE
Exposición de Lamazares no Museo Provincial de Lugo. XESÚS PONTE

Antón Lamazares estrea no Museo Provincial 'Flor Novoneyra', unha mostra apoiada pola fundación Novoneyra

"Cando morreu o meu pai, no ano 1999, Lamazares empezou a buscar versos que puideran ser pintados. Masticounos durante 15 anos e cando morreu un grande amigo dos dous, Carlos Oroza, que viviu na casa do meu pai en Madrid, Lamazares decidiu que había que levar os versos do meu pai aos cartós. Comezou de novo a diseccionar entre todas as lecturas e preparar unha exposición composta por 181 obras das que aquí chegan preto de 80. Lamazares é un poeta pintor. E o meu pai, un pintor poeta".

Son as palabras de Uxío Novoneyra, o fillo do histórico poeta e escritor e o responsable da fundación do mesmo nome que está detrás, xunto coa Deputación de Lugo -á que Uxío agradece o apoio- da exposición 'Flor Novoneyra', que se inaugurou este martes no Museo Provincial.

Antón Lamazares é o artista que "antologa", di Uxío Novoneyra, en cartóns unha pequena parte da creación literaria de Novoneyra. "Son os versos que poden ser pintados. Foi un proceso moi dificultoso, non só a pintura de Lamazares, senón a documentación, o arquivo que a fundación lle ten prestado, o diálogo expositivo entre as súas obras e os caligramas do meu pai...".

Lamazares coñeceu a poesía de Novoneyra no ano 1969, cando estudaba no Instituto do Calvario de Vigo. "Foi da man de Xavier Pousa, que era profesor de Dibuxo. Caeu nas miñas mans 'Os Eidos', que falan da terra e do corazón da terra, e do que uns ollos amigos poden descubrir no andar dos días. Eu tamén son de aldea. Nos "Eidos" está a infancia da Galicia interior", recoñece o artista.

A exposición, que xa estivo en Santiago, recolle preto de 80 obras, 36 de Lamazares e 37 caligramas orixinais do poeta lucense

Este ademais asegura que é unha "alegría" expoñer por primeira vez en Lugo, "cidade que quero e na que teño moitos amigos. Os de Lalín somos da diócese de Lugo, polo que para min estes días son un regalo precioso".

A mostra está composta por 36 obras de Antón Lamazares, 37 caligramas orixinais de Uxío Novoneyra, e por varias pezas audiovisuais que repasan as vidas do pintor e do poeta. "Tamén se pode escoitar a Novoneyra recitando parte das súas obras", recoñece a comisaria da mostra, María Díaz Rey, afillada de Uxío Novoneyra e directora da galería About Art de Lugo. "Trátase dunha antoloxía plástica realizada por Lamazares da obra de Novoneyra. Lamazares era un gran amante da poesía e considerou que nos 'Eidos' xa estaba todo o que quería dicir, polo que decidiu que non sería poeta, senón pintor", apunta Díaz Rey.

Para que os visitantes poidan entender a exposición na súa totalidade, os responsables da mostra elaboraron un folleto que transcribe do alfabeto delfín -o alfabeto usado por Lamazares na mostra- ao galego e ao castelán. "Antón fíxolle o alfabeto delfín ao seu pai, son iconas que veñen da cultura labrega e cristiana", di Uxío Novoneyra. "Ten unha significación simbólica e universal. É un alfabeto cristiano e labrador, porque Lamazares sempre volve á súa aldea, igual que facía Novoneyra", recoñece a comisaria da exposición.

Unha mostra que está presidida por un retrato de Novoneyra feito por Laxeiro, o "mestre" de Lamazares. "Ese día foi cando se coñeceron o meu pai e Antón, un momento que a Lamazares causoulle un gran impacto. Ocorreu enriba do Café Gijón, onde vivía Laxeiro". Un encontro cuxas consecuencias pódense ver no Museo ata o 21 de xullo.

"Antón Lamazares é un pintor poeta. O meu pai foi un poeta pintor"
Comentarios