Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

Manuel Gago: "A obra ocorréuseme entre soldados que deliraban con ataques en Afganistán"

Manuel Gago. AEP
Manuel Gago. AEP

Publica a novela 'O exército de fume', unha narración sobre unha sabotaxe de guerrilleiros galegos contra os nazis

O xornalista e investigador Manuel Gago visitaba hai un tempo un mosteiro en Gales cando caeu por un cantil. Puido perder a vida, pero perdeu a solidez dun pé. Foi hospitalizado en Cardiff, onde compartiu habitación con once soldados que xogaran a integridade física e a perderan. "Polas noites soñaban co momento en que quedaran sen membro e berraban. Tiñan que vir as enfermeiras para tranquilizalos", lembra o novelista.

Meses máis tarde, Gago ocupábase de amosar unha exposición sobre Galicia que incluía o mosquetón que usara o guerrilleiro Foucellas para loitar contra a ditadura na posguerra. "Na segunda semana empezaron a chegar visitantes que quedaban xunto a esa arma, conmovidas, sen amosar moito interese polo resto das pezas". Ao cabo, o novelista logrou que lle confesasen que era "un heroe para aquelas persoas", que procedían da zona de Ordes.

A partir de ambas as experiencias, Manuel Gago empezou a reflexionar sobre a guerra como sumidoiro de dor, pero tamén como manancial de heroísmo. "Os guerrilleiros poderían ter escapado ou terse unido ao réxime, pero escolleron a opción máis difícil", indica, sinalando que esa valentía lles garantiu a simpatía e o apoio populares.

Na literatura galega tense novelado pouco sobre os guerrilleiros e, cando se fai, refírese á derrota

O terceiro argumento é editorial. "a literatura galega hai pouco novelado sobre os guerrilleiros e, cando se fai, refírese á derrota. Non se conta que aguantaron doce anos contra un estado e que, ás veces, o tiveron contra as cordas".

Con ese magma latexándolle na cabeza, tivo un encontro con amigos "que están moi interesados na Segunda Guerra Mundial en Galicia". Na xuntanza, Manuel Gago, deixou caer a idea matriz da súa vindeia novela: "Sabedes que houbo un atentado de guerrilleiro contra os nazis que estaban en Galicia?". Os amigos percibiron a afirmación como un desafío: "Que vai haber, ho! Se eran uns chaíñas". A lóxica de Gago é que os combatentes galegos eran tan chaíñas "como os balcánicos, os noregueses ou os italianos". A discusión levouno a confirmar "a dificultade dos galegos para construír mitos sobre persoas, algo que non acontece noutros países".

O resultado desas vivencias e esa análise é O exército de fume, a novela que vén de publicar en Xerais. A obra está ambientada na Galicia de 1942, cando hai dous conflitos mesturados. Por unha banda, os maquis combatendo á Garda Civil nos montes, e, por outra, Alemaña e os países aliados tratando de dominar o mar e o ceo do noso país por ser un ámbito de notable importancia estratéxica.

Os nazis son os novos mouros: interesados no subsolo, posuidor de riquezas, descoñecido e perigoso

Nese contexto hai tres personaxes cuxos futuros acabaran sendo tanxentes. Celia é unha mestra nova á que veñen de destinar na Costa da Morte. Ramallo é un guerrilleiro que prepara unha sabotaxe contra os alemáns instalados en Galicia. A terceira figura é real: o artista Urbano Lugrís, que acepta pintar un fresco para autoridade vixente como garantía para sobrevivir.

Manuel Gago ten un xeito entre orixinal e ancestral de facer unha sinopse da súa novela, como "a tradicional historia do enfrontamento entre os mouros e os labregos". Desenvolve esa idea apuntando que "os nazis son os novos mouros en Galicia", a nova manifestación das diferenzas "entre nós e os outros". Engade que "o nazi é o mouro porque está interesado nas cousas do subsolo —o wolframio—, posúe riquezas inmensas, non o coñecemos e é perigoso". Como exemplo cita que no Barbanza "hai castros que che din que foron feitos polos alemáns ou pedras que roubaron os alemáns".

Pese á mención ao wolframio, o escritor advirte de que O exército do fume é a primeira novela sobre nazis en Galicia "na que case que non se fala dese mineral".

Manuel Gago: "A obra ocorréuseme entre soldados que deliraban con...
Comentarios