"007 cambia de actor, pero non muda a súa esencia"

Josito Porto substitúe temporalmente a Evaristo Calvo como a metade de 'Mofa e Befa’. O novo dúo abrirá a xira do seu espectáculo ‘Cranios privilexiados ou a crítica da razón perralleira o 10 desde mes no Carballiño e actuará tamén en Burela ou Melide

Josito Porto (esquerda) acompañará temporalmente a Víctor Mosqueira en Mofa e Befa
photo_camera Josito Porto (esquerda) acompañará temporalmente a Víctor Mosqueira en Mofa e Befa

Mofa e Befa ou o que é o mesmo, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, é unha das parellas artísticas máis consolidadas de Galicia, con máis de vinte e cinco anos de comedia ás súas costas e con montaxes tan existosas como Shakespeare para ignorantes ou Manifesto para un teatro perralleiro. Esta semana, cando quedan dez días para o inicio da súa máis recente obra, Cranios privilexiados ou a crítica da razón perralleira, a compañía vén de anunciar que Evaristo Calvo deixa temporalmente Mofa e Befa e que será substituído por outro veterán da escena galega, Josito Porto.

"Queridas amigas, e amigos, temos que comunicar que Evaristo Calvo deixa temporalmente Mofa e Befa debido a un proxecto que vai realizar fóra das nosas fronteiras e que non pode compatibilizar coa xira de ‘Cranios privilexiados’. Mais se James Bond sobreviviu a Sean Connery, Mofa non pode ser menos... e temos un grande substituto que continuará coa xira que xa temos pechada, e as funcións que quedan por pechar, que afortunadamente son moitas grazas á resposta do público e programadores", indican desde a compañía.

Josito Porto, que asegura que está pechado na casa para estudar o libreto, xa que a xira comeza o sábado 10 de marzo no Carballiño, indica que está será a súa primeira substitución. "Aínda que fun moi bo copión nos exames do instituto e na universidade, non quero enfrontar este proxecto como un calco do traballo de Evaristo, pero Mofa, o personaxe, é o que é; está construído, ten os seus movementos escénicos, é recoñecible, amin tócame poñerlle a mirada, as mans, a voz...".

Recibiu Porto instrucións para artellar a Mofa de parte do propio Evaristo Calvo. "Tiña que saber cal era a personalidade de Mofa. Temos visto unha chea de actores facer de 007, pero máis aló das discusións familiares que poida haber na sobremesa a esencia permanece, sexa Roger Moore ou un destes actores con aspecto de presidente de Rusia. E eu teño a Mofa nunha estima moi superior á que teño a James Bond", sostén.

O actor vese con forzas para o reto e desvela que dixo que si axiña cando lle propuxeron a aventura tanto a produtora, Excéntricas, como Víctor Mosqueira. "Chamoume Víctor, porque estivemos traballando xuntos en A cabeza do dragón. Non lle dei ningunha volta. Son moi venado, traballo por impulsos, son moito de tirarme á piscina. Logo si que tiven unha dúbida, pola responsabilidade". Porto non tardou moito e disipar as súas inquedanzas. 

Algunhas veces resulta que os boísimos actores son uns soberbios e uns gilipollas, pero é que Víctor é un boísimo actor e aínda mellor persoa

"Sei que acertei, que fago de ‘puta madre’. É un dúo que teño seguido moitísimo, cos que teño coincidido desde que empecei a traballar. A relación é cojonuda; adoro o humor acedo de Mofa e Befa, o seu perralleirismo... Algunhas veces resulta que os boísimos actores son uns soberbios e uns gilipollas, pero é que Víctor é un boísimo actor e aínda mellor persoa". E engade: "Eu teño un vicio, se admiro moitísimo a Al Pacino e dou traballado con el e me decato de que Al Pacino é un gilipollas farei todo o posible por deixar de traballar con el".

Con Cranios privilexiados ou a crítica da razón perralleira, Josito Porto adéntrase noutro terreo ignoto para el, o da filosofía. Durante a presentación da obra en Compostela, o seu dramaturgo, Carlos Santiago, falara de que Mofa e Befa se ven nesta función "posuídos ou asaltados" por todo tipo de personaxes, como domadores de circo antidarwinianos, eremitas positivistas, cantantes sufís, cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade ou filósofos lucenses.

Que filósofos lucenses?, pregúntolle. "A liña argumental é un tratado de filosofía e eu nunca tiven moi boa relación coa filosofía —non é que estea especialmente orgulloso nin que sexa unha escoria humana por isto— e quizais por iso eu non coñecía a Celestino Fernández de la Vega, que é de Lugo. Non che podo avanzar moito máis, pero é un texto marabilloso".

O espectáculo xa ten pechadas 15 datas en toda Galicia, entre elas, en Melide (21 de abril) e Burela (11 de maio). Confía Josito Porto en que se engadan máis funcións e resalta o "complicado" que resulta actuar en Lugo capital. "Digo isto logo de estar con A cabeza do dragón, non hai tanto, pero é que esta montaxe é excepcional, a primeira de Valle Inclán en galego. Si que é certo que é máis fácil chegar a moitas vilas que a Lugo". 

Comentarios