Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

"Ramón Lamote' tivo éxito porque ao final os localismos son unha carallada"

Paco Martín. AEP
Paco Martín. AEP

A obra do autor lucense Paco Martín será traducida ao inglés por unha editorial búlgara

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, acaba de resolver as axudas á tradución a outras linguas de obras publicadas en galego e á tradución ao galego de obras publicadas noutras linguas, así como para a súa edición. Trátase dunha subvención de carácter bianual, á que se destinan 200.000 euros e da que se van beneficiar 67 publicacións de 22 editoras diferentes.

Á editora Treci Trg concédenselle 1.200 euros pola tradución ao serbio a Antoloxía poética de Yolanda Castaño, mentres que a tradución ao inglés da obra Das cousas de Ramón Lamote, do lugués Paco Martín, un dos grandes éxitos da literatura xuvenil galega, proporciónalle á editorial búlgara Small Stations Press 2.880 euros.

O escritor Paco Martín recibía o mércores dende este xornal a boa nova. Lembrou que Das cousas de Ramón Lamote xa fora traducido hai anos nos Estados Unidos –nunha edición bilingüe– para ser "ciscado", di, por distintas bases militares, "onde había moitos soldados hispanos".

Conta entre risos, que a editora topara daquela cunha dificultade como traducir chairego, "que ao final quedou así". "Este libro ademais, en países como México, estivo de lectura escolar".

Das cousas de Ramón Lamote ten fragmentos traducidos ao francés e, sen embargo, non a portugués. "É raro, pero é non quixen eu, porque os tradutores portugueses deben ter un sindicato moi organizado e dixeron que só traducían a partir do español, non do galego, e eu dixen que non. E debeulles parecer mal, porque disto xa fai anos".

Para Martín, o éxito de Das cousas de Ramón Lamote é algo que nin él mesmo pode explicar. "Chamoume a atención o éxito nos países suramericanos. Pensei que o personaxe era moi galego, pero ao final, se o pensas despacio, iso dos localismos é unha carallada. Cando saíu a versión en castelán, recibín cartas que me decían que o personaxe era un señor de Huelva", di riseiro.

ELENA GALLEGO. Outras axudas foron para a novela Soñan os androides con ovellas eléctricas –que adaptou ao cine Ridley Scott para facer Blade Runner–, traducida ao galego por Kalandraka Editora, para o que a empresa acadou 3.840 euros.

A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros, contía que acadou Small Stations Press pola tradución ao inglés da obra de Elena Gallego Dragal IV. A estirpe do dragón. Achegáronse ao máximo obras como Guía para o descenso enerxético, que a Promotora Cultural Malagueña verteu ao castelán, con 5.942,46 euros; ou Como se fai unha rapaza, de Caitlin Moran, traducido ao galego por Rinoceronte Editora, con 5.900 euros. Tamén destacan á tradución ao galego de La Peste, da editora luguesa Hugin & Munin/Alejandro Tobar Salazar; a tradución ao galego de Pipi Mediaslongas por Kalandraka ou a versión francesa de Dos soños teimosos, de Uxío Novoneyra.

"Ramón Lamote' tivo éxito porque ao final os localismos son unha...
Comentarios