"'Baleas' é en parte unha viaxe de volta ao meu eu arxentino"

Eduardo Estévez presentou en Trama de Lugo o seu poemario con música e cómic

 

Eduardo Estévez e Ana Seijo, na libraría Trama. SEBAS SENANDE
photo_camera Eduardo Estévez e Ana Seijo, na libraría Trama. SEBAS SENANDE

Eduardo Estévez (Bos Aires, 1969) viviu en Caracas catro anos. "Non me integrei nada ben". Logo chegou a Galicia. "Souben que quería quedar aquí e, no camiño por integrarme, aparteime da miña identidade arxentina". Este poeta explica que o poemario Baleas (Caldeirón), que este mércores presentou na libraría Trama de Lugo, "foi unha viaxe de reencontro" consigo mesmo toda vez que está a criar "un fillo galego" a quen non lle quere roubar a súa parte de arxentinidade.

A fascinación de Estévez polos cetáceos vai máis aló dunha experiencia "inesquecible" na Patagonia. "Son seres máxicos, con memoria, que están no imaxinario, desde a Biblia, con Xonás, na tradición oral...". E na lírica galega, grazas "aos antecedentes de Luisa Castro e Estevo Creus".

Explica que o xerme do libro está nun poema que escribiu para unha iniciativa fotográfica sobre a lactancia materna da editorial Galaxia. Logo desenvolveuse na rede. "Subín todos os meus apuntamentos, as notiñas que tomo antes de empezar a escribir, e amosei todo o proceso creativo ata que os poemas estiveron feitos".

Os textos que están na rede son "practicamente os mesmos" que os que agora se poden ler en papel. "Falaba con Paco Souto, o meu editor, de como facer algo máis". O valor engadido chega de man do debuxante vigués Tokio, un dos nomes importantes do cómic galego que, ademais, é biólogo e rescatador de cetáceos. "Só podía ser el", sostén o escritor. Complétase o proxecto con músicas de Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz.

Comentarios