Os plans de sostibilidade, unha oportunidade estratéxica para o turismo de Lugo

A Xunta de Galicia deseñou tres estratexias territoriais que están en marcha ao redor do litoral, enogastronomía, centros históricos e vilas termais ► Están a ser o paraugas de distintas accións de sustentabilidade no territorio
Vista de la Ribeira Sacra. AEP
photo_camera Vista da Ribeira Sacra. AEP

O turismo está a vivir un moi bo ano en Galicia. Tanto desde o punto de vista de número de viaxeiros como desde o cualitativo. Neste contexto, os fondos europeos Next Generation transferidos a Galicia están a converterse tamén nunha importante oportunidade. Con eles, a Xunta de Galicia deseñou tres plans cos que se están a poñer en valor os recursos do litoral, a enogastronomía e os centros históricos e vilas termais de xeito diversificado a través tanto do lanzamento de liñas de axudas para o sector ou profesionais, como con estratexias de sostibilidade turística levados a cabo por distintas entidades. 

O primeiro en aprobarse, o plan do litoral, conta cun orzamento próximo aos 30 millóns de euros e ao seu abeiro destináronse este ano 6 millóns á rehabilitación de distintos recursos emblemáticos no litoral baixo a fórmula de axudas a concellos ou establecementos, da que se prevé lanzar unha nova convocatoria. Tamén se traballa nun ambicioso proxecto que suporá crear unha senda litoral coa que se creará unha ruta peonil entre A Guarda e Ribadeo e está previsto destinar 1,8 millóns de euros para actuacións que revaloricen os portos deportivos, mellorando as estruturas e servizos. 

A enogastronomía é o aspecto sobre o que pivota o segundo plan territorial, cun orzamento superior aos 34 millóns de euros e no que a Xunta prevé lanzar antes de final de ano liñas de axuda para impulsar establecementos gastronómicos con encanto e promover iniciativas turísticas de mobilidade sustentable, entre outras propostas que afondarán na intención de enriquecer a experiencia turística ao redor do viño e a gastronomía galega. 

Turistas no centro histórico de Mondoñedo, xunto á catedral. AEP
Turistas no centro histórico de Mondoñedo, xunto á catedral. AEP

Aínda que o terceiro plan de Turismo de Galicia centrado nos recursos dos centros históricos e vilas termais está xa aprobado con máis de 23 millóns de euros, o groso das súas accións desenvolveranse a partir do vindeiro ano, e inclúen, entre outras medidas, lanzar liñas de axudas para a mellora das infraestruturas termais e balnearios de Galicia. 

E a estas propostas súmanse as que están incluídas no Plan Xacobeo Next Generation, neste caso centradas no Camiño de Santiago. Turismo de Galicia ten aberta nestes momentos a convocatoria de axudas de 4 millóns de euros para impulsar a rehabilitación sostible de emprazamentos senlleiros da ruta xacobea para convertelos en establecementos turísticos. E ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation tamén se esta a sinalizar a rede cicloturística Eurovelo e se realizaron melloras en portos vinculados coa ruta Traslatio. Está previsto, ademais, deseñar unha ferramenta de dixitalización dos Camiños de Santiago e está en marcha a rehabilitación de distintos BIC situados no Camiño de Santiago. Trátase, todas elas, de actuacións que buscan estimular o desenvolvemento económico, a conservación do patrimonio natural e cultural, e a promoción dun turismo cada vez máis sustentable e respectuoso e que se completa cos distintos plans de sostibilidades turística que se están a levar a cabo en distintos concellos galegos baixo o paraugas destes plans territoriais. 

Innovación 

Neste contexto varios concellos da provincia de Lugo foron beneficiarios destas accións de impulso á sostibilidade ao abeiro dos plans territoriais da Xunta coa intención de que Lugo se consolide como destino turístico equilibrando a súa rica historia con innovacións

Ademais, no marco do plan territorial de enogastronómía da Xunta destacan proxectos como o plan de sostibilidade turística Et edendo Lucus que se circunscribe ao concello de Lugo cun investimento de dous millóns de euros. E tamén ao abeiro do proxecto de rehabilitación de Bens de Interese Cultural no marco do Xacobeo Next Generation acometeranse actuacións no centro histórico de Mondoñedo e tamén na zona de Chantada e Belesar, no marco dun proxecto máis amplo sobre a Ribeira Sacra, entre outras accións.