A Xunta renovará a cuberta da igrexa de Vilabade con máis de 175.000 euros

► A directora xeral de Patrimonio Cultural salienta que os traballos no templo castroverdés permitirán mellorar as condicións de humidade e garantir a conservación das pinturas murais
Un momento da visita de Carmen Martínez Insua á igrexa de Vilabade. EP
photo_camera Un momento da visita de Carmen Martínez Insua á igrexa de Vilabade. EP

A Xunta de Galicia investirá máis de 175.000 euros na restauración da cuberta da igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde. O Goberno autonómico destaca que esta intervención permitirá mellorar as condicións de humidade do templo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e garantir a conservación das pinturas murais do interior.

Así o resaltou o martes cardesde Vilabade a directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Insua, quen visitou o templo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Segundo explicaron, estase a traballar na sinatura dun convenio de colaboración coa diocese de Lugo para a posta a disposición do ben que permita comezar con estas obras de restauración.

"Trátase de actuacións moi necesarias para garantir a correcta conservación deste ben, que na actualidade presenta unha serie de defectos e danos, con varias zonas afectadas pola entrada de auga da cuberta e tamén ten algunhas patoloxías derivadas de intervencións antigas", explicou Martínez Insua.

Entre as actuacións previstas pola Xunta na igrexa de Vilabade inclúese a renovación do lousado e a colocación de proteccións tanto no campanario como na cuberta. Tamén se renovará e saneará a drenaxe perimetral existente e realizaranse intervencións puntuais nas carpinterías exteriores para aumentar a ventilación do interior.

Por último, incorporarase un illante térmico na cuberta e acometeranse traballos de conservación preventiva nas pinturas murais do interior da igrexa. O importe previsto das actuacións é de case 176.000 euros.

En detalle

A igrexa de Vilabade ten a súa orixe na orde franciscana, cunha posible fundación inicial no século XIII e unha posterior refundación no século XV. A súa arquitectura posúe elementos góticos e outros de épocas posteriores froito das sucesivas transformacións nos séculos seguintes.

As fachadas oeste e sur presentan abundantes elementos medievais, mentres que o pórtico da entrada principal co seu frontón e arcada frontal é neoclásica. O presbiterio está rematado por un valioso retablo barroco de Francisco de Moure, tras o que se desenvolve a sancristía en dúas alturas. Nos laterais destacan dous retablos barrocos e pinturas murais, danados pola humidade.

Comentarios