viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

"A Xunta quere estrangular as deputacións en vez de axudar; é unha postura surrealista"

José Tomé Roca. AEP
Tomé, no balcón do seu despacho na Deputación. SEBAS SENANDO
José Tomé chega ao ecuador do seu mandato, un periodo que considera ''moi positivo'' malia ás dificultades da pandemia 

Cales son as principais metas dese proxecto?

Nestes dous anos reforzamos o papel da Deputación como administración fundamental para liderar os servizos públicos na provincia e achegalos aos veciños, sempre co obxectivo de favorecer o desenvolvemento rural, coa vista posta nos municipios máis pequenos e nas zonas máis desfavorecidas. Sen a axuda da Deputación, moitos concellos non poderían prestar servizos básicos aos cidadáns nestes tempos de crise. Cada venres apróbanse na xunta de goberno distintas medidas que levan aparellados investimentos.

En que sectores centra o seu esforzo económico a Deputación?

Desde que tomei posesión incidimos en catro liñas básicas. Unha delas é a política social, á que dedicamos 30 millóns de euros, un terzo do orzamento deste ano. Outra das nosas funcións é a cooperación cos concellos en distintos eidos administrativos, aínda que este esforzo se fai máis visible polo plan único, ao que destinamos 21,5 millóns de euros, dirixidos principalmente á modernización de infraestruturas ou ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Cada ano contribuímos a crear 300 postos de traballo na provincia a través deste plan. Outro dos nosos obxectivos é o apoio á economía produtiva. Este ano investimos 2,3 millóns de euros no sector primario, e tres en turismo. O cuarto piar da nosa acción é a mobilidade, á que destinamos 16 millóns de euros para afrontar o mantemento da rede de estradas provinciais máis grande de España, con 4.217 quilómetros. Para acadar estes obxectivos, tratamos de gastar con eficacia. Sempre me preocupou moito facer un uso eficiente dos recursos públicos, saber a onde vai o diñeiro e para que vai ser útil.

Moitas veces quéixanse desde o goberno provincial de ter que asumir funcións que non lles corresponden.

Cun orzamento de 90 millóns acometemos competencias propias e algunhas impropias. A Xunta ten un presuposto de 11.563 millóns de euros, case 130 veces máis, e nós temos que asumir responsabilidades súas en distintas materias, como a xestión de centros de atención aos maiores ou de centros de día. Os conselleiros e mesmo o presidente galego condicionan a execución de determinadas obras ás achegas das deputacións, aínda que sexan actuacións da súa competencia. O lóxico sería que as administracións máis grandes, en función da súa capacidade, axudasen ás pequenas. En Galicia vivimos unha situación surrealista, na que o Goberno galego trata de estrangular as deputacións, se cadra porque o PP só goberna na de Ourense e daquela maneira. 

Bota en falta un maior entendemento co Goberno galego?

A Xunta predica o que non fai. Feijóo demanda cogobernanza ao Executivo central, pero non traslada esa filosofía a Galicia. Dende que cheguei á presidencia da Deputación nunca me chamou, nin sequera para saber como estabamos a traballar contra a pandemia ou para coñecer as nosas preocupacións sobre a situación na provincia. Boto de menos unha maior dispoñibilidade e espírito de diálogo por parte da Xunta.

As residencias teñen unha notable presenza na política social da Deputación. Cantas funcionarán a final de mandato?

Contamos con seis centros de atención a maiores, que atenden a 180 persoas e crean 150 postos de traballo fixos. As de Meira e Navia de Suarna abrirán as súas portas este ano e no 2022 será a quenda da de Ribas do Sil. Remataremos o mandato con nove residencias abertas, cando a Xunta só ten catro na provincia. A nosa política é crear estes centros en concellos rurais, onde máis os necesitan, para manter os asistidos na súa contorna. O noso modelo de pequenas residencias é moi funcional en zonas pouco poboadas onde ese labor non lle resulta rendible ás empresas e, á vez, xérase actividade económica e emprego na contorna. A Xunta enche a boca falando da lexislatura do rural, pero a que se preocupa de crear servizos nel é a Deputación.

Cales son os obstáculos polos que non se chega a convenios coa Xunta para contratar prazas nas residencias ou mesmo para integrar as da Deputación na rede galega?

Feijóo expresou en máis dunha ocasión a necesidade de reformular o sistema de residencias públicas en Galicia. O modelo da Deputación, baseado na atención personalizada, está a dar un bo resultado. Temos 25 traballadores por cada 30 residentes, unha ratio moi elevada. Pedimos unha colaboración leal para mellorar o sistema de residencias e non teríamos problemas nin en acordar prazas coa Xunta, nin en integrar os nosos centros nun sistema galego de atención ás persoas maiores.

Nesta etapa marcada pola crise do covid, que medidas de reactivación adoptaron desde o goberno provincial?

A Deputación non tivo axudas externas, a diferenza da Xunta, que recibiu fondos do Estado, como todas as comunidades autónomas, e non os repartiu entre os concellos. Malia todo, incrementamos o investimento no plan único e adiantamos as liquidacións de impostos por trimestres aos concellos para que fixeran fronte aos pagos sen ter problemas de tesourería. Este ano puxemos en marcha o Plan de Impulso da Economía da provincia de Lugo. Sete das dez medidas propostas xa están en marcha e o plan de dixitalización para autónomos e pemes está a piques de comezar. Quedan por iniciarse os plans de formación para parados de longa duración e para mozos desempregados. Unha destas medidas son os Bonos Impulsa, que están a dar un bo resultado. Fixemos un reparto proporcional que beneficia ao comercio e á hostalaría dos 67 concellos de Lugo. Cada beneficiario está obrigado a gastar os bonos no seu lugar de residencia.

Tamén poñen moita énfase nas iniciativas turísticas.

O turismo xera o 12% do Produto Interior Bruto e un 14% do emprego na provincia. É un sector con perspectivas de crecemento, sobre todo na Mariña, como na Ribeira Sacra e na capital. Xunto coas axudas directas á hostalería e ao comercio, creamos o plan ‘Coñece a túa provincia’, con excursións gratuítas, e o programa ‘Saborea a túa provincia’, de promoción de produtos de calidade. Rebaixamos de 55 a 50 a idade para participar no plan Lugo Termal. O fomento das viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra deu os seus froitos. Hai reservas ata outubro. 

"O PP fai unha política de fochancas que ás veces roza o ridículo"

Os ataques do PP ao presidente da Deputación polo estado das estradas provinciais son unha constante. Tomé, que xestiona a delegación de Vías e Obras, considera que a oposición "segue esa política coa intención de atacarme e buscar o meu desgaste. Os seus deputados practican a política da fochanca ata o punto de rozar o ridículo, como cando se fan fotografías cunha pala e semellan que están a arranxar o firme. Esas cousas non lle dan seriedade ás demandas. Non levan a ningún lado e non favorecen para nada nin a imaxe nin a función de servizo público que ten a política

Pero poderíase facer algo máis.

Como responsable de Vías e Obras intento que as estradas da Deputación estean nas mellores condicións posibles, pero non se pode facer todo en dous anos. O PP esquece tempos pasados nos que gobernou a Deputación e outros máis recentes nos que estivo un breve período na presidencia. E preocúpame que, na súa obsesión por desgastarme, non condene con rotundidade actuacións contra bens públicos como o arado dunha vía provincial en Portomarín. Non creo que escavar estradas da Deputación, da Xunta ou do Estado sexa a solución a ningún problema. É algo que non se pode xustificar nin silenciar.

Pode ser casualidade, pero hai veces que se arranxan estradas ao pouco tempo de pedilo o PP.

Polo que se ve, e xa o dixen en varios plenos, o PP ten una rede de informadores que lle avisan cando encargamos un proxecto ou visitamos unha estrada. Se detectan algún movemento levan de inmediato un rogo ao pleno e sacan unha nota reivindicando unha actuación que xa saben que se vai facer. É lamentable que non teñan iniciativa propia e vaian a remolque do goberno. Se a execución do proxecto pedido pola oposición comeza ao cabo dun mes, queda claro que estaba redactado ou tiña case rematada a súa tramitación. Trátase dunha política errónea.

Nos últimos días, a oposición criticou a inacción da Deputación para acadar fondos europeos?

Non sei como falan dunha situación pola que nin sequera preguntaron. Traballamos con empresas de consulting no deseño dun plan estratéxico para acceder a fondos europeos e aos Next Generation que tanto preocupan ao PP. A fenda dixital, a mobilidade, o turismo, os servizos sociosanitarios e as iniciativas diferenciais dirixidas ao sector produtivo centran estes proxectos, nos que colabora persoal da institución provincial.

Cales foron os momentos máis ingratos para vostede nestes dous anos?

Os primeiros meses da pandemia eran moi delicados pola situación de incerteza e as limitacións para o desenvolvemento da actividade, aínda que se aplicaron con eficacia o teletraballo e os protocolos anticovid. No Pazo de San Marcos tivemos poucos casos e conseguimos manter as residencias de maiores libres de contaxios. Fóra da pandemia, a nivel político non pasei momentos de malas sensacións.

Sen embargo, o PP cebouse con vostede a raíz dun comentario alusivo á vestimenta da súa presidenta provincial, Elena Candia.

Foi unha utilización perversa dunha crítica que fixen a raíz dunha batukada que protagonizaron políticos populares ás portas da Deputación. Converteron unha frase humorística, que facía referencia ao asalto ao Capitolio dos Estados Unidos, nunha ofensa persoal, cando nunca tiven intención de molestar a ninguén. É un tema superado, que non tiña percorrido ningún, pero que o PP tratou de utilizar de xeito partidista.

Que tal compatibiliza o seu traballo como alcalde de Monforte coa presidencia provincial?

Bastante ben, porque delego moito e teño a sorte de contar con bos equipos, tanto no Concello como na Deputación. É un pracer traballar con estes compañeiros, que non só executan as peticións do presidente ou do alcalde, senón que tamén propoñen ideas para mellorar as iniciativas. Procuro delegar, porque un non pode velo todo e coido que é a forma máis axeitada de ter un goberno sensible ás necesidades dos cidadáns, tanto no ámbito municipal como no provincial. Por outra banda, hai que organizarse e contar coa comprensión e a colaboración da familia.

Se tivera que escoller, quedaría de alcalde ou de presidente?

Se foran cargos incompatibles e tivese que decantarme por un elexiría o Concello, sen dúbida. Non hai que esquecer que gobernar un concello é case sempre unha condición previa, moitas veces, ao goberno da Deputación. Tamén na Coruña ou en León, os presidentes das deputacións son alcaldes.

 

O presidente é moi cauto á hora de analizar a actual situación do PSOE lucense e galego. Rexeita os rumores que o sitúan como posible secretario provincial, na substitución da mariñá Patricia Otero. "Sempre mantiven unha actitude de respecto cara ás persoas e o seu traballo. Penso que non toca propoñer un relevo na secretaría provincial, senón apoiar o seu labor. Debemos centrarnos en seguir gobernando con acerto nos concellos e na Deputación, na que é importante revalidar no futuro unha política progresista que asente o noso proxecto".

Como inciden os últimos movementos no Goberno e no PSOE estatal no socialismo galego?

Os cambios no Executivo non teñen relación coa situación orgánica do partido nun futuro próximo. Será no congreso federal de Valencia, no mes de outubro, cando se fixen as liñas estratéxicas a seguir nos congresos autonómicos.

Que papel poden ter os socialistas de Lugo na pugna por controlar o PSOE galego entre Gonzalo Caballero e o núcleo conformado arredor do coruñés Valentín González Formoso, co que se relaciona ao lucense Gómez Besteiro?

Bandos hai en todos os partidos. Tamén os teñen no PP, aínda que de cara a fóra pareza que Núñez Feijóo ou Elena Candia o teñen todo controlado. Tamén hai diferenzas de criterio no BNG. Calquera opinión sobre o futuro do PSdeG é prematura. Haberá que esperar para ver se a province ia Lugo, que ten unha maior volume de afiliación que Ourense, aínda que moi por debaixo da de Pontevedra ou A Coruña, acada peso á hora de tomar decisións no congreso galego. Os socialistas lucenses saberán escoller a mellor ruta posible para defender os intereses da cidade e da provincia.

"A Xunta quere estrangular as deputacións en vez de axudar; é unha...
Comentarios