A Xunta porá nos centros de saúde da Pastoriza, Riotorto e Navia caldeiras de biomasa

Adxudicou en 175.000 euros estas intervencións ► Búscase mellorar a eficiencia enerxética nesas instalacións
undefined
photo_camera Ramón Ares. EP

A Xunta de Galicia vai instalar caldeiras de biomasa nos centros de saúde da Pastoriza, Navia de Suarna e Riotorto. A Administración galega vén de adxudicar en 175.000 euros a instalación destes sistemas de produción de enerxía térmica nos tres consultorios, co obxetivo de mellorar a eficiencia das instalacións.

Segundo destacan desde o Goberno autonómico, dese orzamento total investiranse 66.000 euros no centro médico da Pastoriza, 59.000 no de Navia e 50.000 no de Riotorto.

A Xunta sinala que a instalación deses novos sistemas de xeración de enerxía térmica permitirán reducir "nun 94%" o consumo de enerxía primaria non renovable neses centros de saúde, así como reducir "en máis dun 96%" as emisións contaminantes de CO2 á atmosfera.

Dende o Goberno galego encadraron estas intervencións nun investimento de 1,5 millóns de euros para dotar de caldeiras de biomasa once centros de saúde da comunidade galega e de sistemas de aerotermia outros tres consultorios.

A área sanitaria de Lugo obtivo recoñementos internacionais polo seu compromiso en materia de enerxías renovables

Este contrato valorado en 175.000 euros para os tres concellos lucenses materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía, que promove a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo Feder Galicia, dentro das súas actuacións de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento de biomasa térmica e outras enerxías renovables no sector público da comunidade.

Recoñecementos. Desde a Xunta, explican que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, dirixida por Ramón Ares, é unha "referencia internacional" na posta en marcha de accións para mitigar os impactos do cambio climático, a través da innovación e de medidas para protexer o medio ambiente.

Recentemente, a área sanitaria de Lugo obtivo o recoñecemento da organización Health Care Climate Challenge polo seu compromiso coa instalación de enerxías renovables.

Ademais, a Administración destaca o proxecto piloto Low Carbon, desenvolvido no Hula, que "marca as actuacións de descarbonización" de toda a rede sanitaria pública galega. O hospital foi galardoado na iniciativa Os +10 hospitais polo programa de saúde de Glasgow polo plan de xestión do carbono.

Comentarios